Amosando publicacións coa etiqueta Conmemoracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Conmemoracións. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de maio de 2026

DIARIO CULTURAL

 O luns celebramos o Día das Letras Galegas con actividades variadas nas que participou o alumnado dos diferentes cursos. Organizado por Normalización Lingüística, unha olimpiada cultural sobre Begoña Caamaño puxo a proba os coñecementos que sobre esta escritora tiñan alumnas e alumnos.

Un grupiño de estudantes de 2º ESO interpretou a obra de teatro "Asamblea xeral". Despois, o Diario cultural con Xián Pais achegou as inquietudes musicais deste rapero de Muros á rapazada de 3º, 4º ESO e de bacharelato. Esta entrevista gravouse para a radio escolar. Para iso, tivemos que trasladar a radio ao Salón de actos que, momentáneamente, se convertiu nun estudo de gravación.

    

luns, 18 de maio de 2026

LETRAS GALEGAS 2026

Este ano as Letras Galegas están adicadas a Begoña Caamaño. Podedes atopar na nosa biblioteca os dous libros que escribiu, moi recomendables para o alumnado de Bacharelato, e tamén biografías que nos dan a coñecer a súa vida como grande lectora e muller feminista e moi comprometida.
No ano 2015, cando as súas amizades publicaron o Libro das amigas, Sira Vidal, profesora do departamento de Lingua e Literatura galega do noso instituto, publicou neste blog as súas impresións sobre este libro que, por suposto, recomendaba. Cito as súas palabras "Nótase que o libro está feito desde o corazón, desde a dor, máis tamén desde o amor máis profundo. Poemas, cartas, desafogos... palabras para lembrar a amiga, a escritora, a muller comprometida coa liberdade, coa xustiza, co feminismo".
Recomendo a lectura da reseña deste libro. Clicar aquí.

mércores, 6 de maio de 2026

LENDO NA BIBLIOTECA

 Tamén o alumnado compartiu lecturas na Biblioteca para celebrar o Día do Libro. O alumnado de ESO leu textos dos diferentes xéneros literarios e, de paso, houbo quen aproveitou a ocasión para levar en préstamo algún libro.

día do libro de Biblioteca Castro Alobre

COMPARTINDO LECTURAS

O Equipo de Biblioteca promove no Día do Libro unha xuntanza do profesorado e persoal non docente arredor dos libros. Durante a semana previa a Compartindo lecturas, profesoras e profesores acoden á Biblioteca para buscar ese libro que lle queren "regalar" ao compañeiro ou compañeira que lle tocou en sorte. Acompañamos o reparto dos libros cuns petiscos doces e salgados e, por suposto, promovemos a lectura.


xoves, 26 de marzo de 2026

ADIANTE, ESCRITORAS!

 O Día da Muller recomendamos,desde a Biblioteca, libros escritos por mulleres, que son moitos e moi bos. Ademais da selección que aparece no boletín, expuxemos moitos máis nos diversos espazos lectores do noso centro.

venres, 13 de marzo de 2026

DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA

Paula e Rocío, alumnas de Oratoria de 3º ESO E, gravaron un podcast para darmos a coñecer a visión de catro profesoras, de diferentes xeracións, sobre as súas carreiras científicas: Matemáticas, Bioloxía e Física e Química.

LIBROS CON NOME DE MULLER

Para conmemorar o 8 de marzo, recomendamos Libros con nome de muller. Esta é unha selección da exposición que podedes atopar na biblioteca.

luns, 2 de marzo de 2026

ROSALÍA EN RADIO CASTRO

No Día de Rosalía, Paula e Rocío -alumnas de Oratoria que forman parte do Equipo de Correspondentes- puxéronse ante os micros de "Non calamos. Radio Castro" para ler o manifesto da AELG escrito por Eva Veiga. Animámosvos a escoitar porque, como Rosalía, nós tampouco nos resignamos. "Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración".

DÍA DE ROSALÍA

 O Día de Rosalía conmemorouse cunha preciosa exposición. Normalización lingüística promoveu "Todas as Rosalías posibles" para que o alumnado desenvolvese a súa creatividade. Cadaquén viu a Rosalía dunha maneira diferente, como cadaquén sente a súa poesía. Esta exposición acompañouse cos libros de e sobre Rosalía que temos na Biblioteca.

xoves, 5 de febreiro de 2026

BOMBARDEO!

