luns, 12 de maio de 2025

PREMIOS JOSÉ HERMIDA

 O 9 de maio foi a gala dos Premios José Hermida. Radio Escolar 2025, convocado por Radio Pontevedra, Cadena Ser. O alumnado do noso centro recibiu o seu merecido Premio especial Edicións Xerais polo podcast "Somos pandereiteiras", no que Alexandra, Roi, Lian, Lúa e Paula (3º ESO B), entrevistaron a súa profe e titora, Andrea Nunes que xunto a outras "pandereiteiras" se uniron para homenaxear as mulleres que deron e dan voz á nosa cultura. 

Este premio é moi especial porque a nosa radio "Non calamos. Radio Castro" case naceu con estes premios, que serven de impulso para continuar e facer medrar esta ferramenta educativa tan poderosa que fomenta o traballo en equipo e a creatividade.

Foi un día tamén moi intenso no que aproveitaron para facer varias entrevistas, entre elas, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que lle preguntaron a súa opinión sobre a importancia da radio na formación do alumnado.

FEIRA PORTUGALEGA

 Un ano máis, a profesora Marisa Moreda organizou a Feira Portugalega. Nesta ocasión outra compañeira nosa, Andrea Nunes presentou o libro Somos pandereiteiras, coordinado por Mercedes Peón. Andrea é unha das autoras deste libro.

luns, 5 de maio de 2025

LENDO NA BIBLIOTECA

 Para conmemorar o Día do Libro, o alumnado de ESO foi á biblioteca para compartir lecturas. 4º A e C leron O almohadón de plumas de Horacio Quiroga.


Lecturas Vivas Polifónicas III 4º A/C de Biblioteca Castro Alobre

VISITA Á RADIO

O alumnado de Oratoria de 3º ESO, acompañado polas profesoras Marisa e Andrea, visitou, en Vilagarcía, o estudo de Radio Pontevedra da Cadena Ser. Foi unha experiencia moi enriquecedora que, seguro, contribuiu a valorar a importancia deste medio no ensino.

INTERCAMBIANDO LIBROS

 Por segundo ano, intercambiamos libros entre o profesorado e o persoal non docente, ademais de compartir uns deliciosos petiscos. Tivemos moitas visitas e descubrimos grandes lectores e lectoras que frecuentaban pouco a biblioteca. Esperamos que non perdan o hábito!!!

O DETECTIVE FERRUCCI

Non hai mellor día para reunirse que o Día do Libro e isto foi o que fixo o Club de lectura Curuxaina. A tertulia xirou sobre O detective Ferruchi de Marta Villar.

UN LIBRO ESPECIAL

 O Día do Libro tamén aproveitamos para ler algúns fragmentos de A historia interminable de Michael Ende. Un deles foi a chegada da Emperatiz Infantil xunto ao Vello da Montaña errante. E así recreou o alumnado ese lugar.