luns, 10 de novembro de 2025

OS DOUS DE SEMPRE

 No ano Castelao queremos propoñer ao alumnado un concurso no que se debe elixir un dos tres diálogos, que presentamos, e representalo. Unha maneira de homenaxear a Castelao.

Concurso Textos "Os dous de sempre" de Biblioteca Castro Alobre

ENTRE VISILLOS

 Entre visillos de Carmen Martín Gaite transportounos a uns anos atrás que parecen lonxanos, pero non o son tanto. Unha lectura que gustou e que nos recordou a vida das nosas nais ou avoas. As aspiracións das mulleres, a dificultade en romper coas normas impostas ou o sufrimento calado son algúns dos temas que planean nesta lectura. 

Convén non esquecer esta forma de vida, para poder valorar como se merece a loita de moitas mulleres. Grazas a elas, podemos desfrutar da vida que temos hoxe.

Hipólito de Eurípides foi a outra lectura coa que se atreveron algunhas Curuxainas. Volvemos á traxedia grega, despois de ter lido Medea. Impactante monólogo de Hipólito, o papel da nodriza como celestina, a terrible decisión de Fedra e, por suposto, a intervención desa deusa Afrodita que, para vingarse de Hipólito, utiliza a Fedra. Divinidade vingativa.

1984

 1984 é o libro de George Orwell que xa está lendo o club de ciencia ficción. Para empezar, podemos afirmar que esta é a vida antes do club de lectura

E esta será a vida despois do club
Achegouse á Biblioteca o alumnado, e tamén o profesorado que quere reflexionar sobre o libro de Orwell, para ir coñecendo as liñas xerais da historia que Fernando lles explicou como introdución á lectura. Nunhas semanas verémonos de novo para comentar as primeiras impresións.

LECTURAS DE TERROR

Na Biblioteca temos a exposición de libros de terror para animar a ler ao alumnado ao que gustan estas historias. Tamén pretendemos conseguir novos lectores e lectoras. Todo un reto!!


O SAMAÍN

 Actividades varias tivemos na Biblioteca neste día de medo, bruxas e mortos. Coas portas adornadas, fixemos recomendacións lectoras, houbo diversos obradoiros e un concerto de música de terror a cargo do alumnado de 4º ESO, dirixido polo profesor Ismael.

mércores, 5 de novembro de 2025

CASTELAO E A MORTE

 Este Samaín tivemos unha porta de entrada á Biblioteca moi fermosa. A súa creadora foi Noa Pérez, membro do equipo de Biblioteca e profesora de Lingua galega. Ademais, recordamos a Castelao no 75 aniversario da súa morte.

Todo o equipo está moi orgulloso de contar con tanto talento neste pequeno grupo.😍

Diseño de Biblioteca Castro Alobre

O SAMAÍN VAI CHEGANDO

 Así anunciou o alumnado a chegada do Samaín á Biblioteca, convidando a mozos e mozas a pasar unha mañá de medo.👻👾💀

luns, 3 de novembro de 2025

UNHA XUNTANZA DE MEDO

Anunciando o Samaín, reúnese o Club de lectura de 1º e 2º de ESO para adornar a Biblioteca. Como premio unha sorpresa "lectora". Que libro lle tocou a cada quen? A profe Teresa escolleu lecturas de medo e repartiunas entre as alumnas. Na próxima xuntanza falarannos desas historias terroríficas.



CONTRA A DESINFORMACIÓN

Convén recordar cada ano o importante papel que desempeñan as bibliotecas na formación do estudantado. Contra a desinformación é o lema deste curso. Agora máis que nunca é necesario fomentar a reflexión, o espírito crítico e a análise de fontes, para que o alumnado saiba distinguir entre información veraz e noticias falsas.

Neste día das Bibliotecas e en todos os demais, Vén á Biblioteca!!!

EMILIANO FARYNA, GUITARRISTA ARXENTINO

 O luns 27 de outubro visitounos o guitarrista arxentino Emiliano Faryna. Emiliano é un músico de traxectoria internacional que pasa sete meses ao ano viaxando e tocando, cada día, nunha cidade distinta.


Falounos da súa rutina cando está de xira e explicounos cousas moi interesnates da música popular arxentina. Tamén non interpretou diferentes pezas polulares, e mesmo ensinou unha peza ao alumnado para que cantase con el.

Esta actividade está enmarcada dentro da colaboración que a Biblioteca está a levar co Departamento de Música e, coma sempre, agasallámolo con produtos da zona.

VISITA A RADIO AROUSA

 O mércores 22 de outubro o alumnado de 4º ESO de Oratoria tivo a oportunidade de visitar, un ano máis, Radio Arousa e aprender das persoas profesionais que cada día nos achegan as noticias da comarca.

Durante a visita, o alumnado tivo o privilexio de contar coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela,que foi entrevistado por Bruno, Joel, Madeleine, Damián, Helena, Antón e Sofía. O alcalde respondeu con cercanía a todas as preguntas e contou que el mesmo estudara no IES Castro Alobre, lembrando canto cambiou o centro desde aquela etapa.

Esta actividade foi posible grazas á nosa participación nos Premios José Hermida, que nos permiten seguir aprendendo e coñecendo o mundo radiofónico.

Aquí podedes escoitar o podcast.

mércores, 22 de outubro de 2025

1984, GEORGE ORWELL

 Xa temos na Biblioteca os exemplares do libro escollido para o Club de lectura de ciencia ficción.

martes, 21 de outubro de 2025

LENDO A ROALD DAHL

 Primeira xuntanza do Club Curuxaina do alumnado de 1º e 2º de ESO para ler Cuentos en verso de niños perversos de Roald Dahl.


martes, 14 de outubro de 2025

DÍA DAS ESCRITORAS

O Día das Escritoras é unha data que debemos recordar. Este ano, alumnado e profesorado recomendounos a súa escritora favorita.

