luns, 30 de decembro de 2024

UN NADAL CON CLÁSICOS

 Καλά Χριστούγεννα ou Feliz Nadal é o desexo do alumnado de Cultura clásica de 4º ESO que vos recomendan para estas vacacións libros de mitoloxía, de historia, de gastronomía, de poesía ou narrativa. Todas estas lecturas están relacionadas con Grecia e coa mitoloxía do mundo clásico. Lecturas moitas veces esquecidas e que é necesario recordar.

Tamén os Karabakis traen esas recomendacións lectoras. Os karabakis ou barquiñas son o adorno tradicional das illas e zonas costeiras gregas. Unha maneira de recordar o tema do PDI, Illas peregrinas.

Un Nadal clásico

venres, 27 de decembro de 2024

LE NO NADAL

O alumnado tamén recomenda lecturas para este tempo de vacacións. Carlos propón ler Stranger Things, Seis. Este cómic conta a vida dunha adolescente con poderes; ademais, hai cousas sobrenaturais como monstros ou portais a outro mundo. Recomenda este libro a persoas ás que lle gusta o suspense. Nunca sabes o que pasará.
Shaila recomenda Cores prohibidas, porque é unha lectura para aprender que todas as persoas somos iguais máis alá da súa cor de pel; todas temos os mesmos dereitos e debemos respectarnos.

LECTURAS PARA O NADAL

A árbore de Nadal da Biblioteca estaba cargada de recomendacións lectoras.

Ademais, queremos recomendar uns libros moi especiais. Seguro que coñecedes a Fernando, profe de Física e a Noa e a Andrea, profes de Lingua galega. Pois tamén escriben; por iso, estes libros son imprescindibles. Se vos gusta a música, a narrativa ou a poesía e tedes inquedanza por escribir, seguro que vos darán uns consellos😉

Lecturas para o Nadal de Biblioteca Castro Alobre

FESTA MULTICULTURAL

Despedimos o trimestre cunha Festa multicultural organizada polos correspondentes.

domingo, 22 de decembro de 2024

ALBERTO AMARO

Alberto Amaro, xornalista mexicano, compartiu co alumnado de 4º ESO a súa historia. Unha historia que non deixou indiferente a ninguén. Como el mesmo dixo, a realidade é moito peor que as películas. Referíase a súa propia vivenza como xornalista ameazado por querer contar a verdade sobre a corrupción ou os crimes do seu país. Falounos, tamén, da importancia da liberdade de expresión.  
Hai dous meses que vive en Asturias. Deixou México, axudado por Amnistía Internacional, para protexer a súa familia e, por suposto, a el mesmo. Escoitamos un relato moi duro, terrible, que nos deu que pensar e reflexionar. Seguro que, agora, o noso alumnado vlaora máis a liberdade da que goza.
alberto Amaro de Biblioteca Castro Alobre

OJOS DE PALESTINA

 Para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Biblioteca organizou un encontro con Anan Abdalah, palestino afincado en Vilagarcía desde hai anos. Anan fixo un percorrido histórico para que o alumnado  de 1º de bacharelato puidese comprender o conflito actual entre Israel e Palestina e achegoulles a realidade que vive na actualidade o pobo palestino.

Queremos agradecer a Anan a súa boa disposición cando lle propuxemos este encontro. Ademais, agasallou á biblioteca co seu libro Ojos de Palestina, unha boa lectura.


LECTURA COMPARTIDA

Xuntanza do Club para compartir por videoconferencia O misterio de Portomarín co alumnado do IES Chano Piñeiro.




Rematamos a xuntanza cunha merendiña mentres repartiamos a seguinte lectura, Matilda de Roald Dahl.

mércores, 18 de decembro de 2024

ADEUS VISTA DOS MEUS OLLOS

Para conmemorar o Día Internacional das Persoas Migrantes, o Equipo de Correspondentes organiza no espazo Xove de Vilagarcía unha serie de actividades para festexar a riqueza cultural e lingüística que cada día está máis presente na sociedade e, tamén, na escola.   Desenvolveranse obradoiros de banda deseñada e baile.


