xoves, 21 de xaneiro de 2016

SENSIBILIZACIÓN SOCIAL NA CARREIRA DOS "OSCAR": LA CHICA DANESA


A través da magnífica interpretación de Eddie Redmayne e Alicia Vikander, La chica danesa (título en español da orixinal The Danish Girl) introduce ao espectador na temática da transexualidade e da súa aceptación durante o primeiro terzo do século XX.


O enfoque permite sentir a angustia da xove transexual por non ser quen de reprimir o que sente e o que a identifica, pero tamén reflicte con elegancia e sutileza os sentimentos que experimenta a súa parella, mesturando frustración, lástima, aceptación, protección e tenrura.

A historia está baseada en feitos reais, en concreto, na biografía de Lili Elbe, a primeira transexual sometida a unha cirurxía de cambio de sexo, con todos os riscos que conlevaba na época. A súa vida recóllese nunha transgresora novela de 1933, Man into Woman, publicada por un amigo da propia Lili, e baseada nos diarios desta. Este argumento foi o xérmolo dunha novela do ano 2000, co nome da adaptación cinematográfica que nos ocupa e sobre a que se apoiou o director Tom Hooper.

Se á profundidade do tema lle engadimos a actuación dos protagonistas, a coidada escenografía, a envolvente música e a tenrura coa que o director nos amosa o mundo interior desta parella, o resultado é unha conmovedora e moi recomendable película que, ademáis, invita á reflexión e á conciencia social.

Mariola Rodríguez González. 



  

Ningún comentario:

Publicar un comentario