mércores, 13 de marzo de 2019

A IMPLICACIÓN DOS HOMES NA IGUALDADE

Carlos Cid, director do instituto e membro do equipo de biblioteca, moderou este faladoiro no que interviron tres profesores do centro: Bruno Barreiro, profesor de francés, Francisco Losada, profesor de física e Anxo Mellid, profesor de tecnoloxía.

Destacou Anxo a falta de mulleres nas carreiras tecnolóxicas lanzando unha pregunta ao alumnado "Que vos parecería se as alumnas só puidesen obter unha nota máxima dun 7'5?" Isto serviu para exemplificar a fenda salarial entre homes e mulleres nas empresas da que falaron os outros convidados.

Fixeron moito fincapé os tres profesores na necesidade de compartir as tarefas domésticas e de recoñecer o traballo "invisible" da muller. De aí, "a importancia do feminismo, que vai en contra do capitalismo, sistema que é completamente inxusto", segundo a opinión de Bruno. Fran pensa que aínda que se compartan as tarefas, a muller sempre leva un peso maior no fogar pola súa capacidade organizativa.

Botando unha ollada atrás, a situación mellorou moito, pero aínda queda un longo camiño que percorrer, idea na que coinciden todos os tertulianos.

O desexo compartido, educar en igualdade e que a mensaxe cale no alumnado.

O equipo de biblioteca quere agradecer a Bruno, Fran, Anxo e Carlos a súa colaboración para participar nesta semana adicada a muller e, por suposto, a súa actitude cara este tema. Quedounos moi claro que a igualdade é cousa de dous e hai homes que están dispostos a traballar para que sexa real, deixando fóra de toda dúbida a súa implicación.









Ningún comentario:

Publicar un comentario