xoves, 4 de novembro de 2021

DEFENSORAS DE DEREITOS

A biblioteca volve á súa actividade e hoxe acolleu un obradoiro impartido por Sofía, membro de Agareso e colaboradora coa Coordinadora Galega de ONG. Compartiu co alumnado de 3º ESO D unha lectura, Miriam de Suazo y la digna rabia, e convidou á reflexionar sobre a necesidade de defender os dereitos das mulleres (ou diferentes colectivos) que sofren discriminación, cuestións actuais e moi interesantes. Tamén puxo o obxectivo sobre un país, Honduras, do que, coma moitos, non se fala a cotío e, cando se fai, é para destacar aspectos negativos. Como explicou a rapazada, asocian Honduras a "asasinatos, pobreza, machismo, violacións, corrupción". 

Comentouse o impacto das catástrofes naturais en países menos desenvolvidos, nos que é máis complicada a reconstrución das perdas e as axudas pola pobreza e falta de recursos. Defendeu, Sofía, a utilización de termos como Norte global e Sur global en lugar de países do primeiro ou terceiro mundo, máis utilizados polo alumnado.

Reflexionaron, a continuación, sobre os sentimentos que se podían experimentar polas "desaparicións" de persoas en Honduras e en outros países que sofriron ditaduras, e falouse das migracións e de como se tratan nos medios de comunicación con esas "oleadas masivas" que chegan a España e, como comentou Sofía, deshumanizan estas situacións.

Outras cuestións que se trataron a medida que iamos avanzando na lectura do libro foron as poboacións indíxenas, as diferentes discriminacións ou o significado do termo sororidade.

O alumnado, timidamente, foi reflexionando sobre os puntos que Sofía lle ía salientando e, aínda que non se atreveron a un grande debate, foron aportando algunha opinión.

As conclusións ás que chegaron ao final do obradoiro foron que se debía tratar a todas as persoas por igual; que, se a xente se une, pódese chegar máis lonxe; que hai que loitar polos soños e que Honduras é un país que atravesa unha mala situación.

Por último, pensan que o obradoiro serve para concianciar ao alumnado sobre temas importantes na nosa vida.

Grazas, Sofía, por achegarlle a Miriam de Suazo a través da lectura e por facerlles chegar un pouquiño máis alá. Seguro que nas súas cabezas levaron ideas para reflexionar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario