Amosando publicacións coa etiqueta Descubrindo a.... Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Descubrindo a.... Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de decembro de 2025

POESÍA PARA FRIKIS

O mércores tivemos unha visita moi especial. Simón Piñeiro, exalumno do centro, veu presentar o seu libro Poesía para frikis. Para nós é un motivo de alegría e un orgullo que o alumnado, que pasou polo Castro Alobre, vexa cumpridos os seus soños e, ademais, tan pronto. A publicación dun libro non é fácil e este obxectivo xa está conseguido para Simón.
Neses momentos compartidos, recordou o seu paso polo centro, contounos como conseguiu publicar e, sobre todo, animou á rapazada a escribir, non só para mellorar a súa creatividade, senón como unha ferramenta de liberación e expresión. Que bos consellos!
Finalmente, Simón leunos uns poemas que foron moi aplaudidos.
Grazas, Simón, por facermos partícipes da túa poesía e moita sorte!
Poesía para frikis de Biblioteca Castro Alobre 
                                                      

luns, 24 de novembro de 2025

CASTELAO

No ano Castelao, a biblioteca organizou unha visita á exposición Castelao. Mirar por Galicia. O alumnado do Club de lectura e o equipo de correspondentes da radio desfrutaron dunha mañá na Cidade da Cultura co obxectivo de afondar na figura de Castelao.

Así foi a visita.
E estas foron as sús reaccións despois de ver a exposición.

mércores, 12 de febreiro de 2025

martes, 11 de febreiro de 2025

MAKINARIA DE CARLOS NEGRO

O alumnado de 3º ESO estivo lendo Makinaria de Carlos Negro. O escritor mandoulles un vídeo para achegarlles a súa obra.

mércores, 23 de outubro de 2024

MOVIDA, ATLANTISMO...

 O noso compañeiro, membro do equipo de biblioteca e profesor de Física acaba de publicar un libro e non pensedes que é dalgún tema científico, porque non. É de música e non é o primeiro. Sabiades que Fernando controlaba moitísimo de música? Pois xa vedes. 

Agradecémoslle a doazón do seu libro á biblioteca e, proximamente, teremos algunha que outra sorpresa.

Moitas grazas, Fernando e parabéns!

BIG VAN CIENCIA

 Este martes visitounos Big Van Ciencia, unha maneira divertida de comprender, por exemplo, o cambio climático. O alumnado de 3º e 4º de ESO desfrutou moito con esta parella científica. Helena e Oriol tamén nos deixaron unhas palabras no libro de sinaturas da biblioteca.

xoves, 23 de maio de 2024

QUEN É QUEN NO PAÍS DOS ESPELLOS?

 Novo concurso que nos servirá, tamén, para dar a coñecer a grandes escritoras e escritores que xa están un pouco esquecidos entre a rapazada. 

Seguide as pistas que podedes atopar no título dos libros e averiguade, coa axuda das fotografías, os nomes deses autores e autoras. Cubride a ficha que atoparedes na biblioteca e nos espazos lectores. A data límitepara participar é o 7 de xuño.

Ademais, seguro que hai caras que vos soan, non? Pero isto xa non forma parte do concurso😃

domingo, 21 de abril de 2024

HÉCTOR CAJARAVILLE

 Hai uns días contamos coa presenza dun escritor moi querido no noso centro, Héctor Cajaraville. Son xa moitos os libros lidos deste autor e xa varias as súas visitas. Esta vez o encontro foi dirixido a 2º ESO, xa que leron A caixiña dos rancores. O alumndo quedou encantado y con ganas de ler o seu próximo libro que comezará a escribir en breve, segundo lles contou.

Aproveitamos a súa visita para que asinara, de novo, no libro da biblioteca. 


venres, 26 de xaneiro de 2024

OS LIBROS -TESOURO

 Nova xuntanza do Club O niño da curuxa para falar dos libros-tesouro que temos na biblio e que leron no Nadal. Tamén se comentou El incidente del perro a medianoche de Mark Haddon que gustou moito. Ata leron o libro algunhas familias! Todo un éxito! Haberá que ir pensando en incorporalas😀

Finalmente, unha grande sorpresa, un vídeo de Lorena Conde no que nos presentou a seguinte lectura Velloucas & Minchas. Un auténtico luxo.

Máis info no blog do Club. Clicade aquí.

luns, 18 de abril de 2022

PLÁCIDO CASTRO

Na semana do 4 ao 8 de abril lembramos cunha exposición biográfica a figura de Plácido Castro, importante figura do galeguismo histórico vencellada a nosa vila. Tamén fixemos unha exposición de libros doados á biblioteca pola Fundación Plácido Castro.

Se queredes coñecer máis a fondo a Plácido Castro  podedes vir á biblioteca e levar en préstamo algún dos libros doados ou podedes visitar a páxina da Fundación https://www.fundacionplacidocastro.com/

venres, 18 de decembro de 2020

"NARRACIÓNS VISUAIS" INCLUSIVAS

O 10 de decembro conmemórase o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Este ano queremos darvos a coñecer a Robin Hammond, un fotógrafo australiano e fundador de Witness Change, unha organización que promove os dereitos humanos a través da narración visual.

