xoves, 26 de xaneiro de 2023

CONCURSO ENTROIDO

 Xa está aquí o Entroido e a biblioteca quere celebralo. 

Disfrázate dun personaxe literario, faite unha foto e envíaa ao correo da biblio.

Participa de xeito individual, por parellas ou por grupos.

Anímate!    

mércores, 25 de xaneiro de 2023

ENCONTRO DOS CORRESPONDENTES

O alumnado correspondente do IES Castro Alobre, coordinado pola profe Marisa, mantivo un encontro con Sonia, dinamizadora da Dirección Xeral de Xuventude (@xuventudegalicia) e con Mercedes, coordinadora do @espazoxovevilagarcia. Unha vez máis, a biblioteca acolleu esta xuntanza.

HISTORIAS DE TERROR

Yara e Adrián de 4º ESO B e Álvaro de 4º D escribiron estes relatos de terror. Unhas boas historias de medo. Se queredes lelas clicade aquí.

https://issuu.com/bibliotecacastroalobre/docs/h_terror_blog

luns, 23 de xaneiro de 2023

PURA PASIÓN

Pura pasión de Annie Ernaux foi o motivo do encontro do Club de lectura do profesorado, unha xuntanza intensa e apaixoada que nos fixo reflexionar sobre a pasión amorosa, pero tamén sobre a pasión literaria.

A proposta para a próxima xuntanza é O último día de Terranova de Manuel Rivas.

Máis info no blog do Club http://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2023/01/pura-pasion.html

venres, 20 de xaneiro de 2023

VISITANDO A BIBLIOTECA

O alumnado de 1º ESO A visitou a biblioteca acompañado por Andrea, a súa titora. Despois de moitos atrancos que impediron a súa formación no primeiro trimestre, por fin, puidéronse achegar. 

Nunca é tarde para compartir lecturas e xogos literarios.

martes, 10 de xaneiro de 2023

O PROCESO DE ACOLLIDA

Hoxe visitounos Javier Galego e Mohamed Said Hamdad, membros da ONG Ecos do Sur. Faláronnos do proceso de acollida da poboación inmigrante. O obxectivo era formar ao alumnado de Voluntariado lingüístico e darlles unhas pautas de actuación.

Presentouse Said como mediador intercultural. Procede de Arxelia e leva catro anos en España. Pertence á étnia bereber (palabra que significa "home libre"), un pobo autóctono do norte de África, que ten lingua e cultura propia. É militante de Derechos Humanos e membro de Amnistía Internacional. É fotógrafo e ten formación literaria e cultural, ademais de arquitectura. Fala bereber, francés, árabe e español. Tivo que marchar de Arxelia pola súa loita a favor da liberdade de expresión. Comentounos que elixira España para vivir pola súa cercanía cultural. Nunca sentiu rexeitamento; pensa que puido ser pola súa personalidade aberta.

Como mediador intercultural, explicounos que fai mediación lingüística, pero tamén cultural. Destacou a importancia de aprender a coñecer á poboación inmigrante a través da súa cultura e da linguaxe non verbal; isto pode evitar conflitos e promover a convivencia.

Javier explicounos como é o proceso de acollida. Débese establecer unha boa comunicación, moitas veces, a través da persoa mediadora. Estableceu a diferenza entre integración e inclusión e compartiu co alumnado propostas para levar a cabo no noso centro.

Foi unha sesión para aprender a actuar como persoas mediadoras, para reflexionar, para compartir ideas.
Gracias, Javier e Said. O noso voluntariado seguirá os vosos consellos.

UN FERMOSO CALIGRAMA

O equipo da Biblioteca quere felicitar a Leire Álvarez Goris, gañadora do II Certame de caligramas "Constanza de Castro". 

Aínda que lle deron o premio xa hai uns meses, non hai moito tempo que nos enteramos desta gran noticia. É unha mágoa que non se lle dese a publicidade que merecía. Por iso, queremos, desde este blog, dar a coñecer o seu caligrama. Xa veredes que marabilla!!!
Parabéns, Leire!!👏👏


PRESENTANDO O PROXECTO DO VOLUNTARIADO

Como peche deste primeiro trimestre e para finalizar o ano escolar, o alumnado do Voluntariado lingüístico, dirixido pola profe de galego, Marisa, deunos a coñecer os obxectivos da súa formación. Nunha festa no pabillón presentáronnos ao alumnado embaixador dos distintos lugares de procedencia de alumnos e alumnas. Houbo badaladas, comida internacional e música. Toda unha festa intercultural!


Ademais, durante toda a semana estes alumnos e alumnas estiveron de visita en diferentes coles e entidades facendo diferentes actividades, desde lecturas ata manualidades. Un deses centros foi o Colexio de Educación Especial co que, desde a biblioteca, compartimos un Club de lectura marabilloso que esperamos poder volver a retomar.