xoves, 30 de xaneiro de 2025

MATILDA

 Reuniuse hoxe o Club de 1º e 2º  ESO para empezar a ler Matilda de Roald Dalh, un libro que seguro que vai gustar. A profe Teresa xa puxo unha nova data de reunión, o 20 de febreiro. Ese día leranse fragmentos e comentarase a lectura.

A NOITE DAS CEBOLAS

 Xuntanza do Club do profesorado para falar do libro de Rosa Aneiros, A noite das cebolas, unha lectura moi recomendable.

UNHA MÁSCARA DE LIBRO

Un novo concurso pensando xa no Entroido. Este ano temos unha novidade. Ademais do alumnado, poderá participar tamén o profesorado. A ver se alguén se anima!!!

mércores, 22 de xaneiro de 2025

SECHU SENDE

 Sechu Sende estivo co alumnado de 3º ESO por mor do seu libro Made in Galiza. Despois desta lectura, na que o alumnado puido ver reflectida a situación do galego tratada con moito humor, pareceunos unha boa idea un encontro do autor do libro coa rapazada. Foi unha idea estupenda, porque Sechu xa contaba cun club de fans e foi moi ben recibido. O certo é que a súa visita creou moita expectación.

Alumnos e alumnas cantáronlle unha regueifas preparadas coa profe Andrea e Sechu tivo a ben contestarlle. Que momento máis divertido!! 

Realmente, divertido foi todo o   encontro, previsto para unha sesión de clase e, finalmente, durou dúas. O nunca visto!!

A conexión entre o escritor e os mozos e mozas foi total. Falou da situación da lingua, contou como chegou a falar galego, transmitiu emoción e diversión. Tamén nos contou como elixiu a portada para o libro e puidemos escoitar ao autor da ilustración, Pancho Lapeña, profesor de Filosofía do noso instituto!! Canto talento!!

Sechu ata fixo un xogo de adiviñas que nos deixou coa boca aberta.

Finalmente, recibiu agasallos que algunha clase lle tiña preparados e, como non, asinou no libro da biblioteca.

Moitas grazas, Sechu, por saber chegar á rapazada.  

REGUEIFANDO

 Con regueifas foi recibido Sechu Sende polo alumnado de 3º ESO. Coa profe Andrea como directora deste gran coro, sorprendemos a Sechu antes de transmitir a alumnas e alumnos o seu amor pola lingua. Iso si, tamén tiveron a regueifa do escritor.

NOVO ANO, NOVA XUNTANZA

 Comezamos o ano da mellor forma posible, reuníndonos co alumnado do CEE para recordar as festas de Nadal e ler un conto de Noitevella. Falamos da orixe desta celebración, das tradicións, de como o pasaramos... Momento de encontro e de compartir lectura.