Páxinas

domingo, 5 de maio de 2024

CONTRA O ACOSO ESCOLAR

 O 2 de maio celebrouse o Día Internacional contra o Acoso Escolar. Un grupiño de alumnas e alumnos gravaron un vídeo para concienciarnos de que hai que loitar contra os estereotipos que, ademais, son motivo de acoso escolar.

Felicitamos a este alumnado pola súa valentía porque, lonxe do que poidamos crer, aínda hai xente que se sente co dereito ao insulto. 

Todo o noso apoio para calquera persoa que por diferentes motivos (culturais, relixiosos, de orientación sexual...) se sinta perseguida e acosada.

Loitemos contra o acoso escolar!!!

venres, 3 de maio de 2024

TEREI OU NON TEREI?

 O Dia do Libro foi realmente especial. O profesorado sumouse a nosa proposta e ninguén quedou sen libro, así que o curso que vén xa teremos que buscar outro nome para esta celebración, porque "Imos ter!!"😀

Compartimos libros e doces e uns momentos moi agradables. E agora, a ler e a volver pola biblioteca!

Agardámoste cos libros abertos

xoves, 2 de maio de 2024

LECTURAS VIVAS POLIFÓNICAS II

 Para celebrar o Día do Libro, promovemos, de novo, Lecturas Vivas Polifónicas.  Todo o alumnado de ESO fixo unha lectura compartida en voz alta dun relato escollido polo departamento de galego e castelán.



EN AGOSTO NOS VEMOS

 En agosto nos vemos, obra que os fillos de Gabriel García Márquez decidiron publicar, foi a lectura compartida nesta xuntanza do club. En xeral, gustou, sobre todo, o primeiro capítulo. Comentouse que algunhas secuencias parecen estar pouco desenvolvidas (como a da filla monxa), atopáronselle semellanzas con Memoria de mis putas tristes e abriuse un debate interesante sobre a decisión de publicar un libro en contra da vontade do escritor (neste caso). tamén falamos da importancia da persoa editora na publicación dun libro.

Despois do intenso debate, xa escollemos a próxima lectura. Nada menos que unha traxedia grega, Medea de Eurípides.

II FEIRA PORTUGALEGA

 O 25 de abril celebrouse a II Feira Portugalega organizada polo alumnado correspondente. Coma sempre, aí estivo a profe Marisa, que non para de traballar, coordinando a mozos e mozas na irmandade da cultura portugalega. Recordaron os 50 anos da Revolución dos Caraveis e escoitamos a canción "Grandôla, vila morena", que se convertiu no himno do derrocamento do réxime ditatorial salazarista.


II Feira Portugalega de Biblioteca Castro Alobre

A XENTE NON CAMBIA

"A xente non cambia, quita a máscara" é a proposta artística do alumnado de plástica. Estes días expóñense os seus traballos na cafetería, uns deseños dignos do Entroido.

luns, 22 de abril de 2024

TEREI OU NON TEREI?

 Estase achegando o Día do Libro. Comezamos coas lecturas na biblio "Lecturas vivas polifónicas II" e os libros cheguen enchendo as cestas!!!

MULLERES EN LOITA

Mulleres en loita é unha exposición promovida por Amnistía Internacional que podemos ver no noso centro. Ademais, tamén temos material didáctico para traballar na aula, aínda que a lectura dos paneis xa é máis que suficiente para promover a reflexión.


domingo, 21 de abril de 2024

CLUB DE LECTURA

 Novas xuntanzas do Club do alumnado. Por unha banda, o alumnado de 3º, 4º e 1º bac. xa ten a próxima lectura, Mentira de Care Santos. Por outra, Lectura con-ciencia reuniuse para falar de Rebelión en la granja e propoñer a lectura de Micro algas de Xulia Pisón.

Máis info nesta ligazón https://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2024/04/seguimos-lendo.html




TEREI OU NON TEREI?

