Amosando publicacións coa etiqueta Tolerancia cero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tolerancia cero. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de febreiro de 2024

AGASALLO ENVELENADO

 O 6 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina, unha práctica aberrante que debemos condenar con todas as forzas e da que, desgraciadamente, pouco se oe falar. É importante que o noso alumnado saiba o que é este tipo de violencia contra as mulleres, cando aínda son unhas nenas, e que aprendan a rexeitar estas barbaridades que atentan contra a dignidade e tamén da vida, neste caso, de moitas menores.

Este ano propuxemos que se dese a coñecer a MXF a través de catro ilustracións de Jilla Dastmalchi. Publicáronse en distintos medios de comunicación como o xornal dixital BBC News Mundo. Corresponden ás historias persoais de Layla, Sharifa e Jamila (todos nomes non reais) que sufriron esta práctica con 11 ou 12 anos, dez e nove respectivamente).

O xornal comezaba a noticia con esta frase: 

                "La mutilación genital fue mi recompensa por aprobar los exámenes". 

Que duro! Canto mellor sería suspender. se o agasallo leva tanto veleno!

Toda a historia destas nenas, agora xa mulleres, podedes lela nesta ligazón https://www.bbc.com/mundo/noticias-56645097

domingo, 6 de febreiro de 2022

#TOLERANCIA CERO

Un ano máis debemos rexeitar rotundamente a mutilación xenital feminina, unha práctica que aínda seguen sufrindo moitísimas mulleres e que supón unha violación dos dereitos humanos. Este 6 de febreiro, Día Internacional da Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina debe servir para sensibilizar á xente moza, xa que na súa man está a posibilidade de cambiar as cousas.

#TOLERANCIA CERO coa MXF.

En Uncut, la lucha de las mujeres contra la mutilación genital femenina tendes moita información. E, se queredes coñecer as historias de Asha, Sulekha, Koumba ou Stella, clicade aquí.

E, por suposto, recomendamos ver as entradas de anos anteriores do noso blog en Tolerancia cero.

domingo, 7 de febreiro de 2021

TOLERANCIA CERO

UNICEF/Holt Fátima (Etiopía). Sometida a MXF cando tiña 1 ano
En palabras do Secretario Xeral da ONU, António Guterres, "A mutilación xenital feminina é unha terrible violación dos dereitos humanos que afecta á saúde e ao benestar de millóns de mulleres e nenas en todo o mundo". Por iso urxe, un ano máis, lembrar, este 6 de febreiro, o Día Internacional contra a Mutilación Xenital Feminina

Levamos anos, desde a biblioteca, proporcionando información desde este blog que podedes ver na entrada "Tolerancia cero", pero unha vez máis queremos amosar o noso rexeitamento ante esta cruel práctica. É absolutamente necesario dar a coñecer entre o noso alumnado este terrible sufrimento, que padecen moitas nenas e mulleres en distintas partes do mundo, e que se pode ver agravado pola actual pandemia. 


Recomendamos estes vídeos de "Unha parte de min" (https://www.unfpa.org/es/una-parte-de-mi), na que tres mulleres contan a súa historia (+ info https://news.un.org/es/story/2021/02/1487712).

UNFPA. Abuda Dawud (Etiopía) unha das mulleres que relata a súa vivencia.


venres, 7 de febreiro de 2020

CONTRA A MUTILACIÓN XENITAL FEMININA

Hoxe, 6 de febreiro, é o Día Internacional contra a Mutilación Xenital Feminina. Desde o máis profundo rexeitamento, queremos amosar algúns recursos e historias que poden axudar a comprender mellor o que esta terrible e cruel práctica significa para moitas mulleres, aínda nenas, e concienciar da necesidade de levantar a nosa voz para, unha vez máis, dicir:

NON Á MUTILACIÓN XENITAL FEMININA


Esta é a historia de Sima, un vídeo publicado pola Fundación Entreculturas.



Esta é a historia de Mariam de Djibouti.


En Bref, un documental dirixido por Christina Pitouli e producido por Medicos do Mundo Cataluña, podemos coñecer a opinión de distintas persoas africanas que viven en España. Unha invitación ao debate e á reflexión.




Cada vez son máis as mulleres vítimas da ablación que loitan contra ela como Sewanatu, unha moza de 20 anos de Serra Leoa.


E se queredes coñecer algunha máis, premede aquí.

Por último, unha canción de rexeitamento a esta práctica. A música é a utilizada no rito da ablación. Vídeo realizado por Medicos do Mundo Navarra.






luns, 25 de novembro de 2019

INVISIBLES


CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Un ano máis a Biblioteca conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, poñendo nome ás vítimas e promovendo a lectura de poemas e libros que combaten este horror.


O IES Castro Alobre rexeita con forza a violencia de xénero cun magnífico traballo das titorías, que serve para sensibilizar ao alumnado ante esta lacra social.



Coa lectura dun manifesto puxemos punto final a este día que desexariamos non ter que recordar, pero que seguiremos combatendo con toda a nosa enerxía.




xoves, 7 de febreiro de 2019

O RITO DE PASO ALTERNATIVO

O 6 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina. Neste vídeo, editado pola ONU , explícase en que consiste.




Tamén podedes ler historias reais no Fondo de Poboación das Nacións Unidas, Nacidas enteiras, e facervos unha idea da situación en África con esta infografía.



Foto de Sebastián Ruíz-Cabrera

Na loita contra esta práctica están cada vez involucradas máis persoas. É o caso dunha keniana, Nice Nailantei Lengete que, escapando da cerimonia da súa mutilación, é un exemplo para as mulleres da súa comunidade masai. Agora traballa polo dereito das mulleres e ten recoñecimento internacional. A súa proposta, un rito de paso alternativo , pretende manter as tradicións (no paso á idade adulta), pero eliminando a ablación.





E para rematar, unha recomendación: Mariama, unha curtametraxe dirixida por Mabel Lozano.

domingo, 25 de novembro de 2018

TOLERANCIA CERO


O venres, 23 de novembro, conmemoramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, día no que se celebran distintos actos cun mesmo obxectivo: dicir NON á violencia contra a muller.

Tamén no noso instituto rexeitamos este tipo de violencia, dun xeito rotundo, a través de distintas actividades como esta, dirixida ao alumnado de bacharelato e ciclo. O que pretendemos é visibilizar todas as formas de violencia e invitar ao alumnado á reflexión.

O acto presentado por Alba e Neis, comezou cunha entrevista que Alexandre, Elena e Elisa lle fixeron a Esther, unha das fundadoras da asociación Xtodas (Asociación de axuda ás vítimas da violencia machista). Esther informou sobre a axuda que lle poden prestar ás mulleres e contou as súas propias vivencias.




A continuación, puidemos ver unha presentación realizada polo equipo da biblioteca, na que se quixo resaltar o papel dos medios de comunicación como principais transmisores da violencia contra a muller.

O visible e o invisible é unha denuncia decidida de todos os tipos de violencia machista e un claro compromiso coa defensa das mulleres.



O visible e o invisible de Biblioteca Castro Alobre

Queremos agradecer ao alumnado de Igualdade (Alba, Neis, Alexandre, Elena e Elisa) e a Paloma a súa colaboración e implicación nesta actividade.

Tamén vos invitamos a escoitar a canción de Ani Choying Drolma, autora de La Canción de la libertad, que nos serviu de banda sonora para a presentación.



E unha canción de El Kanka en colaboración con Carmen Boza, Vengas cuando vengas, exemplo de que "outras letras" son posibles.

xoves, 15 de novembro de 2018

O CACTO DA VERGOÑA

Invitamos a toda a comunidade educativa do IES Castro Alobre a sumarse á proposta da biblioteca con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Se queres denunciar a violencia de xénero, só tes que facer unha foto, engadirlle un lema de denuncia na propia imaxe e mandala ao noso correo bibliocastroalobre@gmail.com.

Estas fotos poranse nun cacto na entrada do centro a partir do mércores 21.

Comprométete coas mulleres! Denuncia a violencia!


domingo, 7 de outubro de 2018

O PREMIO NOBEL DA PAZ 2018, UN MERECIDO RECOÑECEMENTO

Este ano o Premio Nobel da Paz recaiu en dúas persoas que teñen en común a súa loita por acabar coa violación como arma de guerra, Denis Mukwege e Nadia  Murad.

Denis Mukwege é un médico congolés que dirixe o hospital Panzi en Bukavu (República Democrática do Congo). O seu compromiso coas mulleres vítimas de violacións fixérono merecedor deste importante galardón. Xa o Equipo da biblioteca recomendaba o curso pasado, dentro do proxecto Rescatando Culturas, a lectura do artigo Panzi: o lugar onde as mulleres renacen, con motivo da celebración do Día Internacional da Prensa.

Nunha entrevista con Xavier Aldekoa, o doutor Mukwege comentaba: “Estas son violaciones diferentes: usan el cuerpo de la mujer como campo de batalla. La crueldad ejercida resulta inhumana. La violación en una zona de conflicto es la voluntad de destruir al otro y a las generaciones futuras a través de la mujer. Si el mundo comprendiera así la violación, no reaccionaría como si fuera un problema sexual; es una agresión contra la humanidad”.

Foto de Xavier Aldekoa
Podedes ler o perfil do premiado na crónica de Xavier Aldekoa, Doctor Congo (Revista 5W).

