mércores, 25 de novembro de 2020

O ALUMNADO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Hoxe o alumnado do noso instituto manifestou o seu rexeitamento á violencia machista coa lectura dun manifesto e debuxos contra a violencia. Esta é unha pequena mostra da súa visión.

Tiago Vence 1º ESO E
Tiago Vence 1º ESO E
Laura Lago 1º ESO E
Nerea Dos Anjos 1º ESO E

Irene García 1º ESO E
Elif Aydeniz 1º ESO E
 

E este é o manifesto que se leu nas clases despois de gardar un minuto de silencio en recordo de todas as vítimas.

No ano 1999 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da eliminación da violencia machista contra a muller, considerada esta como “todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo femenino que teña ou poda ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública ou privada”.

 No que levamos de ano, 38 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas homes, máis de 700 sufriron acoso sexual, máis de 6600 sufriron agresións sexuais e  7350 sufriron abusos sexuais. Desde o 2003, 1073 mulleres foron asasinadas, só polo simple feito de ser muller e porque un home creuse superior a elas.

A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos dereitos humanos. Non respecta fronteiras, culturas, niveis económicos ou idades. Está presente en épocas de conflito e en tempos de paz, no fogar, no traballo e na rúa.

O 25 de novembro é un día no que a sociedade, a nivel mundial, manifesta a dor causada pola violencia. Non só a física, a visible, tamén a invisible e silenciosa, a que é vertixinosamente común.

 Pensade que querer non é controlar o móbil, non é dicir o que ten que poñerse a túa moza, non é xulgar nin rir dos seus sentimentos, non é ter celos porque fale con alguén, non é obrigala a manter relacións sexuais senón quere, porque “non é non”. Non é desprezar, insultar, faltar ao respecto, pegar. Iso non te identifica como home. Non hai nada máis perigoso que un home cruel, finxindo ser boa persoa.

 Pensade que ser muller non é sinónimo de ter medo, non é sinónimo de chamar ás túas amigas de camiño a casa polo que podería pasar, non é sinónimo de sentirte observada se levas unha saia curta, non é ser fráxil, dócil, recatada...

 É sinónimo de ser forte, intelixente, valente, líder, independente, de ser unha mesma e de poder traballar no que queiras, de ter as mesmas oportunidades que un home. Ten que ser sinónimo de ser feliz porque non tes medo.

 A violencia machista desaparecerá cando maltratadores, violadores e asasinos sexan xulgados e castigados polos seus feitos.  Desaparecerá cando teñamos unha verdadeira educación non sexista e as nenas e nenos teñan un presente e un futuro coas mesmas posibilidades. Desaparecerá cando entendamos que isto non é unha guerra entre homes e mulleres, isto é unha cuestión de respecto, de concienciarse de que a liberdade das mulleres é un dereito, non unha opción.

 Necesitamos que este sexa un mundo seguro para todas as persoas independentemente do seu sexo. Necesitamos que as presentes e futuras xeracións sexan educadas en igualdade, respecto e valores para conseguir que a sociedade mellore. Necesitamos que o reparto de deberes e obrigas, así como de dereitos sexa igualitario en todos os eidos da vida.  Necesitamos que se conseguimos chegar a cumprir estas esixencias, estean vixentes todo o ano, non só este 25 N.

 Este ano, probablemente as mulleres que saian á rúa a reivindicarse non serán tantas coma nos anos pasados, pero iso non quere dicir que a nosa voz non se vaia escoitar. Agora que non nos podemos xuntar, temos que permanecer máis unidas e unidos que nunca nesta loita. Debemos ser inflexibles nesta batalla, o compromiso con esta causa non pode desaparecer ata a súa total eliminación. Temos que loitar por cada unha das mulleres que asasinaron, para que ningunha de nós quede calada por culpa dun home que lle quite a voz.

 Hoxe, 25 de novembro, defendemos a nosa  esperanza e mantemos o noso compromiso durante cada día do ano. Desde o IES Castro Alobre queremos dicir, ben alto, que loitaremos pola igualdade até que todas, todos, todes sexamos libres!

 -----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Texto:

Mario Arufe, Daniel Berdullas, Andrea Cortés, Miguel Diz, Diego Gómez, Nouhaila Halliou, Marta Martínez, Noelia Molares, Natalia Mouriño, Aroa Muras, Natalia Rey, José Romero, Uxía dos Santos e Clara Senín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario