Amosando publicacións coa etiqueta Conflitos armados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Conflitos armados. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de outubro de 2025

ESPECIAL PALESTINA

No día no que o estudantado decidiu parar para deter o xenocidio, parte do Equipo de Correspondentes de "Non calamos. Radio Castro" alzou a voz para contar o que está a suceder.

Neste podcast "Especial Palestina", reproducimos a mensaxe que nos enviou a activista Sandra Garrido -agora mesmo secuestrada- minutos antes da interceptación por parte de Israel.

Hai que parar este xenocidio! Palestina libre!

luns, 10 de febreiro de 2025

DÍA DA PAZ

Conmemoramos o Día da Paz e o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado para denunciar o recrutamento forzado de nenos e nenas nunha listaxe ben longa de países.
O alumnado de 3º PDC informouse sobre este tema na biblioteca e elaborou un mural, recomendando dous libros de Gervasio Sánchez, Salvar a los niños soldado e Vidas minadas, Diez años.

venres, 11 de febreiro de 2022

DI NON AOS MENORES SOLDADO!

Como cada 12 de febreiro, o alumnado de 3º PMAR quere dar a coñecer a existencia dos menores soldado. Despois de tratar en profundidade o tema na clase e recomendalo, tamén, ao resto do profesorado, recolleron nun mural os aspectos básicos desta grande inxustiza e violación dos dereitos dos menores. Outro tema sobre o que reflexionar e do que a biblioteca sempre proporciona material recompilado neste blog ao longo dos anos.

día internacional contra o uso de menores soldado de Biblioteca Castro Alobre

xoves, 23 de decembro de 2021

VIDAS MINADAS

Aínda que con un pouco de retraso, non queremos deixar de divulgar a proposta da biblioteca para conmemorar o Día das Persoas con Discapacidade (3 de decembro) e o Día dos Dereitos Humanos (10 de decembro).

Vidas Minadas é un libro de Gervasio Sánchez. A través da fotografía e de pequenos textos, este xornalista de conflitos de guerra dá a coñecer a persoas de Afganistán, Camboya, Angola... vítimas das minas antipersoas. Un libro realmente recomendable para traballar non só nas titorías, senón tamén en calquera materia. 


Entre todas "as vidas minadas" destacamos a Sofia Elface de Mozambique. A súa historia é unha magnifica lectura que nos achega Henning Mankell en El secreto del fuego.

mércores, 29 de abril de 2020

CONTRIBUÍNDO Á EDUCACIÓN

Despois de tantos días con malas novas, recibimos unha noticia esperanzadora. Recordaredes que o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado todo un experto no tema, Chema Caballero, estivo no noso instituto para dar a coñecer a situación dos nenos e nenas soldado. Todo un privilexio. Pois ben, recibimos un correo da ONG DYES (Desarrollo y Educación Solidaria), http://ongdyes.es/,  coa boa nova de que grazas á aportación da biblioteca (entre outras) por mor da charla anteriormente citada, tres xóvenes de Serra Leoa se puideron graduar na universidade.

É todo un orgullo para a nosa biblioteca seguir colaborando con proxectos solidarios.

Timothy S. Conteh

Samuel Samura

Daniel Kadalie Kamara

xoves, 13 de febreiro de 2020

NENOS E NENAS SOLDADO

Chema Caballero, asesor de ONG e escritor, impartiu unha clase maxistral sobre nenos e nenas soldado. Achegoulles ao alumnado asistente ampla información acerca do que significa ser menor soldado e por que se utilizan a menores "son más fáciles de manipular, no cuestionan las órdenes, no se les paga; se les convierte en máquinas de matar". Contou como é ese proceso de manipulación desde o secuestro (preferentemente nas escolas), pasando polos campamentos (nos que se leva a cabo unha selección natural, xa que moitos morren) e rematando nos campos de entrenamento nos que reciben instrución militar.

As historias que nos contou Chema Caballero son realmente escalofriantes e terriblemente crueis tendo en conta, ademais, que se trata de nenos e nenas. Insistiu moito no papel das nenas vítimas desta situación e que , moitas veces, permanecen invisibles pero son doblemente perxudicadas debido ás violacións e abusos sexuais que sofren, a súa mortalidade prematura a causa dos partos e á dificultade de reinserción, ao ser rexeitadas polas súas familias.


