Páxinas

luns, 19 de marzo de 2018

LOS OJOS DE LA GUERRA

Interpretando libremente a frase de Xulio César, pronunciada ante o Senado romano, Veni, vidi, vici, Antonio Pampliega Chegou, falou e gañou. Gañouse a un alumnado, totalmente entregado, con só dúas armas: a palabra e a fotografía. Un alumnado silencioso, respectuoso, emocionado e impresionado pola dura realidade que o xornalista, especializado en conflitos armados lle ía amosando.
Los ojos de la guerra eran os ollos de Pampliega que percorrían as guerras de Siria, Somalia, Sudán do Sur, Congo, Afganistán e Iraq. Ninguén podía manterse indiferente. Rostros adolescentes conmovidos coas historias reais de mulleres, nenos, nenas e homes. Pero tamén o profesorado reflexionaba. Momentos intensos. A guerra ten cara, ten nome, ten vida. Unha vida entre cascallos, berros, bombas, ataques aéreos, destrución. Vímolo e oímolo.
E, entre todo isto, a voz de Antonio Pampliega. A voz da conciencia que sobrevoaba por enriba das nosas cabezas. Temos dereito a saber, a coñecer todo o que pasa no outro lado do muro. Reivindicación da prensa como informadora veraz. Sementeira de dúbidas. Convennos solucionar os problemas destes pobos en guerra? Estamos dispostos a renunciar aos nosos privilexios? Que pode facer a xente, cando as súas cidades quedan completamente destruídas? Ante os nosos ollos, un novo problema para Occidente, as migracións.
Antonio Pampliega, comprometido con visibilizar o sufrimento, sente a obriga de compartir as súas experiencias como aprendizaxe. "No os dejéis manipular. Pensad por vosotros mismos". As mensaxes ían calando paseniño no alumnado.
E, para rematar, unha frase, "Me afectan mucho los vivos que lloran a los muertos"; e un sorriso, o dos nenos e nenas nun soto, na escola.
Aínda que pareza mentira, a vida continúa.
Grazas, Antonio. Mil grazas.
Guadalupe Vilar
Coordinadora da Biblioteca


Libro de sinaturas da Biblioteca

domingo, 18 de marzo de 2018

VIAXE Nº 8: RAÍCES PROFUNDAS

A viaxe chega ao seu fin. Durante oito semanas estivemos percorrendo distintos pobos, distintas culturas. Esta é a última proba que tedes que superar.

Lembrade! O último día de entrega é o venres 23. Despois das vacacións, o resultado. Quen obterá o premio?


Viaxe nº 8: Raíces profundas

sábado, 17 de marzo de 2018

ANTONIO PAMPLIEGA NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Así recolleron os medios de comunicación a charla de Antonio Pampliega, Los ojos de la guerra, organizada polo Equipo da Biblioteca.



Para ler a noticia, premer na ligazón La Voz de Galicia

Para ler a noticia, premer na ligazón Diario de Arousa






mércores, 14 de marzo de 2018

ANTONIO PAMPLIEGA: LOS OJOS DE LA GUERRA

Este venres, Antonio Pampliega, xornalista especializado en zonas de conflito, virá ao noso centro para contarmos o que, a través dos seus ollos, viu nos países en guerra que percorreu.




xoves, 8 de marzo de 2018

VISIBILIZAR O INVISIBLE

Conmemoramos o Día da Muller co obxectivo de "Visibilizar o Invisible". É o noso recoñecemento a ese labor silencioso de moitas mulleres nos distintos pobos do mundo e, tamén, o noso agradecemento ás defensoras da igualdade.





Kristina Masuwa-Morgan foi a primeira muller zimbabuense en publicar poesías. Nos seus escritos trata temas relacionados coas mulleres e coa guerra. Recomendamos a lectura do poema "La mujer", que aparece recollido en Ellas [también] cuentan; antología inédita de narrativa breve y poesía de escritoras africanas de expresión inglesa (selección, edición e tradución de Federico Vivanco).


Marías, unha curtametraxe producida por Yosoyoho, que reflicte a discriminación que sofren as mulleres, pobres e indíxenas en México.

                                

Sonita Alizadeh, unha rapera de Afganistán, cóntanos a dura realidade que viviu ela e moitas nenas do seu país. Paga a pena escoitala.


                             

Para rematar, nada mellor que unhas palabras de Bernarda López Ramírez, defensora Xinca dos dereitos dos indíxenas de Guatemala.