Nadia Murad é unha activista iraquí de orixe yazidí que foi torturada e violada por integrantes do Estado Islámico. Ela mesma conta a súa historia no libro Yo seré la última. Historia de mi cautiverio y mi lucha contra el Estado Islámico (Plaza Janés). "He escrito este libro para que queden documentados los crímenes cometidos contra las yazidíes. Para que queden por escrito y en detalle las pruebas de la tragedia y de nuestro genocidio", explica nunha entrevista ao diario El País.

Foto de Patricia Sevilla Ciordia


venres, 15 de xuño de 2018

RECADACIÓN DA CAMPAÑA SOLIDARIA


A campaña solidaria, organizada pola biblioteca do IES Castro Alobre a favor do Centro Tulizeni da República Democrática do Congo, recadou un total de 1463€.

Queremos agradecer dun xeito especial a colaboración do Grupo de Diversidades afectivo-sexuais do instituto, que doou os cartos obtidos pola venda de artigos co fin de visibilizar ao colectivo LGTBI e a colaboración do alumnado, coordinado pola profesora Mariola González, que doou os cartos obtidos pola venda de comida o día das Letras no Alobre. Tamén queremos dar as grazas á biblioteca do IES Cotarelo pola venda de fotos no seu instituto.

Lembramos, de novo, e agradecemos a colaboración do Concello de Vilagarcía, de Setga e Naturgalia (empresas de Pontevedra) e de Zona Aberta, Stin e Duende.

Se alguén quere colaborar nesta campaña, aínda pode mercar fotos no IES Castro Alobre.



martes, 22 de maio de 2018

O SEU FUTURO DEPENDE DE NÓS

O seu futuro depende de nós é unha campaña solidaria, organizada pola biblioteca, a favor do Centro Tulizeni (Goma, RD do Congo). As persoas, que queiran colaborar, poderán mercar fotos cedidas polo xornalista Antonio Pampliega. 

O día 24 de maio podedes comprar as fotos no instituto, na celebración do Día das Letras no Alobre. Colaboran coa campaña o Grupo de Diversidades Afectivo-Sexuais, que porán á venda bolsas de algodón, chapas e pulseiras "arco da vella" e, tamén, o grupo de alumnado encargado do posto de comida, que coordina Mariola Rodríguez. 

O día 26 de maio levaremos a campaña á Praza de Galicia. Esperamos que vos acheguedes por alí para que vos poidamos dar información sobre o Centro Tulizeni e así vos animedes a participar na recadación de fondos.

Agradecemos a colaboración nesta campaña do Concello de Vilagarcía, de Zona Aberta, Stin, Duende, Setga e Naturgalia.


Hecho con Padlet

luns, 5 de febreiro de 2018

TOLERANCIA CERO

O 6 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Tolerancia Cero contra a Mutilación Xenital Feminina. De novo, queremos visibilizar esta brutal práctica e condenala de xeito rotundo. É o pequeno grao de arena que podemos poñer desde a nosa biblioteca escolar.





         Un arma peligrosa, curtametraxe de Mariana Wenger e Paola Murias 
con texto e voz de Eduardo Galeano

Extracto da presentación elaborada para o Día contra a Violencia de Xénero, no que adicabamos unha parte á mutilación xenital feminina. Para ver a presentación completa ou o vídeo premer aquí.                                                                         

        

Día Internacional contra a Mutilación Feminina de Biblioteca Castro Alobre



Recomendamos a lectura deste libro porque a autora, unha modelo somalí, nos conta as súas vivencias; entre elas, como aos cinco anos lle practicaron a ablación.
Waris Dirie é unha loitadora incansable pola erradicación da mutilación xenital feminina.

sábado, 25 de novembro de 2017

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O venres 24 de novembro tivemos un acto moi especial. O Equipo da biblioteca elaborou unha presentación sobre a violencia que sofren as mulleres no Congo e sobre a mutilación xenital feminina. Relatos en primeira persoa realmente estremecedores. Mila Torrado, membro do equipo, leu de xeito maxistral e emotivo dúas desas historias, tan brutais como reais. 
Tamén o alumnado tivo o seu protagonismo. Alberto Lago e Rebeca Pérez abriron o acto, compartindo con nós as súas mensaxes contra a violencia machista; e o alumnado de Igualdade, de 1º de bacharelato, cedeunos os vídeos realizados para esta materia.
Asistiron os alumnos e alumnas de 1º e 2º de bacharelato. Esperamos que compartisen con nós ese sentimento de rabia e impotencia ante esta dura realidade e fagan súas as palabras de Bernarda López Ramírez, defensora Xinca dos dereitos indíxenas en Guatemala:

La lucha no termina
la lucha continúa
no hay peor lucha
que la que no se hace.


Para ver o vídeo clica aquí



LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA