Descubrimentos e Inventos

xoves, 14 de marzo de 2019

TANIA BALLÓ, LAS SINSOMBRERO

A directora de cine, "produtora de ideas" e escritora, Tania Balló, descubriunos hoxe a Las Sinsombrero. Un cartel de luxo para un alumnado de 4º ESO e 2º de bacharelato que, unha vez máis, tivo un comportamento excelente.

Tania presentounos, a través do proxecto transmedia, ás mulleres que por dereito propio debían estar incluídas na Xeración do 27, pero foron esquecidas polos seus compañeiros e amigos deste grupo e, tamén, foron excluídas dos libros de texto. Pediu ao alumnado "una actitud crítica para combatir solo la visión masculina de la Generación del 27".


Comezou a charla facendo referencia ás palabras de Maruja Mallo, que contan o coñecido episodio de quitarse o sombreiro na Porta do Sol en Madrid e que foron a súa inspiración para poñerlle nome a este grupo de mulleres. Falounos, entre outras, de Margarita Manso, Maruja Mallo, María Teresa de León, Concha Méndez, Rosa Chacel e Ernestina de Champourcín. Mulleres "muy modernas para la época" e "ninguneadas por sus propios compañeros" nas poucas ocasións nas que falaron delas. Lembra que viviron os períodos históricos máis importantes do século XX (a ditadura de Primo de Rivera, a Segunda República, a ditadura franquista, a transición e a democracia) e que, nalgúns casos,  (tamén eles) se ven obrigadas a exiliarse durante o franquismo. Momentos duros de tristeza e soidade.


O obxectivo de Tania Balló con este proxecto é que o seu traballo axude a descubrir a estas mulleres, que o alumnado as reivindique nas distintas materias. Todas elas foron mulleres que crearon obras importantes, que expuxeron e publicaron.

Ao final, houbo un tempo para preguntas que se quedou curto, "Es la primera vez que veo tantas manos levantadas", dixo. O alumnado interesouse por cuestións como se ía seguir investigando sobre mulleres desta xeración (haberá un terceiro libro, pero será o último), se gañaban o suficiente diñeiro para vivir, se pensaba estender o estudo a mulleres científicas, se se considera o punto de partida en dar a coñecer a estas mulleeres ou cal é a súa Sinsombrero preferida. A resposta a esta última pregunta, despois de pensalo, foi María Zambrano.


Queremos agradecer a Tania Balló a súa presenza no noso instituto por achegarnos a estas mulleres marabillosas, necesarias e imprescindibles. Compartimos con ela o seu anhelo por desexar vivir nunha sociedade na que non tivese que reivindicarse como muller. 



E, para rematar, recomendar a lectura dos seus libros, porque realmente son unha fonte de información estupenda para comprender este momento histórico tamén con elas; e compartir as palabras de Tania Balló "Las Sinsombrero son todas las mujeres que lucharon por ser ellas mismas".



Ningún comentario:

Publicar un comentario