Como referente para el, Graça Machel, un dos grandes personaxes do século XX-XXI. No ano 1996 elaborou un informe sobre o impacto dos conflitos armados nos menores, a partir do cal a comunidade internacional empezou a establecer unha serie de normas para previr o recrutamento dos mesmos.


A última parte da charla serviu para dar resposta a por que segue habendo menores soldado e para introducir o motivo das guerras actuais, "No existen guerras de religión ni guerras étnicas. Detrás de los conflictos hay una materia prima". Falou, entón, dos diamantes, coltán, uranio, petróleo. E, tamén, da venda de armas.

Finalmente, a cara positiva de todo este proceso, a rehabilitación e reinserción. Contounos Chema Caballero a súa experiencia en Saint Michael, o longo e duro traballo cos nenos e nenas e coas súas familias. Son moitos os menores que conseguen, con todos os seus medos, volver a ter unha vida "normal". Son aceptados no seu entorno, atopan traballo, forman a súa propia familia. Pero hai unha cara negativa. Non todos conseguen superar esta fase e volven ás guerrillas ou, no caso das nenas, prostitúense. Na última foto (de Gervasio Sánchez) aparece Chema con nenos e unha nena, que non conseguiu reinsertarse e, finalmente, morreu de sida.



Esperamos que a mensaxe calase entre o alumnado e servise para reflexionar. Tapar os ollos ou non querer saber non contribúen a loitar contra as inxustizas e a desigualdade.

Grazas a Chema por aceptar a invitación. Foi un honor poder contar con el no Castro Alobre.

martes, 11 de febreiro de 2020

CHEMA CABALLERO E OS MENORES SOLDADO

O 12 de febreiro conmemórase o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado. Chema Caballero contaralle as súas experiencias en Serra Leoa ao alumnado de 4º ESO e 1º de bacharelato. En 1992 viaxou a este país africano para poñer en marcha un programa de rehabilitación destes menores. Seguro que aprenderemos moito deste gran problema que "non está de moda", pero que reflicte unha realidade terrible e cruel do mundo no que vivimos.

+info http://bibliocastroalobre.blogspot.com/2018/01/blog-post.html
         http://bibliocastroalobre.blogspot.com/2019/02/menores-soldado.html

mm


xoves, 30 de xaneiro de 2020

DÍA DA PAZ

Este 30 de xaneiro lembramos a menores que viven en países en guerra. A pesar das secuelas físicas e psíquicas de moitos deles, transmiten unha mensaxe positiva "Gustaríame estudar", e como manifesta Grace Akalla de Uganda (15 anos) "A escola é a mellor cousa que me pasou. A educación dábame esperanza. Eu tiña esperanza no futuro". Palabras para reflexionar

Información e fotos extraídas de "Ser niño en...",               
 El País https://elpais.com/elpais/2018/11/08/planeta_futuro/1541699867_806407.html
E esta é a selección de lecturas que trae a pomba da paz


E a selección de películas


Agradecemos ao alumnado voluntario a súa colaboración nesta actividade.


domingo, 7 de outubro de 2018

O PREMIO NOBEL DA PAZ 2018, UN MERECIDO RECOÑECEMENTO

Este ano o Premio Nobel da Paz recaiu en dúas persoas que teñen en común a súa loita por acabar coa violación como arma de guerra, Denis Mukwege e Nadia  Murad.

Denis Mukwege é un médico congolés que dirixe o hospital Panzi en Bukavu (República Democrática do Congo). O seu compromiso coas mulleres vítimas de violacións fixérono merecedor deste importante galardón. Xa o Equipo da biblioteca recomendaba o curso pasado, dentro do proxecto Rescatando Culturas, a lectura do artigo Panzi: o lugar onde as mulleres renacen, con motivo da celebración do Día Internacional da Prensa.

Nunha entrevista con Xavier Aldekoa, o doutor Mukwege comentaba: “Estas son violaciones diferentes: usan el cuerpo de la mujer como campo de batalla. La crueldad ejercida resulta inhumana. La violación en una zona de conflicto es la voluntad de destruir al otro y a las generaciones futuras a través de la mujer. Si el mundo comprendiera así la violación, no reaccionaría como si fuera un problema sexual; es una agresión contra la humanidad”.

