Amosando publicacións coa etiqueta PDI: Todos e Todas sumamos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PDI: Todos e Todas sumamos. Amosar todas as publicacións

domingo, 8 de novembro de 2020

AS MATEMÁTICAS TAMÉN "SUMAN"

    O Departamento de Matemáticas vén de enviarnos un vídeo coa recompilación dos traballos feitos polo seu alumnado o curso pasado dentro do PDI Tod@s sumamos. Como xa sabemos, a vida académica paralizouse por mor da COVID-19 e tantas e tan boas creacións dos nosos mozos e mozas quedaron ser expoñer.

    Agradecemos ao Departamento de Matemáticas a súa implicación nas propostas da biblioteca e, por suposto, este magnífico traballo que estamos encantadas de compartir neste blog.

    Parabéns a todo o alumnado participante!


martes, 9 de xuño de 2020

UN PROXECTO EN COMÚN

Queremos presentarvos ese libro do que falamos en anteriores entradas. Un libro moi, moi especial como especiales son todas as persoas que o fixeron. É un proxecto en común, porque en común len, ou mellor dito, leron libros. Nesas xuntanzas dos xoves na nosa biblioteca (tamén no cole veciño, por certo, nunha sesión de cine) imos afondando nas historias, nos personaxes e, tamén, na tolerancia, na aceptación, no respecto. Isto é o que fai grande o noso club, porque Todos e Todas sumamos.

Ver o libro aquí

venres, 6 de marzo de 2020

NOVA XUNTANZA, NOVA LECTURA

Despois dun mes de febreiro adicado á poesía no que lemos a Fran Alonso,
 

Sandra, a monitora do Centro con Eles, sorprendeunos coa próxima lectura. Nada máis e nada menos que A Celestina, un auténtico clásico! E para introducir este libro, falounos de Fernando de Rojas e de Calisto, Melibea e, por suposto, da "alcahueta" Celestina, palabra que espertou as risas da rapazada. Seguro que aprenderemos moito con este libro. Esperemos que lles guste!

 


mércores, 19 de febreiro de 2020

LECTURA FÁCIL


O luns 17 de febreiro algunhas das persoas que formamos o club de lectura Curuxaina combinamos para comentar a primeira das lecturas deste curso, a  novela de Cristina Morales Lectura fácil .
A obra escollida para esta primeira xuntanza do ano non deixou indiferente a ninguén e foron moitos os aspectos sobre os que debatemos como, por exemplo, a visión das distintas discapacidades das protagonistas, os límites de certos sistemas (xudicial, político, administrativo, etc.), a multiplicidade de técnicas narrativas empregadas, o humor que transloce nalgún dos discursos ou o uso da linguaxe na conformación das personalidades de cada unha delas.
Ademais, o bo ambiente e as ganas de manter este tipo de iniciativas fixo que acordaramos a seguinte obra e a seguinte xuntanza...vémonos nun mes co Carrusel de Berta Dávila!
Raquel Fernández



xoves, 13 de febreiro de 2020

NENOS E NENAS SOLDADO

Chema Caballero, asesor de ONG e escritor, impartiu unha clase maxistral sobre nenos e nenas soldado. Achegoulles ao alumnado asistente ampla información acerca do que significa ser menor soldado e por que se utilizan a menores "son más fáciles de manipular, no cuestionan las órdenes, no se les paga; se les convierte en máquinas de matar". Contou como é ese proceso de manipulación desde o secuestro (preferentemente nas escolas), pasando polos campamentos (nos que se leva a cabo unha selección natural, xa que moitos morren) e rematando nos campos de entrenamento nos que reciben instrución militar.

As historias que nos contou Chema Caballero son realmente escalofriantes e terriblemente crueis tendo en conta, ademais, que se trata de nenos e nenas. Insistiu moito no papel das nenas vítimas desta situación e que , moitas veces, permanecen invisibles pero son doblemente perxudicadas debido ás violacións e abusos sexuais que sofren, a súa mortalidade prematura a causa dos partos e á dificultade de reinserción, ao ser rexeitadas polas súas familias.


