martes, 27 de outubro de 2020

UNHA OLLADA VIOLETA

    A biblioteca convoca o concurso fotográfico Unha ollada violeta. Poderá participar todo o alumnado do centro. Entre as fotos que enviedes ao correo da biblio bibliocastroalobre@gmail.com, seleccionaremos as tres mellores. O premio consistirá en vales para mercar en calquera dos comercios de Vilagarcía adscritos a Zona Aberta:

                        1º premio: 100€

                            2º premio: 80€

                                3º premio: 50€

     Tedes de prazo ata o 22 de novembro. Podedes ver aquí o cartel anunciador e as bases. 




domingo, 25 de outubro de 2020

Día das Bibliotecas

    O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas. Este curso preséntase realmente difícil, pero non por iso nos imos desanimar. Trataremos de levar á comunidade educativa propostas de lecturas, utilizando este blog como canle de comunicación; tamén, intentaremos achegarvos as creacións do noso alumnado, un xeito diferente de participar nas actividades da biblioteca.

    Botamos de menos a eses mozos e mozas que viñan buscar libros, que viñan a ler, a estudar ou a participar nos nosos concursos. 

    Tiñamos unha biblioteca con vida, con moita vida, e é iso o que queremos lembrar neste Día das Bibliotecas. 

    Porque non deixaremos que este virus faga esquecer a Biblio Castro Alobre, esta é A nosa biblioteca: así era e así seguirá sendo.





domingo, 18 de outubro de 2020

A LOITA COTIÁ DAS MULLERES POR ESTAREN AÍ

O 19 de outubro celébrase o Día das Escritoras. Como en anos anteriores sumámonos á iniciativa da Biblioteca Nacional de España, que organiza en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. O seu obxectivo é "reivindicar la labor y el legado de las escritoras a lo largo de la historia".

Este ano a comisaria Elvira Lindo selecciona textos que nos van falar do esforzo cotiá das mulleres. Intentaremos transmitir ao noso alumnado os pensamentos e sentimentos destas escritoras. 

Ademais, este ano, temos unha colaboración moi especial para conmemorar este día. Queremos agradecer ao profesorado do Departamento de Galego do noso centro a escolla de textos de escritoras en lingua galega e portuguesa, para achegarllos ao noso alumnado. Unha Hora de Ler interesante e variada.

Escritoras en lingua galega👉https://www.canva.com/design/DAEKVd_vsaE/jvpgTY4-N83xZQK2-eXBDA/view?presentation

Escritoras en lingua portuguesa 👉 https://www.canva.com/design/DAEKB94M3qY/ViiBKGoRENfalMUZLIl7YA/view?presentation#5

martes, 22 de setembro de 2020

QUE FAREMOS NA BIBLIOTECA SEN BIBLIOTECA?

Este curso preséntase especialmente duro e moi diferente para alumnado e profesorado. Debemos acostumbrarnos a unha serie de normas tan estrañas como necesarias: non compartades, non traballedes en grupo, non fagades deportes de contacto... A pantasma da COVID 19 está rondando e é, realmente, un asunto moi serio.

Tamén a biblioteca escolar se verá afectada polo virus. No noso caso quedamos sen biblioteca. Xa non haberá ese espazo de encontro, de lectura, de estudo, do cal estabamos tan orgullosos e orgullosas. Soarán prohibicións continuas: non toquedes os libros, non collades películas, non veñades con compañía a solicitar os préstamos e, mellor, se non vides; sempre temos un correo electrónico para axudarvos. 

É unha mágoa, pero ten que ser. 

A biblioteca pecha e se converte en aula. É necesario acoller a trinta alumnos e alumnas, que se verán rodeados de libros. Libros que será difícil prestar, porque non podemos expoñer nos diversos espazos lectores que tiñamos e desapareceron. Totalmente necesario, de novo. 

Pero a pregunta é, como imos dinamizar unha biblioteca sen biblioteca?

Quédanos o blog, pero sabemos que así é moi difícil mover ao alumnado. O meu ánimo como coordinadora da biblioteca está moi baixo. Doe poñer carteis de "Non tocar". Como faremos a xestión da biblioteca? Preguntas aínda sen resposta.

De momento, "o papeleo", o Protocolo da biblioteca que podedes consultar aquí https://drive.google.com/file/d/16h3qYDpvMR22djhN8UJ14B_RjA1GmJVu/view?usp=sharing

De xeito resumido e máis dinámico este vídeo

martes, 9 de xuño de 2020

UN PROXECTO EN COMÚN

Queremos presentarvos ese libro do que falamos en anteriores entradas. Un libro moi, moi especial como especiales son todas as persoas que o fixeron. É un proxecto en común, porque en común len, ou mellor dito, leron libros. Nesas xuntanzas dos xoves na nosa biblioteca (tamén no cole veciño, por certo, nunha sesión de cine) imos afondando nas historias, nos personaxes e, tamén, na tolerancia, na aceptación, no respecto. Isto é o que fai grande o noso club, porque Todos e Todas sumamos.

Ver o libro aquí

xoves, 4 de xuño de 2020

DOS HEROÍNAS CONTRA EL CORONAVIRUS

Carlota Magán Cascallar de 1º ESO A achegounos este bonito relato no que as protagonistas Ana e Ana Frank loitan contra o coronavirus. Unha preciosa historia que paga a pena ler.

Parabéns, Carlota!


xoves, 14 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS 2020

O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas e, aínda que nunha situación realmente especial, non queremos esquecer a Ricardo Carvalho Calero, escritor a quen se lle adica este día.


Ofrecemos as seguintes ligazóns a recursos online para homenaxealo como se merece:
- Carvalho Calero 2020, impulsada por Agal en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística
- carballocaleroenlugo.org, feita polo Colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e do Colexio de Fingoi


Ademais, clicando aquí, podedes atopar unha serie de caricaturas de Carvalho Calero elaboradas por Siro.





mércores, 29 de abril de 2020

CONTRIBUÍNDO Á EDUCACIÓN

Despois de tantos días con malas novas, recibimos unha noticia esperanzadora. Recordaredes que o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado todo un experto no tema, Chema Caballero, estivo no noso instituto para dar a coñecer a situación dos nenos e nenas soldado. Todo un privilexio. Pois ben, recibimos un correo da ONG DYES (Desarrollo y Educación Solidaria), http://ongdyes.es/,  coa boa nova de que grazas á aportación da biblioteca (entre outras) por mor da charla anteriormente citada, tres xóvenes de Serra Leoa se puideron graduar na universidade.

É todo un orgullo para a nosa biblioteca seguir colaborando con proxectos solidarios.

Timothy S. Conteh

Samuel Samura

Daniel Kadalie Kamara

xoves, 23 de abril de 2020

UN DÍA DO LIBRO DIFERENTE

A nosa vida está medio parada ou, polo menos, separada desa mocidade lectora e da que non o é tanto, porque xa sabemos que, por moito que nos empeñemos, a moito do noso alumnado lle custa ler. 

Certamente, este blog sufriu un parón importante. Deixou de ter vida desde o momento no que nos tivemos que quedar na casa. Podiamos empeñarnos en recomendar libros ou podiamos involucrarnos nesa febre momentánea que non paraba de mandar ligazóns e ligazóns a todas partes como senón tivésemos unha preocupación maior. 

O noso alumnado podía ler libros gratuitos en diversas plataformas, podía visitar museos virtuais, podía participar nun feixe de concursos que lle podiamos presentar, podía, podía..., podía facer de todo e máis se houbese. O problema é que nos esqueciamos do máis importante. Como estaban esos mozos e mozas? Realmente a maioría estaba pensando en consumir toda esa oferta que se lle facía desde mil e unha bibliotecas e outros espazos? Preguntado como estaba un pequeno grupo do que teño o orgullo de ser profesora, a resposta foi unánime. Estes eran os seus sentimentos:

    tristura                                 agobio                             estrés                            enfado                             desánimo                            aburrimento                   ansiedade                     desesperación

Son amante dos libros, son amante das bibliotecas, pero os meus esforzos tiñan moi claro o seu destino, tratar de manterme en contacto con esta xuventude, intentar que me falasen. Desexo nada fácil. Non vía e non vexo as súas caras e temo, nalgún momento, a súa desconexión. Non son lectores nin lectoras, non lles gusta ler. Formaban parte dun Club de Lectura Inclusiva, un grupo marabilloso de xente reunida entorno a un libro. Estaban aí, porque eu os acompañaba e os guiaba Pero agora, que lecturas lles vou ofertar se necesitan acompañamento, se necesitan forzas para seguir adiante? Non teño a resposta pero, mentras isto ocorre en moitos hogares da nosa vila, hoxe, 23 de abril, celébrase o Día do Libro. A vida segue e seguimos pensando o mesmo, os libros son uns bos compañeiros de viaxe pero, para iso, tenos que gustar ler.

Este é o seu traballo.
Guadalupe Vilar, coordinadora da biblioteca

l

É como é o Día do Libro,este é o díptico para conmemoralo.