NOVA FORMACIÓN

O luns tivemos unha nova formación na Biblioteca. O alumnado de 1º ESO C aprendeu a localizar os libros e informámolo de todas as actividades que propón a biblioteca. Esperamos a súa participación e as súas suxestións!! 



luns, 13 de outubro de 2025

CLUB DE LECTURA

 Hoxe foi a xuntanza do Club de lectura de ciencia ficción que coordinarán Carlos Merino (profesor de Filosofía) e Fernando F. Rego (profesor de Física e membro da Biblioteca). Presentaron a temática na biblioteca ao alumnado de bacharelato que está disposto a compartir estes momentos lectores. 

xoves, 9 de outubro de 2025

FORMACIÓN NA BIBLIOTECA

Comezamos xa a formación de alumnado usuario. 1º ESO E foi o primeiro en vir á biblioteca. Informamos aos alumnos e alumnas das normas de préstamos, ensinámoslle a localizar os libros e convidámolos a participar nas actividades que organiza a biblio. 
Para rematar, tiveron que facer unha sopa de letras para buscar personaxes de libros.

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

En "Non calamos. Radio Castro" non podiamos deixar pasar un día tan sinalado como o Día Europeo das Linguas. Por iso, dámoslle voz a dúas exalumnas, Alisha Sheraz e Lidia Dos Anjos. Neste podcast falan da oralidade que, como elas mesmas din "non entende de fronteiras, só de emocións". Convídannos, polo tanto, a celebrar a riqueza da diversidade lingüística a través da narración de historias, pois estas serven para coñecermos outras culturas, así como para romper prexuízos.

Alisha e Lidia contan as historias que a elas lles contaban, historias de dúas culturas (paquistaní e xitana) que se unen neste podcast.

Elas xa non están no noso centro, pero estamos seguras de que seguirán transmitindo as súas historias e a súa cultura con orgullo.

xoves, 2 de outubro de 2025

ESPECIAL PALESTINA

No día no que o estudantado decidiu parar para deter o xenocidio, parte do Equipo de Correspondentes de "Non calamos. Radio Castro" alzou a voz para contar o que está a suceder.

Neste podcast "Especial Palestina", reproducimos a mensaxe que nos enviou a activista Sandra Garrido -agora mesmo secuestrada- minutos antes da interceptación por parte de Israel.

Hai que parar este xenocidio! Palestina libre!

CONCERTO DIDÁCTICO

O pasado luns 29 de febreiro tivemos un concerto didáctico realizado polo oboísta internacional Nicolás Cabaleiro, que actualmente reside en Alemaña.

Explicounos o funcionamento dunha orquestra sinfónica profesional e interpretounos algúns dos fragmentos máis representativos do oboe nesa formación.

FALANDO DE LIBROS

 Nada mellor que empezar o curso que falando de libros e iso foi o que fixo o Club de lectura do profesorado.

Compartimos as lecturas do verán: Como bestias de Violaine Bérot, Grand Hotel Europa de Leonard Pfeijffer, Zuleijá abre los ojos de Guzel Yájina, Helada en mayo de Antonia White e Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro.

Un comezo excepciona! Agora emocionarémonos con Hipólito de Eurípides e desfrutaremos con Entre visillos de Carmen martín Gaite.

xoves, 24 de xullo de 2025

PODCAST RADIO CASTRO

 Publicamos os últimos Podcast da nosa radio escolar. 

Máis info en https://sites.google.com/view/biblioradiocastro/inicio

Podcast resumo Gala Premio José Hermida (Cadena Ser).

Podcast "Dieta saudable" (Proxecto eTwinning)

Podcast Entrevista a unha traballadora da Cruz Vermella,

luns, 23 de xuño de 2025

NÓS DE CASTELAO, HOXE

A profesora Marisa quere cerrar o curso recordando a Castelao cun álbum de estampas e palabras, Nós, con fotos actuais "que berran as mesmas inxustizas que el denunciou". 

ÚLTIMAS XUNTANZAS DO CLUB

 Acaba o curso e remata o Club de lectura. As últimas xuntanzas foron moi festivas, pero tamén "lectoras". Recomendamos libros, mentres compartiamos uns petiscos. Tamén volvemos falar co alumnado do club do IES Chano Piñeiro de Forcarei. 


luns, 16 de xuño de 2025

ESCRITORAS GALEGAS

 Mercedes Peón, Eva Mejuto e Diana Kurich enviáronnos un vídeo no que nos falaban de Somos pandeireteiras, Sei cantar, sei bailar e Feitas ao sisel. Estas lecturas difundímolas por mor do Día das Letras Galegas.

LA COLONIA

La colonia de Audrey Magee foi o último libro que, este curso, compartimos no Club de lectura do profesorado. Unha boa elección para reflexionar sobre as linguas, as colonizacións, as esperanzas e as ilusións frustradas, entre outros temas que nos deron moito que pensar. 

HISTORIAS NUNHA ILLA

Departamento de Lingua Castelá e Literatura. Proxecto Documental Integrado. 
  • Grupos participantes: 1º ESO A e 1ºESO B 
  • Sesión: 1ª sesión na biblioteca, buscamos e limos o comezo de libros que trancurren en illas.
  •  Despois o alumnado buscou información sobre illas reais, situación, orografía, fauna etc… 
  • A última tarefa foi escribir un conto no que o espazo máis importante fose una illa, esta podía ser real ou imaxinaria, dando lugar a moitas historias de misterio, aventuras e algunha romática. 
  • Para finalizar fixemos unha exposición dos contos na cortiza das aulas.