Como referente para el, Graça Machel, un dos grandes personaxes do século XX-XXI. No ano 1996 elaborou un informe sobre o impacto dos conflitos armados nos menores, a partir do cal a comunidade internacional empezou a establecer unha serie de normas para previr o recrutamento dos mesmos.


A última parte da charla serviu para dar resposta a por que segue habendo menores soldado e para introducir o motivo das guerras actuais, "No existen guerras de religión ni guerras étnicas. Detrás de los conflictos hay una materia prima". Falou, entón, dos diamantes, coltán, uranio, petróleo. E, tamén, da venda de armas.

Finalmente, a cara positiva de todo este proceso, a rehabilitación e reinserción. Contounos Chema Caballero a súa experiencia en Saint Michael, o longo e duro traballo cos nenos e nenas e coas súas familias. Son moitos os menores que conseguen, con todos os seus medos, volver a ter unha vida "normal". Son aceptados no seu entorno, atopan traballo, forman a súa propia familia. Pero hai unha cara negativa. Non todos conseguen superar esta fase e volven ás guerrillas ou, no caso das nenas, prostitúense. Na última foto (de Gervasio Sánchez) aparece Chema con nenos e unha nena, que non conseguiu reinsertarse e, finalmente, morreu de sida.



Esperamos que a mensaxe calase entre o alumnado e servise para reflexionar. Tapar os ollos ou non querer saber non contribúen a loitar contra as inxustizas e a desigualdade.

Grazas a Chema por aceptar a invitación. Foi un honor poder contar con el no Castro Alobre.

martes, 11 de febreiro de 2020

CHEMA CABALLERO E OS MENORES SOLDADO

O 12 de febreiro conmemórase o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado. Chema Caballero contaralle as súas experiencias en Serra Leoa ao alumnado de 4º ESO e 1º de bacharelato. En 1992 viaxou a este país africano para poñer en marcha un programa de rehabilitación destes menores. Seguro que aprenderemos moito deste gran problema que "non está de moda", pero que reflicte unha realidade terrible e cruel do mundo no que vivimos.

+info http://bibliocastroalobre.blogspot.com/2018/01/blog-post.html
         http://bibliocastroalobre.blogspot.com/2019/02/menores-soldado.html

mm


luns, 10 de febreiro de 2020

UNHA BIBLIOTECA INTERNACIONAL


Un ano máis chegou o alumnado francés do Lycée Algoud-Laffemas de Valence ( https://algoud-laffemas.ent.auvergnerhonealpes.fr/) ao noso centro. A profesora Beatriz Alfonsín da sección bilingüe de francés é a responsable de elaborar o programa do intercambio; colaboran con ela, este curso, Irene Romo e Léopoldine Pintor. Dentro das actividades a realizar hoxe estiveron na biblioteca, participando no Proxecto Documental Integrado "Todos e Todas sumamos".

Agradecemos que se promova a participación deste alumnado no proxecto, como un exemplo de que é posible sumarse desde todos os ámbitos académicos.

Desexamos ao alumnado e profesorado francés que pase unha boa estancia na nosa terra.

 


 

 




xoves, 6 de febreiro de 2020

CINE CON PALOMITAS

Reuniuse o Club de lectura inclusiva para ver a película Los viajes de Gulliver. A "sala de cine" foi unha acolledora biblioteca á que iamos por primeira vez. A biblioteca do Colexio de Educación Especial serviu, hoxe, de punto de encontro para disfrutar da última sesión adicada a Gulliver e as súas viaxes. No medio da película, unha sorpresa: palomitas! Agradable compañía, unha película divertida, pódese pedir máis?





xoves, 30 de xaneiro de 2020

DÍA DA PAZ

Este 30 de xaneiro lembramos a menores que viven en países en guerra. A pesar das secuelas físicas e psíquicas de moitos deles, transmiten unha mensaxe positiva "Gustaríame estudar", e como manifesta Grace Akalla de Uganda (15 anos) "A escola é a mellor cousa que me pasou. A educación dábame esperanza. Eu tiña esperanza no futuro". Palabras para reflexionar

Información e fotos extraídas de "Ser niño en...",               
 El País https://elpais.com/elpais/2018/11/08/planeta_futuro/1541699867_806407.html
E esta é a selección de lecturas que trae a pomba da paz


