No estrondo da dor do iceberg que se
desprende emerxe un géiser a quentar os corazóns.
Portada do libro |
Quero partir destas palabras coas
que comeza o limiar de O libro das amigas
para falar desta obra que hoxe recomendo. Trátase dunha homenaxe á escritora
Begoña Caamaño, cando hai un ano que nos deixou, mais é tamén unha xuntanza de mulleres, de amizades que nas
palabras atopan conforto, apertas , arrolos… a calor no frío, o géiser no
iceberg.
Isto é o que pedira Begoña na
carta á súa amiga, a cantante Uxía (incluída na obra), unha despedida que
emociona profundamente pola valentía, pola aceptación e pola xenerosidade: “… que esteades todas xuntas, todos xuntos,
para vos consolar mutuamente e, cando eu xa teña adormecido para sempre,
volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo”.
A obra presentouse no acto de
homenaxe Begoñísima que se celebrou o
pasado sábado 24 de outubro no Teatro Principal de Santiago e no que
compañeiras da Radio Galega, na que ela traballaba, escritoras, cantautoras e
amigas ofreceron poemas, cancións, unha representación teatral, unha
presentación con fotos… Foi un espectáculo poético-musical no que se respiraba
compañeirismo, solidariedade e sororidade, mais tamén alegría. Alegría para
celebrar a vida, como lle tería gustado a Begoña, e que nos emocionou a todas e
todos as que tivemos a sorte de asistir.
Cadro de Leandro Lamas |
A obra O libro das amigas, como o acto Begoñísima, ten moito de especial,
de agasallo. Desde a capa, as fotos, os gravados á edición: “Editan: As amigas” podemos ler na páxina
final. Ten moito de esforzo colectivo e deixa ver o coidado , o cariño co que se
fixo. Nela non podía faltar o cadro de Leandro Lamas que fora un agasallo a
Begoña, e no que ela aparece retratada cun gran sorriso e rodeada de amigas e
seres queridos, cadro que serviu tamén de pano de fondo no espéctaculo. A el
fai tamén referencia a escritora na carta a Uxía: “Gostaríame morrer como no fermoso cadro de Leandro Lamas co que me
agasallastes… facer unha festiña tranquila, poder vervos a todas e todos,
despedirme de cada unha de vós, partillar un brinde pola vida, escoitarte por
última vez cantar o Alalá das Mariñas e logo adormecer…”
Nótase que o libro está feito desde o corazón,
desde a dor, mais tamén desde o amor máis profundo. Poemas, cartas, desafogos… palabras
para lembrar a amiga, a escritora, a muller comprometida coa liberdade, coa xustiza,
co feminismo. Tan xenerosa e solidaria como enérxica denunciando a desigualdade,
defendendo os dereitos de todas e todos. Son moitas as referencias á ausencia
que proe, ao difícil de afacerse a ela : Cando marchaches,/ ficou un animal
ferido no meu padal,” di a poeta Andrea Nunes Brións.
O lamento da perda vai tamén para
a Begoña escritora, porque con dúas obras: Circe
ou o pracer do azul e Morgana en
Esmelle, revelouse como unha voz imprescindible no noso panorama literario.
Na literatura como na vida, transformando, liberando, practicando a tan
necesaria sororidade, a unión, o apoio, a solidariedade entre mulleres,
dándolles a volta aos mitos, facendo protagonistas ás que sempre estiveron nun
segundo plano, invisibilizadas.
O libro das amigas é a homenaxe, o recoñecemento, a admiración e o
agradecemento a través das palabras para
amortecer a dor, para non esquecer: “ é ,
pois, un geiser. Un libro líquido para nos quecer” (Limiar do Libro das
amigas).
Sira Vidal, Departamento de Galego
Grazas, Sira, polo texto. Cheo de vida, a pesar da morte.
ResponderEliminarParabéns! Polo novo blog e pola primeira reseña!
ResponderEliminarPaloma