Foto de Xavier Aldekoa
Podedes ler o perfil do premiado na crónica de Xavier Aldekoa, Doctor Congo (Revista 5W).

Nadia Murad é unha activista iraquí de orixe yazidí que foi torturada e violada por integrantes do Estado Islámico. Ela mesma conta a súa historia no libro Yo seré la última. Historia de mi cautiverio y mi lucha contra el Estado Islámico (Plaza Janés). "He escrito este libro para que queden documentados los crímenes cometidos contra las yazidíes. Para que queden por escrito y en detalle las pruebas de la tragedia y de nuestro genocidio", explica nunha entrevista ao diario El País.

Foto de Patricia Sevilla Ciordia


luns, 19 de marzo de 2018

LOS OJOS DE LA GUERRA

Interpretando libremente a frase de Xulio César, pronunciada ante o Senado romano, Veni, vidi, vici, Antonio Pampliega Chegou, falou e gañou. Gañouse a un alumnado, totalmente entregado, con só dúas armas: a palabra e a fotografía. Un alumnado silencioso, respectuoso, emocionado e impresionado pola dura realidade que o xornalista, especializado en conflitos armados lle ía amosando.
Los ojos de la guerra eran os ollos de Pampliega que percorrían as guerras de Siria, Somalia, Sudán do Sur, Congo, Afganistán e Iraq. Ninguén podía manterse indiferente. Rostros adolescentes conmovidos coas historias reais de mulleres, nenos, nenas e homes. Pero tamén o profesorado reflexionaba. Momentos intensos. A guerra ten cara, ten nome, ten vida. Unha vida entre cascallos, berros, bombas, ataques aéreos, destrución. Vímolo e oímolo.
E, entre todo isto, a voz de Antonio Pampliega. A voz da conciencia que sobrevoaba por enriba das nosas cabezas. Temos dereito a saber, a coñecer todo o que pasa no outro lado do muro. Reivindicación da prensa como informadora veraz. Sementeira de dúbidas. Convennos solucionar os problemas destes pobos en guerra? Estamos dispostos a renunciar aos nosos privilexios? Que pode facer a xente, cando as súas cidades quedan completamente destruídas? Ante os nosos ollos, un novo problema para Occidente, as migracións.
Antonio Pampliega, comprometido con visibilizar o sufrimento, sente a obriga de compartir as súas experiencias como aprendizaxe. "No os dejéis manipular. Pensad por vosotros mismos". As mensaxes ían calando paseniño no alumnado.
E, para rematar, unha frase, "Me afectan mucho los vivos que lloran a los muertos"; e un sorriso, o dos nenos e nenas nun soto, na escola.
Aínda que pareza mentira, a vida continúa.
Grazas, Antonio. Mil grazas.
Guadalupe Vilar
Coordinadora da Biblioteca


Libro de sinaturas da Biblioteca

sábado, 17 de marzo de 2018

ANTONIO PAMPLIEGA NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Así recolleron os medios de comunicación a charla de Antonio Pampliega, Los ojos de la guerra, organizada polo Equipo da Biblioteca.



Para ler a noticia, premer na ligazón La Voz de Galicia

Para ler a noticia, premer na ligazón Diario de Arousa






mércores, 14 de marzo de 2018

ANTONIO PAMPLIEGA: LOS OJOS DE LA GUERRA

Este venres, Antonio Pampliega, xornalista especializado en zonas de conflito, virá ao noso centro para contarmos o que, a través dos seus ollos, viu nos países en guerra que percorreu.




luns, 29 de xaneiro de 2018

MENORES SOLDADO

A Biblioteca quere unirse á conmemoración de dous días importantes:

- o 30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz
- o 12 de febreiro, Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado

Queremos que coñezades testemuños de nenos e nenas soldado que aínda se seguen a recrutar, segundo datos da ONU, en dezasete países. Testemuños realmente arrepiantes, que nos achegan ás atrocidades e ao sufrimento vivido por uns 300.000 menores.

Que estes documentos escritos e visuais nos sirvan para reflexionar.

Menores Soldado