Recomendamos visitar a súa web para ver e ler esas marabillosas e emotivas narracións visuais nas que denuncia:

Recomendamos, tamén, a visualización do vídeo Condemned sobre as enfermidades mentais en África.   


 

xoves, 13 de febreiro de 2020

NENOS E NENAS SOLDADO

Chema Caballero, asesor de ONG e escritor, impartiu unha clase maxistral sobre nenos e nenas soldado. Achegoulles ao alumnado asistente ampla información acerca do que significa ser menor soldado e por que se utilizan a menores "son más fáciles de manipular, no cuestionan las órdenes, no se les paga; se les convierte en máquinas de matar". Contou como é ese proceso de manipulación desde o secuestro (preferentemente nas escolas), pasando polos campamentos (nos que se leva a cabo unha selección natural, xa que moitos morren) e rematando nos campos de entrenamento nos que reciben instrución militar.

As historias que nos contou Chema Caballero son realmente escalofriantes e terriblemente crueis tendo en conta, ademais, que se trata de nenos e nenas. Insistiu moito no papel das nenas vítimas desta situación e que , moitas veces, permanecen invisibles pero son doblemente perxudicadas debido ás violacións e abusos sexuais que sofren, a súa mortalidade prematura a causa dos partos e á dificultade de reinserción, ao ser rexeitadas polas súas familias.


Como referente para el, Graça Machel, un dos grandes personaxes do século XX-XXI. No ano 1996 elaborou un informe sobre o impacto dos conflitos armados nos menores, a partir do cal a comunidade internacional empezou a establecer unha serie de normas para previr o recrutamento dos mesmos.


A última parte da charla serviu para dar resposta a por que segue habendo menores soldado e para introducir o motivo das guerras actuais, "No existen guerras de religión ni guerras étnicas. Detrás de los conflictos hay una materia prima". Falou, entón, dos diamantes, coltán, uranio, petróleo. E, tamén, da venda de armas.

Finalmente, a cara positiva de todo este proceso, a rehabilitación e reinserción. Contounos Chema Caballero a súa experiencia en Saint Michael, o longo e duro traballo cos nenos e nenas e coas súas familias. Son moitos os menores que conseguen, con todos os seus medos, volver a ter unha vida "normal". Son aceptados no seu entorno, atopan traballo, forman a súa propia familia. Pero hai unha cara negativa. Non todos conseguen superar esta fase e volven ás guerrillas ou, no caso das nenas, prostitúense. Na última foto (de Gervasio Sánchez) aparece Chema con nenos e unha nena, que non conseguiu reinsertarse e, finalmente, morreu de sida.



Esperamos que a mensaxe calase entre o alumnado e servise para reflexionar. Tapar os ollos ou non querer saber non contribúen a loitar contra as inxustizas e a desigualdade.

Grazas a Chema por aceptar a invitación. Foi un honor poder contar con el no Castro Alobre.

martes, 11 de febreiro de 2020

CHEMA CABALLERO E OS MENORES SOLDADO

O 12 de febreiro conmemórase o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado. Chema Caballero contaralle as súas experiencias en Serra Leoa ao alumnado de 4º ESO e 1º de bacharelato. En 1992 viaxou a este país africano para poñer en marcha un programa de rehabilitación destes menores. Seguro que aprenderemos moito deste gran problema que "non está de moda", pero que reflicte unha realidade terrible e cruel do mundo no que vivimos.

+info http://bibliocastroalobre.blogspot.com/2018/01/blog-post.html
         http://bibliocastroalobre.blogspot.com/2019/02/menores-soldado.html

mm


sábado, 23 de marzo de 2019

UN PECHE DE OURO


Debo aclarar que isto e só unha opinión.

Mercedes Peón é magnífica. Chegou e falounos da súa vida (da súa moi particular visión da vida), da música, da política, da vontade de ser unha mesma, un mesmo, un mesme (ela mesma defínise como interxénero).  Sen imposturas, sen divismos, sen falsas humildades.

Escoitala é sempre unha oportunidade de aprender e creo que aprendimos, eu si. A biblioteca quedouse pequena. Prometeu volver ao noso centro, esperaremos.
Un final intenso para unha semana da muller intensa.

 Un privilexio.
Grazas, Mercedes.

Paloma García

   






xoves, 14 de marzo de 2019

TANIA BALLÓ, LAS SINSOMBRERO

A directora de cine, "produtora de ideas" e escritora, Tania Balló, descubriunos hoxe a Las Sinsombrero. Un cartel de luxo para un alumnado de 4º ESO e 2º de bacharelato que, unha vez máis, tivo un comportamento excelente.