E un vídeo da biblioteca pública Almodi da Rede de Bibliotecas Municipais de Llíria (Valencia) que recibiu o premio "Biblioteca pública y compromiso social" (2019) polo seu proxecto "Biblioteca fácil", todo un exemplo a seguir.


Por último, unha viaxe polas 11 bibliotecas máis impresionantes do mundo. Deixamos para outro día as recomendacións lectoras. Supoño que saberedes comprendelo. Moitas grazas aos lectores e lectoras deste blog por acompañarnos nestes tempos difíciles e noutros mellores que, sen dúbida, virán.

venres, 6 de marzo de 2020

NOVA XUNTANZA, NOVA LECTURA

Despois dun mes de febreiro adicado á poesía no que lemos a Fran Alonso,
 

Sandra, a monitora do Centro con Eles, sorprendeunos coa próxima lectura. Nada máis e nada menos que A Celestina, un auténtico clásico! E para introducir este libro, falounos de Fernando de Rojas e de Calisto, Melibea e, por suposto, da "alcahueta" Celestina, palabra que espertou as risas da rapazada. Seguro que aprenderemos moito con este libro. Esperemos que lles guste!

 


mércores, 26 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA

Para conmemorar o Día de Rosalía, o Concello promoveu unha actividade na que o músico Dani Barreiro achegou a vida e obra da poetisa, utilizando a música como canle de expresión. A biblioteca acolleu a historia musicada de Rosalía.



mércores, 19 de febreiro de 2020

LECTURA FÁCIL


O luns 17 de febreiro algunhas das persoas que formamos o club de lectura Curuxaina combinamos para comentar a primeira das lecturas deste curso, a  novela de Cristina Morales Lectura fácil .
A obra escollida para esta primeira xuntanza do ano non deixou indiferente a ninguén e foron moitos os aspectos sobre os que debatemos como, por exemplo, a visión das distintas discapacidades das protagonistas, os límites de certos sistemas (xudicial, político, administrativo, etc.), a multiplicidade de técnicas narrativas empregadas, o humor que transloce nalgún dos discursos ou o uso da linguaxe na conformación das personalidades de cada unha delas.
Ademais, o bo ambiente e as ganas de manter este tipo de iniciativas fixo que acordaramos a seguinte obra e a seguinte xuntanza...vémonos nun mes co Carrusel de Berta Dávila!
Raquel Fernández



venres, 14 de febreiro de 2020

REGALA DIVERSIDADE. PREMIOS

Hoxe a biblioteca acolleu a entrega de premios do concurso Regala diversidade, convocado polo Grupo de Diversidades afectivo-sexuais e a Asociación de Comerciantes Zona Aberta. Ao acto, presentado pola coordinadora do grupo, Paloma García, asistiron a directora, a presidenta de Zona Aberta e o xurado, así como alumnado e profesorado do noso centro.






1º premio: Sonia Vázquez

2º premio: Manuel Esperón
3º premio: Eduardo Hope

Queremos dar os nosos parabéns ao alumnado gañador, pero tamén recoñecer a calidade das demais fotos participantes; por iso, publicámolas na seguinte ligazón



Se queredes ver a exposición de fotos, visitade a cafetería do instituto. Paga a pena.

                             
                            





xoves, 13 de febreiro de 2020

NENOS E NENAS SOLDADO

Chema Caballero, asesor de ONG e escritor, impartiu unha clase maxistral sobre nenos e nenas soldado. Achegoulles ao alumnado asistente ampla información acerca do que significa ser menor soldado e por que se utilizan a menores "son más fáciles de manipular, no cuestionan las órdenes, no se les paga; se les convierte en máquinas de matar". Contou como é ese proceso de manipulación desde o secuestro (preferentemente nas escolas), pasando polos campamentos (nos que se leva a cabo unha selección natural, xa que moitos morren) e rematando nos campos de entrenamento nos que reciben instrución militar.

As historias que nos contou Chema Caballero son realmente escalofriantes e terriblemente crueis tendo en conta, ademais, que se trata de nenos e nenas. Insistiu moito no papel das nenas vítimas desta situación e que , moitas veces, permanecen invisibles pero son doblemente perxudicadas debido ás violacións e abusos sexuais que sofren, a súa mortalidade prematura a causa dos partos e á dificultade de reinserción, ao ser rexeitadas polas súas familias.


Como referente para el, Graça Machel, un dos grandes personaxes do século XX-XXI. No ano 1996 elaborou un informe sobre o impacto dos conflitos armados nos menores, a partir do cal a comunidade internacional empezou a establecer unha serie de normas para previr o recrutamento dos mesmos.