 O Día do Libro vai ser un día especial ou, polo menos, iso pretendemos desde a biblioteca. A proposta que lle facemos a todo o profesorado consiste en "agasallar" cun libro da biblioteca a un profesor ou profesora. Para iso debemos coller un sobre cun nome. Quen nos tocará? Gustaralle o libro que escollemos? O martes 23 despexaremos todas as dúbidas. Mentres tanto, animamos á participación. Achegádevos a biblioteca e veredes que boas propostas vos facemos.

DÍA INTERNACIONAL DO BICO

 O 13 de abril celebramos o Día do bico con este vídeo no que aprendemos a dicir "bico" en diferentes linguas.

HÉCTOR CAJARAVILLE

 Hai uns días contamos coa presenza dun escritor moi querido no noso centro, Héctor Cajaraville. Son xa moitos os libros lidos deste autor e xa varias as súas visitas. Esta vez o encontro foi dirixido a 2º ESO, xa que leron A caixiña dos rancores. O alumndo quedou encantado y con ganas de ler o seu próximo libro que comezará a escribir en breve, segundo lles contou.

Aproveitamos a súa visita para que asinara, de novo, no libro da biblioteca. 


A FORZA DOS BICOS

 A forza dos bicos chegou con Antonio García Teijeiro. O alumnado de 2º ESO leu poemas con temática "bico" e contaron unha historia desde a súa perspectiva. Un bo traballo.

Isto foi todo o que fixeron. Redacción dun conto inventado a partir dun poema diferente do escritor Antonio García Teijeiro (extraído de volumes deste autor como Bicos, bicos e máis bicos, Bicos e non balas e Bicos na voz). Acompañar dunha pequena ilustración. 2-3 horas. Con todos os contos elaborouse un mural que foi colocado no corredor (zonas de tránsito) do instituto. A lírica e a narración como xéneros literarios son contidos deste nivel.

xoves, 21 de marzo de 2024

DÍA DA POESÍA

 No Día da Poesía recordamos poetas e libros.



Escoitamos as voces poéticas das alumnas de 3º ESO.

Día da poesía 21 de marzo de 2024 de Cristina Ferreira
Día de poesía de Alisha Sheraz
DÍA DA POESÍA de Sara Montoya

mércores, 20 de marzo de 2024

HOXE FALAMOS DE BANDA DESEÑADA

 Interesante encontro con Xaime Lis, libreiro e experto en cómics. Esta foi a maneira de celebrar desde a biblioteca o Día do Cómic e do Tebeo.

Comezou Xaime coas diferentes palabras que se utilizan para falar de cómics: banda deseñada, novela gráfica, manga, quadrinhos, tebeo, historieta, fumetto... Todas elas designan o mesmo, debuxos acompañados de texto.

A continuación, fixo un percorrido polos precedentes do cómic como as pinturas rupestres ou a columna de Traxano que xa contaban historias. Falounos da importancia do descubrimento da imprenta en 1453, das primeiras litografías en 1798 e dos primeiros cómics en 1830. Todo un luxo escoitalo e ver a selección de imaxes que, ao mesmo tempo, comentaba.

Finalmente, falou do cómic europeo, dos fanzines (feitos por persoas afeccionadas que non teñen outros medios de publicar), das historietas de tema social ou de creadores de cómic como Osamu Tezuka, Moebius, Joe Sacco, Enma Ríos ou Miguelanxo Prado.

Por suposto, o cómic en galego tamén ocupou parte da súa intervención, así como o aumento de autoras femininas.

Destacamos a súa reivindicación para que os autores e autoras de banda deseñada sexan máis valorados, porque son grandes artistas.

Agradecemos a Xaime que estivese con nós  e compartise os seus coñecementos coa rapazada do Club de lectura. Pronto teremos na biblioteca as súas recomendacións.


martes, 19 de marzo de 2024

A FORZA DAS MULLERES NAS ARTES

A forza das mulleres nas artes é a proposta da biblioteca para o Día da Muller. Queremos dar a coñecer a grandes mulleres descoñecidas e facémolo mediante un concurso. Ademais do alumnado, poderá participar o profesorado. Convidamos a profesores e profesoras que animen á rapazada. É unha maneira máis de implicarse neste día. Podemos falar delas e seguro que de moitas máis.

