Interpretando libremente a frase de Xulio César, pronunciada ante o Senado romano, Veni, vidi, vici, Antonio Pampliega Chegou, falou e gañou. Gañouse a un alumnado, totalmente entregado, con só dúas armas: a palabra e a fotografía. Un alumnado silencioso, respectuoso, emocionado e impresionado pola dura realidade que o xornalista, especializado en conflitos armados lle ía amosando.
Los ojos de la guerra eran os ollos de Pampliega que percorrían as guerras de Siria, Somalia, Sudán do Sur, Congo, Afganistán e Iraq. Ninguén podía manterse indiferente. Rostros adolescentes conmovidos coas historias reais de mulleres, nenos, nenas e homes. Pero tamén o profesorado reflexionaba. Momentos intensos. A guerra ten cara, ten nome, ten vida. Unha vida entre cascallos, berros, bombas, ataques aéreos, destrución. Vímolo e oímolo.
Antonio Pampliega, comprometido con visibilizar o sufrimento, sente a obriga de compartir as súas experiencias como aprendizaxe. "No os dejéis manipular. Pensad por vosotros mismos". As mensaxes ían calando paseniño no alumnado.
E, para rematar, unha frase, "Me afectan mucho los vivos que lloran a los muertos"; e un sorriso, o dos nenos e nenas nun soto, na escola.
Aínda que pareza mentira, a vida continúa.
Grazas, Antonio. Mil grazas.
Guadalupe Vilar
Coordinadora da Biblioteca
![]() |
Libro de sinaturas da Biblioteca |