Páxinas

venres, 26 de outubro de 2018

AVANZANDO CARA A IGUALDADE COAS NOVAS TECNOLOXÍAS


Hoxe comezamos a andaina no EpDLAB. Un proxecto novo, non para o instituto (que xa participou o curso pasado) , pero si para nós. EpDLAB é un proxecto de Educación para o Desenvolvemento promovido por Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) no que están implicados 5 IES de Galicia. O seu obxectivo é "promover a reflexión colectiva sobre a desigualdade social dende unha perspectiva mediática, así como fomentar o pensamento crítico e motivar a expresividade e a responsabilidade no uso das redes sociais."

Van ser once os alumnos e alumnas, de 3º PMAR, que se van beneficiar deste proxecto. Hoxe coñeceron a Roi e participaron nas tarefas que lles ía presentando. Faloulles de sexismo e roles de xénero nos medios. Tema moi interesante e necesario para a formación da nosa rapazada, no que o noso centro, como sabedes, ten xa un longo camiño percorrido. Esta actividade non vén máis que a reforzar o noso traballo e o noso compromiso coa igualdade e os colectivos sociais máis desfavorecidos.

O alumnado comezou a traballar, primeiro, timidamente e, logo, con máis desenvoltura. Son uns rapaces e rapazas moi especiais que aproveitarán moitísimo estes obradoiros.

Sexismo, machismo, identidade, roles de xénero… Palabras todas elas que invitan ao debate e á reflexión. E, para finalizar, o resumo da sesión nunha imaxe (coa App Phonto) e unha frase.




Desde a biblioteca escolar intentaremos promover esta actividade de cara ao 25 de novembro, ligándoa ao noso proxecto Bibliomedia: unha invitación á comunicación.

E, para rematar, quero compartir a frase dun alumno: “Debemos ver o mundo cunha mirada crítica”.


Grazas EpDLAB.
Grazas Roi.



Ningún comentario:

Publicar un comentario