Nova xuntanza do Club Curuxaina para falar de Matilda.
luns, 24 de febreiro de 2025
venres, 21 de febreiro de 2025
O PRIMEIRO PODCAST
Non calamos. Radio Castro xa ten o seu primeiro podcast. Como recordaredes, o Día da Radio inauguramos esta radio escolar entrevistando a Carlos Crespo. Aquí podedes escoitar esa entrevista.
DÍA DE ROSALÍA
O día 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía. Este día sairá á luz o documental dirixido pola profesora Marisa Moreda, Adeus vista dos meus ollos, porque "se Rosalía vivise no 2025 plasmaría coas súas letras as vivencias destas crianzas, e das súas familias, que cando "vén, vén como rosas" en busca dun futuro mellor".
En palabras da directora do documental, "Os discursos da rapazada protagonista, contados desde o eu máis íntimo, pretenden contrarrestrar os discursos de odio que, por veces, afloran nas aulas sobre a poboación migrante, fomentando a construción da empatía e o empoderamento comunitario.
Este traballo documental esperemos que vaia crecendo e alimentándose dos ollos e das voces que o visualicen, desde as perspectivas particulares ata as colectivas, co fin de construírmos un discurso transformador e dialogante".
mércores, 19 de febreiro de 2025
PARELLAS MITOLÓXICAS
O alumnado de Grego e de 4º de Cultura clásica elaborou uns murais nos que Eros foi o protagonista. Nestas creacións non podía faltar Safo, a nosa poeta.
VEN LER Á BIBLIOTECA!
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA
Tamén, vos recomendamos lecturas para que non esquezades que hai e houbo moitas mulleres científicas. Podes atopalos na biblioteca.
venres, 14 de febreiro de 2025
DÍA INTERNACIONAL DA RADIO
O 13 de febreiro, Día Internacional da Radio, inauguramos Non calamos, Radio Castro. Tomamos esta decisión despois de dous anos intentando poñela en práctica. Grazas ao esforzo da profe Marisa, coa axuda e asesoramento do profe Fernando e coa colaboración da Biblioteca, iniciamos un percorrido ao que esperamos que se vaia sumando máis profesorado para facer de Radio Castro, unha radio de todas e todos. Os nosos medios son aínda moi precarios, pero a ilusión e as ganas de sacar este proxecto adiante son moitas. Contamos xa cun equipazo de Correspondentes e cun grupiño de alumnado cunha pequena formación inicial en radio. Foi precisamente este alumnado o encargado de gravar o primeiro podcast, entrevistando a Carlos Crespo, o padriño de Radio Castro.
Podedes ver esta actividade no boletín de Correspondentes xuvenís, que publica a Dirección Xeral de Xuventude, clicando aquí.
Carlos Crespo fíxose eco no seu Instagram de Radio Castro.
mércores, 12 de febreiro de 2025
martes, 11 de febreiro de 2025
RADIO CASTRO
MAKINARIA DE CARLOS NEGRO
DÍA DA ILUSTRACIÓN
No Día da Ilustración queremos recomendar catro libros sobre animais, ilustrados por Pancho Lapeña, ben coñecido polo noso alumnado como profe de Filosofía e Valores. Seguro que moita rapazada levará unha sorpresa ao coñecer esta nova faceta de Pancho.
Podedes solicitar o préstamo destes libros na biblio.
luns, 10 de febreiro de 2025
DÍA DA PAZ
venres, 7 de febreiro de 2025
FINALISTAS "MÓVETE CO BIOETANOL"
No mes de outubro o alumnado de 3º ESO tivo un encontro con Big Van Ciencia do que nos fixemos eco neste blog (https://bibliocastroalobre.blogspot.com/2024/10/big-van-ciencia.html). Helena e Oriol convidou ao alumnado a participar no concurso Móvete co Bioetanol e un grupiño de alumnos e alumnas de 3º ESO B puxéronse a traballar no guion, a gravar e presentaron un vídeo. Todo isto baixo a dirección da profe de Física, Ángeles.
Hoxe, están en Santiago, na Gala Final "Móvete co Bioetanol", porque o seu vídeo está entre os oitofinalistas. Que nervios! Podedes seguir a gala en directo. Empeza ás 11.00 h.
Desexámoslle moitísima sorte, porque o seu traballo é realmente bo. Para nós xa é un grande premio que estean aí. Podesde estar orgullosos e orgullosas. Desfrutade da gala!!!
Parabéns do equipo de biblioteca!!
martes, 4 de febreiro de 2025
PANDEIRETEIRAS
Xa nos estamos preparando para festexar o Día das Letras Galegas, este ano dedicado ás cantareiras. Mercamos Somos pandeireteiras, "un proxecto de pensamento, articulación social e cultural promovido pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón".
Ademais, o equipo de biblioteca está moi orgulloso porque a nosa compañeira Andrea Nunes é unha das escritoras que participa neste libro, xunto a María Reimóndez, Ana Romaní, Susana Aríns e, por suposto, Mercedes Peón.
EL JUEGO DE ENDER
Tamén esta semana se xuntou o club Palabras con-ciencia para coller a nova lectura, El juego de Ender de Orson Scott Card.