Descubrimentos e Inventos

luns, 11 de marzo de 2019

AS GRANDES ESQUECIDAS

Iniciamos a semana adicada á muller con As grandes esquecidas. Chegaron as tres mulleres participantes na mesa redonda dispostas a dar a súa visión sobre o papel das mulleres nas súas profesións e, tamén, para recordar ás esquecidas, aquelas mulleres que no seu momento non tiveron o recoñecemento debido e, incluso, se enfrontaron a problemas para poder estudar, sendo obxecto de discriminación por parte dos homes.



Primeiro, unha intervención en solitario. 
Eva Cabanelas, licenciada en veterinaria, fixo un percorrido desde as pioneiras ata a actualidade, comentando como cambiou a situación das mulleres nos últimos tempos. De ser considerada unha carreira masculina, “A veterinaria non é para mulleres”, pasou a feminizarse contándose xa cun 60% de mulleres na investigación; iso si, con menos proxección mediática que os homes. Rematou Eva con dous magníficos monólogos científicos: un adicado ao doutoramento e o outro aos gandeiros, que nos fixeron sorrir.


Isabel Rei, profesora de guitarra no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e investigadora, tamén deu a coñecer guitarristas esquecidas, entre elas Rosalía de Castro, e deleitou ao alumnado asistente coa súa música.



Mentres María Canosa, enxeñeira, escritora e presentadora da TVG, visitaba a exposición TraballadorAs, con fotografías realizadas polo alumnado,  inauguraba a sala de titoría co seu nome e aproveitaba para asinarnos o seu último libro, Muriel.









Despois dun descanso, Paloma, a profe de música, moderou unha charla ben interesante, pero moi curta. As nosas convidadas tiñan moito que dicir e transmitir en prol da igualdade. Destacamos o nome das grandes esquecidas que elas quixeron “rescatar”: María Cerrato Rodríguez (1897-1981), Justina González Morilla (1903-1997) ou Luz Zalduegui Gabilondo (1914-2003) son tres pioneiras no mundo da veterinaria destacadas por Eva Cabanelas. Henrietta Leavitt e Olimpia Valencia son as destacadas por María Canosa e Isabel Rei lembrounos os nomes de Christine de Pizan, como precursora do feminismo, ou de guitarristas como Rosalía de Castro e Avelina Valladares.
Queremos agradecer a todas elas a súa boa disposición para asistir a este acto e a Paloma a súa colaboración e implicación. Por suposto, non esquecemos ao alumnado que, unha vez máis, fixo gala do seu saber estar. Parabéns!



Xa ao remate, Eva Cabanelas agasallounos con dous libros escritos por ela para a nosa biblioteca e, por suposto, deixou a súa pegada no libro de sinaturas da biblioteca.



Eva Cabanelas


     
María Canosa


Isabel Rei



Ningún comentario:

Publicar un comentario