E a selección de películas


Agradecemos ao alumnado voluntario a súa colaboración nesta actividade.


domingo, 26 de xaneiro de 2020

XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

O Club de lectura O Labirinto volve as súas xuntanzas despois do descanso do Nadal. A primeira do ano foi moi relaxada. Estivemos ultimando as ilustracións do libro de Los viajes de Gulliver, en versión "club". Quedou rematado e agora o alumnado do Colexio de Educación Especial o encuadernará. Volverémonos xuntar en quince días para ver a película. Mentres estamos a decidir que libro será o seguinte. Iso si, xa sabemos que será poesía.

                

 


xoves, 19 de decembro de 2019

ENTREGA DE PREMIOS

Parabéns, de novo, ás gañadoras do noso concurso Se eu fose... Fixémoslle a entrega do premio na biblioteca coa axuda dun voluntario e unha voluntaria. 

O vindeiro ano convocaremos un novo concurso. Estade pendentes!

 

domingo, 15 de decembro de 2019

O CLUB SEGUE A SÚA VIAXE

Chegamos ao final do trimestre e o Club de Lectura inclusiva reuniuse de novo para seguir viaxando con Gulliver. Foi un xoves moi intenso xa que, despois de amosar a súa faceta creativa, os lectores e lectoras que comparten viaxe co alumnado de 3º PMAR volveron, esta vez á biblioteca, para recordar as aventuras do noso protagonista no país dos xigantes. 

Pasamos uns bos momentos e puxémonos tarefas para a nova xuntanza do vindeiro ano. Remataremos de ler o libro, seguiremos ilustrando "o noso libro" desas marabillosas viaxes e, xa no 2020, veremos a película. E, por suposto, pensaremos a nova lectura.

Moita felicidade e moito agarimo para esas personiñas lectoras que xa forman parte dos nosos mellores momentos.




TODOS E TODAS PINTAMOS MOITO

Este ano no noso centro temos unha árbore de Nadal especialmente bonita. Foi pintada e decorada nunha sesión realmente emotiva, na que o alumnado de Técnicas gráfico-plásticas se implicou de verdade. Da súa man alumnos e alumnas do Colexio de Educación Especial e persoas do Centro con Eles pintaron a decoración que despois colocaron na nosa árbore.

Foi un día para recordar e, desde logo, para repetir. Un exemplo máis de que todos e todas pintamos moito nesta sociedade. Que sirva de exemplo!



            

            

            

            

            

           


luns, 9 de decembro de 2019

SE EU FOSE...

Xa temos as gañadoras do concurso de relatos Se eu fose... Queremos felicitar a todo o alumnado participante polos bos textos presentados e, especialmente, parabéns para Alba Rodríguez Doval de 2º ESO A e para Alba Ríos García de 1º de bacharelato C. Compartimos con todos e todas vós eses textos gañadores e os debuxos que os ilustraban.

venres, 6 de decembro de 2019

ABRINDO PORTAS

O 3 de decembro conmemórase o Día das Persoas con Discapacidade e, desde a Biblioteca, queremos mandar unha mensaxe esperanzadora e Abrir as portas á tolerancia, ao respecto, á convivencia, á inclusión; en definitiva, a considerar a todas as persoas iguais a nós e a valorar os seus esforzos por verse integradas na sociedade.

O alumnado de 2º de bacharelato de Técnicas gráfico-plásticas, dirixido por Sonia Omil, colaborou nesta actividade debuxando portas de distintos modelos como distintas somos, tamén, as persoas. Estas imaxes colocáronse nas portas das aulas do noso centro, para fomentar a lectura de libros que tratasen o tema das capacidades diversas e convidar, sobre todo ao alumnado, a abrir esas portas e a ler o mundo desde unha perspectiva integradora.

 

 

 

 

    

Finalmente, como mostra do que se fai no Centro con Eles ( que participa no Club de lectura) e no Centro Ocupacional O Saiar puxéronse á venda algúns dos seus produtos. Aínda estades a tempo de comprar, así que animádevos. Son uns bos agasallos para o Nadal.