Hoxe foi o alumnado de 3º ESO o que puido escoitar ás nosas convidadas nun faladoiro cunha moderadora de excepción, Montse Fajardo. Ex-alumna do IES Castro Alobre, xornalista, escritora e feminista foi plantexando preguntas que nos permitiron coñecer as dificultades que se atopan algunhas mulleres en profesións tradicionalmente masculinas. Tratáronse temas como os seus inicios nese mundo de homes, o reparto igualitario das tarefas nos seus fogares, se a crise económica penaliza especialmente ás mulleres, se lles custou máis, que se fosen homes, chegar a onde están ou se hai diferenza salarial.
María José Vales, patroa maior da confraría de pescadores de Vilanova de Arousa (a única da Ría de Arousa e unha das seis patroas maiores de Galicia), contounos o seu esforzo por ser aceptada nun sector moi machista, no que as mulleres eran consideradas "o último eslabón do mar". Frases como "A ver en que mans caímos" ou "Marcha para a casa a facer a cama" eran habituais cando foi elixida por primeira vez. Conta orgullosa que, aínda que todavía hai machismo no mar, grazas ao seu traballo conseguiu o respecto de moitos homes o que lle permitiu obter, neste segundo mandato, 24 votos de 24. Todo un éxito!
Eva Duarte, condutora de autobús desde hai 20 anos e actualmente traballadora da empresa Monbus, conta que a súa foi unha loita de aceptación e aconsella ao alumnado e, especialmente, ás mozas "Loitade polo que queredes. Se loitades, o ides conseguir sempre". Eva, rostro da campaña do concello de Sanxenxo en prol da igualdade séntese moi respectada na empresa na que traballa, sendo o seu soldo o mesmo que o dos homes.
Pilar Montaña, actualmente directora do Centro de Formación Ocupacional Saiar, achegounos a súa experiencia como empregada, hai anos, dunha oficina de emprego. Alí percibiu como as mulleres tiñan máis trabas á hora de acceder a un posto laboral, porque tiñan que ocuparse da familia. Tivo a sorte de non atopar ningunha actitude machista no seu traballo.
Para rematar, o alumnado fixo algunha pregunta como que se sente cando se utilizan termos como "feminazi" ou que idade teñen os homes que utilizan eses termos. A resposta foi contundente. Só un "machinazi" podía empregar esas palabras. Rematou Montse Fajardo dicindo que é tremendamente perverso utilizar ese termo, porque compara o movemento feminista cun sistema fascista que aniquilaba a sectores minoritarios.
Agradecemos a asistencia das convidadas e todo o que nos aportaron, a vida mesma, o mellor ensino para o noso alumnado que, unha vez máis, se comportou de xeito admirable.
Montse, Eva, Pilar e María José deixáronos a súa adicatoria no libro de sinaturas da biblioteca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario