Hoxe foi a despedida do Club de lectura inclusiva ata o próximo curso e nada mellor para festexalo que unha sesión de contacontos.
Para que se le? preguntou Cris de Caldas, a nosa convidada. Unha boa maneira de comezar esta xuntanza. O que nos quedou claro é que, como ela ben dixo, conta contos para pasalo ben. E hai que recoñecer que tamén nós pasamos un rato moi agradable con sorrisos e sorpresas.
Os seus contos de lobos, de ogros, de bruxas, de princesas e príncipes nos fixeron rir. Os finais foron inesperados e sorprendentes, unha reinterpretación da tradición. Tamén nos contou contos de tradición oral que son "contos de imaxinación e obras de arte".
Agradecemos a esta contadora de historias este fermoso final dunha actividade na que aprendimos moito. Foi marabilloso compartir lecturas coas persoas do centro con Eles e co alumnado de Educación Especial, que hoxe, por mor do mal tempo, non puido asistir. Unha mágoa!
Volveremos en outubro con estas xuntanzas porque "a imaxinación que todos temos, voa cando lemos", como dixo Cris.
E rematamos co desexo desta fabulosa contadora que, por
suposto, compartimos "moitas lecturas ao longo das vosas vidas".
Feliz verán
Bicos nos ollos, sorrisos nos beizos; nos teus susurros, vidas que aletean; mans con maxia, xogando co tempo; na tua mirada, mil historias vivas. Grazas por encher o mundo de ledicia.
ResponderEliminar