Tania presentounos, a través do proxecto transmedia, ás mulleres que por dereito propio debían estar incluídas na Xeración do 27, pero foron esquecidas polos seus compañeiros e amigos deste grupo e, tamén, foron excluídas dos libros de texto. Pediu ao alumnado "una actitud crítica para combatir solo la visión masculina de la Generación del 27".


Comezou a charla facendo referencia ás palabras de Maruja Mallo, que contan o coñecido episodio de quitarse o sombreiro na Porta do Sol en Madrid e que foron a súa inspiración para poñerlle nome a este grupo de mulleres. Falounos, entre outras, de Margarita Manso, Maruja Mallo, María Teresa de León, Concha Méndez, Rosa Chacel e Ernestina de Champourcín. Mulleres "muy modernas para la época" e "ninguneadas por sus propios compañeros" nas poucas ocasións nas que falaron delas. Lembra que viviron os períodos históricos máis importantes do século XX (a ditadura de Primo de Rivera, a Segunda República, a ditadura franquista, a transición e a democracia) e que, nalgúns casos,  (tamén eles) se ven obrigadas a exiliarse durante o franquismo. Momentos duros de tristeza e soidade.


O obxectivo de Tania Balló con este proxecto é que o seu traballo axude a descubrir a estas mulleres, que o alumnado as reivindique nas distintas materias. Todas elas foron mulleres que crearon obras importantes, que expuxeron e publicaron.

Ao final, houbo un tempo para preguntas que se quedou curto, "Es la primera vez que veo tantas manos levantadas", dixo. O alumnado interesouse por cuestións como se ía seguir investigando sobre mulleres desta xeración (haberá un terceiro libro, pero será o último), se gañaban o suficiente diñeiro para vivir, se pensaba estender o estudo a mulleres científicas, se se considera o punto de partida en dar a coñecer a estas mulleeres ou cal é a súa Sinsombrero preferida. A resposta a esta última pregunta, despois de pensalo, foi María Zambrano.


Queremos agradecer a Tania Balló a súa presenza no noso instituto por achegarnos a estas mulleres marabillosas, necesarias e imprescindibles. Compartimos con ela o seu anhelo por desexar vivir nunha sociedade na que non tivese que reivindicarse como muller. 



E, para rematar, recomendar a lectura dos seus libros, porque realmente son unha fonte de información estupenda para comprender este momento histórico tamén con elas; e compartir as palabras de Tania Balló "Las Sinsombrero son todas las mujeres que lucharon por ser ellas mismas".



luns, 19 de marzo de 2018

LOS OJOS DE LA GUERRA

Interpretando libremente a frase de Xulio César, pronunciada ante o Senado romano, Veni, vidi, vici, Antonio Pampliega Chegou, falou e gañou. Gañouse a un alumnado, totalmente entregado, con só dúas armas: a palabra e a fotografía. Un alumnado silencioso, respectuoso, emocionado e impresionado pola dura realidade que o xornalista, especializado en conflitos armados lle ía amosando.
Los ojos de la guerra eran os ollos de Pampliega que percorrían as guerras de Siria, Somalia, Sudán do Sur, Congo, Afganistán e Iraq. Ninguén podía manterse indiferente. Rostros adolescentes conmovidos coas historias reais de mulleres, nenos, nenas e homes. Pero tamén o profesorado reflexionaba. Momentos intensos. A guerra ten cara, ten nome, ten vida. Unha vida entre cascallos, berros, bombas, ataques aéreos, destrución. Vímolo e oímolo.
E, entre todo isto, a voz de Antonio Pampliega. A voz da conciencia que sobrevoaba por enriba das nosas cabezas. Temos dereito a saber, a coñecer todo o que pasa no outro lado do muro. Reivindicación da prensa como informadora veraz. Sementeira de dúbidas. Convennos solucionar os problemas destes pobos en guerra? Estamos dispostos a renunciar aos nosos privilexios? Que pode facer a xente, cando as súas cidades quedan completamente destruídas? Ante os nosos ollos, un novo problema para Occidente, as migracións.
Antonio Pampliega, comprometido con visibilizar o sufrimento, sente a obriga de compartir as súas experiencias como aprendizaxe. "No os dejéis manipular. Pensad por vosotros mismos". As mensaxes ían calando paseniño no alumnado.
E, para rematar, unha frase, "Me afectan mucho los vivos que lloran a los muertos"; e un sorriso, o dos nenos e nenas nun soto, na escola.
Aínda que pareza mentira, a vida continúa.
Grazas, Antonio. Mil grazas.
Guadalupe Vilar
Coordinadora da Biblioteca


Libro de sinaturas da Biblioteca

sábado, 17 de marzo de 2018

ANTONIO PAMPLIEGA NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Así recolleron os medios de comunicación a charla de Antonio Pampliega, Los ojos de la guerra, organizada polo Equipo da Biblioteca.



Para ler a noticia, premer na ligazón La Voz de Galicia

Para ler a noticia, premer na ligazón Diario de Arousa