domingo, 24 de abril de 2016

DÍA DO LIBRO

Celebramos o Día do Libro no cuarto centenario da morte de Miguel de Cervantes e de William Shakespeare, convidando a todo o profesorado e ao alumnado, que pasase pola Biblioteca, a uns "doces" fragmentos destes ilustres escritores.

mércores, 20 de abril de 2016

O FACHO OLÍMPICO: COMEZA A CONTA ATRÁS

O 21 de abril acenderase o facho olímpico en Olimpia. Este ritual, recordando os Xogos olímpicos da Antigüidade, é o comezo da conta atrás para o inicio dos Xogos de Río 2016. O primeiro portador do facho será o grego Lefteris Petrunias, campión mundial de argolas. Iníciase, así, a carreira  que, a través de Atenas, o levará ata Brasil.



Asemade, comeza tamén para nós a carreira de relevos que, desde 1º ESO A ata 1º de bacharelato D, irá portando o facho por cada unha das aulas ata o día 29, data de celebración das Bibliolimpiadas deportivas.





martes, 12 de abril de 2016

BURBULLA CULTURAL: A COLINA SILENCIOSA


Marabillosa lectura e marabilloso relato no voso "recuncho de expresión", a Biblioteca. Grazas a Fátima, Mario, Javier e María de 4º ESO A por compartir con todos e todas nós este traballo.

ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA CON ANDREA MACEIRAS

O venres 8 reuníuse o Club de lectura, coordinado polas profesoras Carme Moure e Sira Vidal, para compartir o xantar e unha tertulia literaria. O libro elixido foi Europa Express de Andrea Maceiras. O grupiño de alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO puido, despois, ter un encontro coa autora que, segundo comentan, foi moi enriquecedor.
Agradecemos a estas profesoras o tempo adicado a esta actividade en prol da lectura.

xoves, 7 de abril de 2016

BURBULLA CULTURAL: "A COLINA SILENCIOSA"

Presentación e lectura colectiva do relato de terror "A colina silenciosa" escrito conxuntamente por Fátima Burés, Mario Lorenzo, Javier Louzao e María Sabugueiro de 4ºESO-A seguindo a técnica do cadáver exquisito.


luns, 4 de abril de 2016

AS BIBLIOLIMPIADAS: ANTÓN PAZ

Hoxe, o alumnado de 1º de bacharelato tivo un encontro con Antón Paz, promovido polo Equipo de Dinamización da Biblioteca. Este regatista vilagarcián conta no seu haber con importantes títulos como dous Campionatos do Mundo e unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Beijing (2008).

Antón Paz contounos o desenvolvemento da regata na que conseguiu o ouro olímpico, acompañando a súa explicación cun vídeo da mesma. Falounos da súa faceta como deportista e, tamén, nos achegou ao mundo da vela, constatando os sacrificios que se han de facer na competición de alto nivel.

Da súa intervención destacariamos dous consellos moi útiles para a nosa mocidade: a importancia do traballo colaborativo para obter bos resultados e a necesidade da implicación persoal en calquera proxecto que se queira realizar.

O encontro con Antón Paz, interesante e ameno, culminou cun detalle que agradecemos e que entusiasmou ao alumnado asistente: todos e todas puideron ter nas súas mans as medallas conseguidas por este gran deportista, incluida a olímpica.

Grazas, Antón, pola túa xenerosidade.