mércores, 19 de outubro de 2022

E, POR FIN, CHEGOU BEA

Despois da contextualización que fixo onte María Lobo, hoxe foi a quenda de Bea. Acompañada de Carolina (da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento), esta muller activista nun país, O Salvador, no que resulta moi difícil selo, relatou as discriminacións que sofre a muller e contou os problemas aos que se ven sometidas as mulleres de calquera rango de idade, cando sofren un aborto natural ou a súa vida corre perigo de seguir co embarazo. Non teñen opción, se son denunciadas por abortar, serán xulgadas e condenadas por homicidio a uns trinta anos de prisión ou máis. Terrible. Falounos, tamén, de moitas nenas de 9 a 12 anos violadas, a maioría das veces, por homes coñecidos. Unha vida interrumpida, a das menores, que deben deixar os estudos para coidar da criatura no caso de que queden embarazadas. As desigualdades sociais do país tamén se deixan notar neste ámbito, o da educación.

A vida de Bea está repleta de experiencias e de loita por visibilizar as inxustizas das mulleres de O Salvador. Estes días está percorrendo diferentes vilas e cidades de Galicia para dar a coñecer estas historias que, non por lonxanas, deben quedar esquecidas. Un grande privilexio escoitala. Seguro que a rapazada presente recolleu a súa mensaxe.

Grazas por estar entre nós.



Ningún comentario:

Publicar un comentario