 Bombardeo! foi outra das propostas do departamento de Música na que o alumnado protestou polas guerras cunha acción poético-musical. Ademais do alumnado de Música, parte imprescindible neste proxecto, colaborou a Biblioteca, o equipo de Normalización Lingüística e o alumnado de Oratoria e Correspondentes.

MÚSICA POLA PAZ

 O 30 de xaneiro a biblioteca participou en "Música pola Paz" unha iniciativa promovida polo departamento de Música. O coro, dirixido polo profesor Ismael, cantou na biblio We are the world.

Recomendamos para toda a comunidade educativa lecturas das que podemos aprender moito.

Expuxemos fotografías cedidas polo xornalista Antonio Pampliega.

Demos a coñecer a activistas pola paz.
E Normalización Lingüística expuxo unhas estampas de Castelao dos "Álbumes de Guerra", Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos.

mércores, 28 de xaneiro de 2026

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN

O 30 de xaneiro conmemórase o Día da Ilustración, coincidindo coa data do nacemento de Castelao. Esta xornada quere recoñecer e poñer en valor o traballo de artistas deste ámbito. Por iso, desde a Biblioteca propuxemos un obradoiro de creación de personaxes impartido polo ilustrador Julio García.

O alumnado de Debuxo artístico de 1º de bacharelato puxo a proba a súa creatividade para crear ilustracións a partir de varios personaxes e obxectos propostos por Julio. Ademais, entraron no mundo das sensacións; despois de escoitar sons ou de percibir determinados olores tiveron que facer un debuxo de aquilo que lles suxería.

Moitas grazas a Julio por aceptar a nosa invitación.


venres, 16 de xaneiro de 2026

CASTELAO

 Pechamos o Ano Castelao e xa imos retirando a exposición de libros que podedes atopar na Biblioteca.

Castelao de Biblioteca Castro Alobre

luns, 3 de novembro de 2025

CONTRA A DESINFORMACIÓN

Convén recordar cada ano o importante papel que desempeñan as bibliotecas na formación do estudantado. Contra a desinformación é o lema deste curso. Agora máis que nunca é necesario fomentar a reflexión, o espírito crítico e a análise de fontes, para que o alumnado saiba distinguir entre información veraz e noticias falsas.

Neste día das Bibliotecas e en todos os demais, Vén á Biblioteca!!!

martes, 14 de outubro de 2025

DÍA DAS ESCRITORAS

O Día das Escritoras é unha data que debemos recordar. Este ano, alumnado e profesorado recomendounos a súa escritora favorita.

xoves, 9 de outubro de 2025

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

En "Non calamos. Radio Castro" non podiamos deixar pasar un día tan sinalado como o Día Europeo das Linguas. Por iso, dámoslle voz a dúas exalumnas, Alisha Sheraz e Lidia Dos Anjos. Neste podcast falan da oralidade que, como elas mesmas din "non entende de fronteiras, só de emocións". Convídannos, polo tanto, a celebrar a riqueza da diversidade lingüística a través da narración de historias, pois estas serven para coñecermos outras culturas, así como para romper prexuízos.

Alisha e Lidia contan as historias que a elas lles contaban, historias de dúas culturas (paquistaní e xitana) que se unen neste podcast.

Elas xa non están no noso centro, pero estamos seguras de que seguirán transmitindo as súas historias e a súa cultura con orgullo.

luns, 16 de xuño de 2025

ESCRITORAS GALEGAS

 Mercedes Peón, Eva Mejuto e Diana Kurich enviáronnos un vídeo no que nos falaban de Somos pandeireteiras, Sei cantar, sei bailar e Feitas ao sisel. Estas lecturas difundímolas por mor do Día das Letras Galegas.

luns, 2 de xuño de 2025

CANTAREIRAS

 Unha merecida homenaxe ás cantareiras polo Día das Letras Galegas. No noso centro enchemos as paredes dos corredores con pandeiretas e con moitas estrofas desa poesía popular oral.

Por suposto, tamén expuxemos as nosas recomendacións lectoras.

CONTRA A LGTBIFOBIA

     O 17 de maio é un día importante para loitar contra a LGTBIfobia e nada mellor para facelo que concienciar ao alumnado. Utilizando as novas tecnoloxías, o alumnado tivo que facer unha búsqueda de información para coñecer a situación legal das persoas dos diferentes colectivos e reflexionar sobre ela. Os resultados quedaron plasmados nunha exposición.