Para finalizar a xornada, presentarase a primeira parte do documental "Adeus vista dos meus ollos", protagonizado por alumnos e alumnas do noso centro e dirixido pola profesora Marisa Moreda. Este traballo nace co obxectivo de dar voz e visibilizar as historias e vivencias das crianzas que migran, que traen nas súas retinas esa viaxe que un día tan ben retratou Rosalía, eses "adeus" ás amigas, familiares, profesoras... eses "non sei cando nos veremos" que as manteñen coa ilusión de voltar.

Non podemos máis que admirar este grande traballo realizado por Marisa e felicitar a ese alumnado que tan ben acolleu a iniciativa e nos contou esas vivencias tan íntimas. Despois de ver o documental, seguro que reflexionaremos e comprenderemos moito mellor que urxe traballar por unha integración plena. Valoraremos tamén a importancia do acollemento na escola, no instituto, como lugar para fomentar a igualdade e facer amizade. 

De novo, parabéns!!!

luns, 16 de decembro de 2024

MEMORIA DO SILENCIO

   Hoxe tivemos unha visita excepcional. O alumnado de 4º ESO compartiu con Eva Mejuto unha conversa literaria. O tema, o seu libro Memoria do silencio. Contounos a poca información que temos das irmás Touza e da súa contribución á fuxida de moitas persoas xudías desde a súa Ribadavia natal.

    Foi un pracer escoitar como foi construíndo esta historia e como foi perfilando os personaxes. Tamén nos explicou as distintas voces narrativas e a súa importancia na perspectiva que lle quería dar ao relato.

    Uns momentos literarios que aportaron unha visión diferente do nazismo e, sobre todo, moi descoñecida para o alumnado.


LA CARTERA

 La cartera de Francesca Gianone foi o teme de conversa desta xuntanza do Club, En xeral, gustou pero esperabamos máis desta lectura con tan boas críticas.

mércores, 11 de decembro de 2024

QUILOS DE ORGULLO

 "Quilos de orgullo" é unha iniciativa do equipo de Correspondentes do Castro Alobre. O obxectivo é recoller quilos de alimentos ou produtos de hixiene desde o orgullo de axudar e de promover a cooperación social e a solidariedade entre o alumnado.

A recollida será durante os días 16, 17 e 18. Podedes depositar as vosas doazóns na entrada do instituto. O destino será o Banco de Alimentos.

O Equipo de Correspondentes vos convida a participar y a encher o Castro Alobre de orgullo.

Como sempre, agradecemos á profe Marisa a implicación en actividades tan importantes como esta. Sempre fomentando a solidariedade e o respecto.

Tamén, parabéns a o alumnado Correspondente por esta iniciativa.

luns, 9 de decembro de 2024

ESCRIBINDO CARTAS

A correspondencia na I Guerra Mundial é un proxecto do departamento de Xeografía e Historia que estes días se expón no espazo da Biblioteca no primeiro andar.

Estas cartas foron escritas polo alumnado de 4º ESO do curso pasado (2023-2024). Un proxecto moi interesante do que seguro aprenderon moito. 

Nun momento, no que a comunicación é inmediata, esquecémonos deses tempos nos que ter noticias de alguén querido era un proceso moi lento, que provocaba angustia en situacións difíciles como as guerras.

Diseño de Biblioteca Castro Alobre

venres, 29 de novembro de 2024

SOLIDARIEDADE CON PALESTINA

 No Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino o Equipo de Correspondentes do noso centro, dirixido pola profe Marisa, quixo darlle voz a algunhas historias de crianzas, mulleres e homes de Gaza asasinados no último ano. Estas historias forman parte da exposición que podedes ver no instituto xusto á entrada. É esta unha iniciativa da Asamblea da UVigo con Palestina que contou co apoio de Dina T., unha moza palestina que logrou fuxir de Gaza.

Na Biblioteca podedes ler estas historias recollidas nun dossier.

Tamén podedes ler Palestina de Joe Sacco e dous libros agasallo do seu escritor, Anan Abdalah que, por certo, estará na biblioteca o 19 de decembro nun encontro co alumnado de Historia de 1º de bacharelato.

luns, 25 de novembro de 2024

LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

 

Que a violencia cambie de bando de Biblioteca Castro Alobre

QUE A VIOLENCIA CAMBIE DE BANDO

Que a violencia cambie de bando
é o lema escollido este ano para recordar ás mulleres vítimas da violencia machista. A Bibliteca sumouse a esta iniciativa recomendando libros nos seus expositores e en boletíns. Tamén colaborou coa Dinamización de igualdade na adquisición de chapas e aportando os premios para o concurso convocado.

AS MULLERES, VÍTIMAS DA GUERRA

 O alumnado de Cultura clásica de 4º ESO e o de Grego de 1º de bacharelato fixeron uns marabillosos murais para visibilizar a violencia machista na mitoloxía.

As mulleres, vítimas da guerra reflicte a situación das mulleres na Guerra de Troia, convidando á lectura da Ilíada e da Odisea desde unha perspectiva diferente, a de elas.
Por que sempre elas? reflexiona sobre o papel da muller na mitoloxía: sacrificios, violencia vicaria, abandono ou agresións sexuais son tipos de violencia sofridos por Ifixenia, Medusa, Rea, Xea, Perséfone ou Ariadna.

ILLAS PEREGRINAS

Xa temos a recompilación das Illas peregrinas. Esta é unha selección da aportación do alumnado de 1º ESO ao Proxecto Documental Integrado deste curso. Despois da formación como usuarios e usuarias tiñan que buscar libros relacionados con illas e debuxar algunhas das que lle propoñíamos. Tamén tiñan que inventar un título. Este foi o resultado.

venres, 22 de novembro de 2024

O MAGOSTO

 Nova xuntanza do Club "E ti que contas?". Desprazámonos á biblioteca do cole. Esta vez tocounos ler sobre o magosto, esa festa tan arraigada entre nós. Despois de ler e falar de castañas, castiñeiros e soutos, pintamos e coloreamos estes froitos para facer un mural. Encántanos pintar!!

Ademais, tiñan preparada unha sorpresa. Agasalláronnos cun doce de castañas feito polos compañeiros e compañeiras. Estaba riquísimo! Tamén nos explicaron con fotos como elaboraran esta tarta. Seguro que alguén se animará a facela na súa casa.

Como sempre, unha reunión moi agradable. 

LE CIENCIA EN GALEGO

 Cada vez son máis as lecturas científicas que forman parte da nosa biblioteca. Como sabedes, novembro é o mes da ciencia en galego e, por iso, podedes ver moitos libros expostos desta temática. Tamén queremos contribuír a dar a coñecer os Obxectivos do Desenvolvenmento Sostible (ODS). 

Elaboramos un boletín informativo con lecturas divulgativas sobre o cambio climático, a contaminación dos mares polos plásticos, a degradación do solo.. E tamén algunhas solucións e medidas que podemos tomar nas nosas casas. Este é un exemplo dalgúns libros que podedes atopar, pero hai moitos máis!!

Agardámoste cos libros abertos!

le ciencia de Biblioteca Castro Alobre

luns, 18 de novembro de 2024

A NOITE DA LOBISMULLER

 Parabéns ao alumnado do agrupamento de Lingua galega por este vídeo "A noite da Lobismuller". Gañaron o premio do concurso de terro!!!!👏👏👏

venres, 8 de novembro de 2024

LADYDI

 Tamén se reuniu o Club de 3º, 4º e 1º de bacharelato. Lerán Ladydi de Jennifer Clement, unha obra sobre a que haberá un debate moi enriquecedor.

Máis info nesta ligazón https://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2024/11/ladydi.html