A última parte da charla serviu para dar resposta a por que segue habendo menores soldado e para introducir o motivo das guerras actuais, "No existen guerras de religión ni guerras étnicas. Detrás de los conflictos hay una materia prima". Falou, entón, dos diamantes, coltán, uranio, petróleo. E, tamén, da venda de armas.

Finalmente, a cara positiva de todo este proceso, a rehabilitación e reinserción. Contounos Chema Caballero a súa experiencia en Saint Michael, o longo e duro traballo cos nenos e nenas e coas súas familias. Son moitos os menores que conseguen, con todos os seus medos, volver a ter unha vida "normal". Son aceptados no seu entorno, atopan traballo, forman a súa propia familia. Pero hai unha cara negativa. Non todos conseguen superar esta fase e volven ás guerrillas ou, no caso das nenas, prostitúense. Na última foto (de Gervasio Sánchez) aparece Chema con nenos e unha nena, que non conseguiu reinsertarse e, finalmente, morreu de sida.



Esperamos que a mensaxe calase entre o alumnado e servise para reflexionar. Tapar os ollos ou non querer saber non contribúen a loitar contra as inxustizas e a desigualdade.

Grazas a Chema por aceptar a invitación. Foi un honor poder contar con el no Castro Alobre.

martes, 11 de febreiro de 2020

CHEMA CABALLERO E OS MENORES SOLDADO

O 12 de febreiro conmemórase o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado. Chema Caballero contaralle as súas experiencias en Serra Leoa ao alumnado de 4º ESO e 1º de bacharelato. En 1992 viaxou a este país africano para poñer en marcha un programa de rehabilitación destes menores. Seguro que aprenderemos moito deste gran problema que "non está de moda", pero que reflicte unha realidade terrible e cruel do mundo no que vivimos.

+info http://bibliocastroalobre.blogspot.com/2018/01/blog-post.html
         http://bibliocastroalobre.blogspot.com/2019/02/menores-soldado.html

mm


MULLERES CIENTÍFICAS

O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Por iso, queremos destacar a mulleres relevantes neste ámbito.


E esta é a nosa selección de lecturas para dalas a coñecer.


luns, 10 de febreiro de 2020

UNHA BIBLIOTECA INTERNACIONAL


Un ano máis chegou o alumnado francés do Lycée Algoud-Laffemas de Valence ( https://algoud-laffemas.ent.auvergnerhonealpes.fr/) ao noso centro. A profesora Beatriz Alfonsín da sección bilingüe de francés é a responsable de elaborar o programa do intercambio; colaboran con ela, este curso, Irene Romo e Léopoldine Pintor. Dentro das actividades a realizar hoxe estiveron na biblioteca, participando no Proxecto Documental Integrado "Todos e Todas sumamos".

Agradecemos que se promova a participación deste alumnado no proxecto, como un exemplo de que é posible sumarse desde todos os ámbitos académicos.

Desexamos ao alumnado e profesorado francés que pase unha boa estancia na nosa terra.

 


 

 




venres, 7 de febreiro de 2020

CONTRA A MUTILACIÓN XENITAL FEMININA

Hoxe, 6 de febreiro, é o Día Internacional contra a Mutilación Xenital Feminina. Desde o máis profundo rexeitamento, queremos amosar algúns recursos e historias que poden axudar a comprender mellor o que esta terrible e cruel práctica significa para moitas mulleres, aínda nenas, e concienciar da necesidade de levantar a nosa voz para, unha vez máis, dicir:

NON Á MUTILACIÓN XENITAL FEMININA


Esta é a historia de Sima, un vídeo publicado pola Fundación Entreculturas.



Esta é a historia de Mariam de Djibouti.


En Bref, un documental dirixido por Christina Pitouli e producido por Medicos do Mundo Cataluña, podemos coñecer a opinión de distintas persoas africanas que viven en España. Unha invitación ao debate e á reflexión.




Cada vez son máis as mulleres vítimas da ablación que loitan contra ela como Sewanatu, unha moza de 20 anos de Serra Leoa.


E se queredes coñecer algunha máis, premede aquí.

Por último, unha canción de rexeitamento a esta práctica. A música é a utilizada no rito da ablación. Vídeo realizado por Medicos do Mundo Navarra.






xoves, 6 de febreiro de 2020

CINE CON PALOMITAS

Reuniuse o Club de lectura inclusiva para ver a película Los viajes de Gulliver. A "sala de cine" foi unha acolledora biblioteca á que iamos por primeira vez. A biblioteca do Colexio de Educación Especial serviu, hoxe, de punto de encontro para disfrutar da última sesión adicada a Gulliver e as súas viaxes. No medio da película, unha sorpresa: palomitas! Agradable compañía, unha película divertida, pódese pedir máis?