A forza das mulleres nas artes de Biblioteca Castro Alobre

MOMENTOS COMPARTIDOS

 Nova xuntanza do club E ti que contas? Esta vez tocounos ir ao cole a ler sobre Rafa Nadal, xa que este curso están a traballar as Olimpiadas e nós sumámonos ao proxecto. Coma sempre, pasamos un momento moi agradable. Falamos de tenis, viaxamos con Rafa a EEUU, París, Londres, Roma, Australia..., Claudia e Alberto explicáronnos o mural que fixeran na clase e as nosas alumnas mostráronlles unha selección de 10 tenistas (cinco mulleres e cinco homes) con algúns datos que quixeron destacar.

Rematamos a sesión cun xogo no que tiñamos que agrupar pictogramas segundo o deporte que representaban. Agora no cole van facer un mural cos debuxos de Lidia, Alisha, Emily, Sara, Cristina, Emanuella e Nuria.


luns, 18 de marzo de 2024

VELLOUCAS & MINCHAS

 Que interesante xuntanza !! O alumnado do club de lectura puido falar con Lorena de Velloucas & Minchas. Todo un luxo poder compartir opinións e, tamén, poder facerlle preguntas sobre o seu labor como escritora.

FALANDO DE LIBROS

 Xuntanza interesante do Club de lectura para falar de La biblioteca de las lectoras valientes. Sorprendeunos a historia real na que se basea o libro por descoñecida, pero non nos atrapou a lectura do libro. Pensamos que podía dar máis de si. A voz narradora non nos gustou, atopamos algunha incoherencia e algunha escena realmente incrible. Un libro entretido, pero sen máis. De todos modos, alegrounos saber que, en tempos de guerra, existía unha biblioteca subterránea que trataba de entreter cos seus préstamos a moitas persoas nuns momentos tan terribles.

OS BICOS

O alumnado de 3º ESO participou no PDI "A forza dos bicos" en Valores cívicos e éticos. Traballaron en grupos sobre Os bicos nas diferentes culturas, Bicos e consentimento, Bicos e educación sexo-afectiva, Bicos e dereitos LGBTQ, Bicos e amor romántico ou Bicos na arte ou na historia. Finalmente, expuxeron na clase toda a súa aprendizaxe que, seguro, foi moita.

Grazas Adela (xefa do departamento de Filosofía) por participar noa proxecto a parabéns ao alumnado.

BICOS FORZADOS

 Bicos forzados é a contribución do departamento de Grego ao PDI deste curso "A forza dos bicos". O alumnado de Cultura clásica de 4º ESO tivo que informarse sobre mitos nos que se contaban violacións, raptos ou persecucións. Despois de ter comprendida a información, debían seleccionar a parte da historia na que estivese presente a violencia machista. Finalmente, elaboraron un mural para expoñer nos corredores  o 25 N. 

xoves, 7 de marzo de 2024

GRANDES ARTISTAS

 Os cómics son libros moi solicitados na nosa biblioteca. As ilustracións acompañadas (ou non) de texto marabillan á rapazada. Nós tamén temos Grandes Artistas aos que lles gusta debuxar e quen sabe se, algún día, ilustrarán eses libros que tanto len.

Happy wedding anniversary ! de Biblioteca Castro Alobre

luns, 26 de febreiro de 2024

Día de Rosalía

 O alumnado de 3º ESO PDC leu o manifesto "Rosalía: o amor da patria galega" de Carlos Callón.


Tamén, a proposta do Equipo de Normalización Lingüística elaboráronse pulseiras con versos de Rosalía.

venres, 23 de febreiro de 2024

ROSAL.IA NOS MEDIOS

O proxecto ROSAL.IA non para de darse a coñecer: xornais, radio e tele galega. 
Agora mesmo xa están na TVG. Mirade que guapos e guapa está tamén a profe. Cantos aplausos merecen👏👏👏

A Voz de Galicia publicou no día de hoxe "Os rapaces que puxeron a Bad Bunny a cantar os versos de Rosalía de Castro. Para ler toda a noticia clicade aquí
E se queredes escoitar a súa intervención mais a de Marisa na radio Galega aquí a tedes.