domingo, 21 de novembro de 2021

luns, 15 de novembro de 2021

venres, 12 de novembro de 2021

XA CHEGOU A SANTA COMPAÑA

Alumnado de Teatro de 2º ESO C, D, E, dirixido polo profesor Carlos Cid, representou a chegada da Santa Compaña.

Parabéns a este grupiño pola magnífica interpretación e agradecementos pola implicación nesta Semana do terror. 👏👏👏


Deixamos, tamén, unhas fotos con distintos momentos da actuación.

 

mércores, 10 de novembro de 2021

PHOTOCALL TERRORÍFICO

MÚSICA E RELATOS DE TERROR

Queremos agradecer a este grupiño de alumnado a súa boa disposición para colaborar coa biblioteca na Semana do Terror. Lorena cantou magnificamente. Temos unha grande estrela entre nós! 👏👏

Xerome e Carolina e Clara, Ariadna e Óscar leron uns relatos de terror para poñernos os pelos de punta. 😬😬

luns, 8 de novembro de 2021

COMPAÑA

Inauguramos a Semana do Terror coa curtametraxe Compaña de Xerome Vence Nieto, alumno de 1º de bacharelato A. Recomendamos a súa visualización porque é, realmente, un traballo marabilloso.

Parabéns, Xerome, e moitas grazas por colaborar coa biblioteca.


E nesta foto aparece Xerome e dúas compañeiras que lle axudaron na gravación do vídeo.

UNS PREPARATIVOS DE MEDO

Nesta Semana do Terror organizada pola biblioteca, contamos coa axuda do alumnado de 2º de bacharelato de Técnicas gráfico-plásticas, que foi o encargado de crear o ambiente de acceso á biblioteca. Nesta presentación podedes ver como foron elaborando os decorados dirixidos por Sonia Omil.

 

Alumnado de Teatro, de 1º de ESO, foi anunciando a actividade como se da Santa Compaña se tratase.

xoves, 4 de novembro de 2021

A SANTA COMPAÑA ESTÁ CHEGANDO

Desde o luns 8 ata o venres 12 celebraremos na biblioteca a Semana do Terror. Todos os días, no recreo, haberá algunha actividade. Tamén haberá un collage terrorífico. Esperámosvos na biblioteca!!

LECTURAS DE MEDO

Nova xuntanza do Club de lectura con sorpresas. Ana e Teresa prepararon uns paquetes "terroríficos", dando proba da súa creatividade. Agradecemos a súa implicación para promover a lectura e o seu esforzo para motivar ao alumnado.

Se queredes máis información, podedes clicar aquí.


DEFENSORAS DE DEREITOS

A biblioteca volve á súa actividade e hoxe acolleu un obradoiro impartido por Sofía, membro de Agareso e colaboradora coa Coordinadora Galega de ONG. Compartiu co alumnado de 3º ESO D unha lectura, Miriam de Suazo y la digna rabia, e convidou á reflexionar sobre a necesidade de defender os dereitos das mulleres (ou diferentes colectivos) que sofren discriminación, cuestións actuais e moi interesantes. Tamén puxo o obxectivo sobre un país, Honduras, do que, coma moitos, non se fala a cotío e, cando se fai, é para destacar aspectos negativos. Como explicou a rapazada, asocian Honduras a "asasinatos, pobreza, machismo, violacións, corrupción". 

Comentouse o impacto das catástrofes naturais en países menos desenvolvidos, nos que é máis complicada a reconstrución das perdas e as axudas pola pobreza e falta de recursos. Defendeu, Sofía, a utilización de termos como Norte global e Sur global en lugar de países do primeiro ou terceiro mundo, máis utilizados polo alumnado.

Reflexionaron, a continuación, sobre os sentimentos que se podían experimentar polas "desaparicións" de persoas en Honduras e en outros países que sofriron ditaduras, e falouse das migracións e de como se tratan nos medios de comunicación con esas "oleadas masivas" que chegan a España e, como comentou Sofía, deshumanizan estas situacións.

Outras cuestións que se trataron a medida que iamos avanzando na lectura do libro foron as poboacións indíxenas, as diferentes discriminacións ou o significado do termo sororidade.

O alumnado, timidamente, foi reflexionando sobre os puntos que Sofía lle ía salientando e, aínda que non se atreveron a un grande debate, foron aportando algunha opinión.

As conclusións ás que chegaron ao final do obradoiro foron que se debía tratar a todas as persoas por igual; que, se a xente se une, pódese chegar máis lonxe; que hai que loitar polos soños e que Honduras é un país que atravesa unha mala situación.

Por último, pensan que o obradoiro serve para concianciar ao alumnado sobre temas importantes na nosa vida.

Grazas, Sofía, por achegarlle a Miriam de Suazo a través da lectura e por facerlles chegar un pouquiño máis alá. Seguro que nas súas cabezas levaron ideas para reflexionar.

luns, 1 de novembro de 2021

CREANDO PORTADAS DE LIBRO

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, nada mellor que convidar ao alumnado de 1º ESO a unha sesión de formación. Tras darlle a coñecer os recursos que podían pedir en préstamo, as normas de funcionamento e as actividades que realizamos, os alumnos e alumnas tiveron que deseñar a portada dun libro e poñerlle título. Descubrimos grandes talentos!