luns, 24 de novembro de 2025

APRENDENDO A SER DJ

 De novo, a música foi protagonista na biblioteca. Carlos e Cris ensináronlle a un grupiño de alumnas e alumnos como misturar a música. Pasárono xenial e xa nos están dicindo que hai que comprar o necesario para pór en práctica o aprendido.

Grazas, Carlos e Cris, por facelos interesarse polo mundo da música.

CASTELAO

No ano Castelao, a biblioteca organizou unha visita á exposición Castelao. Mirar por Galicia. O alumnado do Club de lectura e o equipo de correspondentes da radio desfrutaron dunha mañá na Cidade da Cultura co obxectivo de afondar na figura de Castelao.

Así foi a visita.
E estas foron as sús reaccións despois de ver a exposición.

mércores, 19 de novembro de 2025

Librería Lello

 Despois da primeira xuntanza do Club de lectura de ciencia ficción, Marisa e Fernando, membros do equipo da biblioteca, viaxaron a Porto e visitaron a Librería Lello. A súa visita convida á lectura e, como non podemos levar ao noso alumnado, mandáronnos un pequeno vídeo no que, ademais, vemos o libro de George Orwell, 1984, que xustamente están a ler no club.


ESPECIAL SAMAÍN

E xa temos un novo podcast o Especial Samaín.

Este Samaín converteuse nunha celebración da diversidade cultural na Biblioteca do Castro Alobre. O equipo de Correspondentes gravou un podcast no que o alumnado de 1º e 2º da ESO compartiu as lendas e tradicións das súas familias, procedentes de lugares tan distintos como Galicia, Arxentina, Venezuela, Uruguai, Bulgaria, Hungría ou da comunidade xitana.

luns, 10 de novembro de 2025

OS DOUS DE SEMPRE

 No ano Castelao queremos propoñer ao alumnado un concurso no que se debe elixir un dos tres diálogos, que presentamos, e representalo. Unha maneira de homenaxear a Castelao.

Concurso Textos "Os dous de sempre" de Biblioteca Castro Alobre

ENTRE VISILLOS

 Entre visillos de Carmen Martín Gaite transportounos a uns anos atrás que parecen lonxanos, pero non o son tanto. Unha lectura que gustou e que nos recordou a vida das nosas nais ou avoas. As aspiracións das mulleres, a dificultade en romper coas normas impostas ou o sufrimento calado son algúns dos temas que planean nesta lectura. 

Convén non esquecer esta forma de vida, para poder valorar como se merece a loita de moitas mulleres. Grazas a elas, podemos desfrutar da vida que temos hoxe.

Hipólito de Eurípides foi a outra lectura coa que se atreveron algunhas Curuxainas. Volvemos á traxedia grega, despois de ter lido Medea. Impactante monólogo de Hipólito, o papel da nodriza como celestina, a terrible decisión de Fedra e, por suposto, a intervención desa deusa Afrodita que, para vingarse de Hipólito, utiliza a Fedra. Divinidade vingativa.

1984

 1984 é o libro de George Orwell que xa está lendo o club de ciencia ficción. Para empezar, podemos afirmar que esta é a vida antes do club de lectura

E esta será a vida despois do club
Achegouse á Biblioteca o alumnado, e tamén o profesorado que quere reflexionar sobre o libro de Orwell, para ir coñecendo as liñas xerais da historia que Fernando lles explicou como introdución á lectura. Nunhas semanas verémonos de novo para comentar as primeiras impresións.

LECTURAS DE TERROR

Na Biblioteca temos a exposición de libros de terror para animar a ler ao alumnado ao que gustan estas historias. Tamén pretendemos conseguir novos lectores e lectoras. Todo un reto!!


E este é o boletín coas recomendacións que podedes consultar en calquera momento.
 

Libros de medo. Samaín de Biblioteca Castro Alobre

O SAMAÍN

 Actividades varias tivemos na Biblioteca neste día de medo, bruxas e mortos. Coas portas adornadas, fixemos recomendacións lectoras, houbo diversos obradoiros e un concerto de música de terror a cargo do alumnado de 4º ESO, dirixido polo profesor Ismael.

mércores, 5 de novembro de 2025

CASTELAO E A MORTE

 Este Samaín tivemos unha porta de entrada á Biblioteca moi fermosa. A súa creadora foi Noa Pérez, membro do equipo de Biblioteca e profesora de Lingua galega. Ademais, recordamos a Castelao no 75 aniversario da súa morte.

Todo o equipo está moi orgulloso de contar con tanto talento neste pequeno grupo.😍

Diseño de Biblioteca Castro Alobre

O SAMAÍN VAI CHEGANDO

 Así anunciou o alumnado a chegada do Samaín á Biblioteca, convidando a mozos e mozas a pasar unha mañá de medo.👻👾💀

luns, 3 de novembro de 2025

UNHA XUNTANZA DE MEDO

Anunciando o Samaín, reúnese o Club de lectura de 1º e 2º de ESO para adornar a Biblioteca. Como premio unha sorpresa "lectora". Que libro lle tocou a cada quen? A profe Teresa escolleu lecturas de medo e repartiunas entre as alumnas. Na próxima xuntanza falarannos desas historias terroríficas.



CONTRA A DESINFORMACIÓN

Convén recordar cada ano o importante papel que desempeñan as bibliotecas na formación do estudantado. Contra a desinformación é o lema deste curso. Agora máis que nunca é necesario fomentar a reflexión, o espírito crítico e a análise de fontes, para que o alumnado saiba distinguir entre información veraz e noticias falsas.

Neste día das Bibliotecas e en todos os demais, Vén á Biblioteca!!!

EMILIANO FARYNA, GUITARRISTA ARXENTINO

 O luns 27 de outubro visitounos o guitarrista arxentino Emiliano Faryna. Emiliano é un músico de traxectoria internacional que pasa sete meses ao ano viaxando e tocando, cada día, nunha cidade distinta.


Falounos da súa rutina cando está de xira e explicounos cousas moi interesnates da música popular arxentina. Tamén non interpretou diferentes pezas polulares, e mesmo ensinou unha peza ao alumnado para que cantase con el.

Esta actividade está enmarcada dentro da colaboración que a Biblioteca está a levar co Departamento de Música e, coma sempre, agasallámolo con produtos da zona.

VISITA A RADIO AROUSA

 O mércores 22 de outubro o alumnado de 4º ESO de Oratoria tivo a oportunidade de visitar, un ano máis, Radio Arousa e aprender das persoas profesionais que cada día nos achegan as noticias da comarca.

Durante a visita, o alumnado tivo o privilexio de contar coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela,que foi entrevistado por Bruno, Joel, Madeleine, Damián, Helena, Antón e Sofía. O alcalde respondeu con cercanía a todas as preguntas e contou que el mesmo estudara no IES Castro Alobre, lembrando canto cambiou o centro desde aquela etapa.

Esta actividade foi posible grazas á nosa participación nos Premios José Hermida, que nos permiten seguir aprendendo e coñecendo o mundo radiofónico.

Aquí podedes escoitar o podcast.