Amosando publicacións coa etiqueta Encontros con.... Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros con.... Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de maio de 2026

Con Pancho Lapeña

 Hoxe tivemos unha xuntanza moi especial no Club de lectura. Pancho Lapeña, profesor de Filosofía, escritor, deseñador gráfico e, sobre todo, un gran amante dos paxaros, falounos de como publicar un libro e de como deseñar unha capa. Foi unha charla moi interesante e esperamos que haxa unha segunda parte.

martes, 19 de maio de 2026

DIARIO CULTURAL

 O luns celebramos o Día das Letras Galegas con actividades variadas nas que participou o alumnado dos diferentes cursos. Organizado por Normalización Lingüística, unha olimpiada cultural sobre Begoña Caamaño puxo a proba os coñecementos que sobre esta escritora tiñan alumnas e alumnos.

Un grupiño de estudantes de 2º ESO interpretou a obra de teatro "Asamblea xeral". Despois, o Diario cultural con Xián Pais achegou as inquietudes musicais deste rapero de Muros á rapazada de 3º, 4º ESO e de bacharelato. Esta entrevista gravouse para a radio escolar. Para iso, tivemos que trasladar a radio ao Salón de actos que, momentáneamente, se convertiu nun estudo de gravación.

    

luns, 11 de maio de 2026

BRAIS DE MOMBOI

Hoxe a Biblioteca encheuse de música en galego. Deixamos os libros por un momento para escoitar a Brais Sánchez, voz, guitarra e letrista de Momboi. A rapazada puido escoitar a Brais cantando en galego e gustoulles, gustoulles moito. Tendo en conta que, polo menos no noso instituto, é moi pouco o alumnado que escoita e coñece cantantes en galego, foi todo un éxito a súa actuación. Seguro que o seguirán a escoitar.
Todos e todas as presentes pasamos un rato moi agradable. Despois da súa actuación, ía dar un obradoiro de voz ao coro, dirixido polo profe de Música Isma.
Grazas Brais e grazas Isma por achegarlles esta música á rapazada.

luns, 6 de abril de 2026

LA CASA DEL TEJADO ROJO

 Mónica Rodríguez, autora de La casa del tejado rojo, nunha amena charla co alumnado de 1º ESO, falou da importancia da lectura nas nosas vidas e do proceso de creación da súa obra literaria.

A súa incursión no mundo dos libros foi aos 10 anos e comezou lendo poesía. Recitou a Lorca e a Safo, emocionando coa beleza das palabras e reafirmando a pervivencia dos sentimentos ao longo do tempo.

Finalmente, Mónica Rodríguez contestou as preguntas do alumnado e rematou convidando, unha vez máis, a ler e a desfrutar cos libros e as súas historias.




Ao rematar o encontro co alumnado, a escritora
asinou o libro da Biblioteca e La casa del tejado rojo.

luns, 3 de novembro de 2025

EMILIANO FARYNA, GUITARRISTA ARXENTINO

 O luns 27 de outubro visitounos o guitarrista arxentino Emiliano Faryna. Emiliano é un músico de traxectoria internacional que pasa sete meses ao ano viaxando e tocando, cada día, nunha cidade distinta.


Falounos da súa rutina cando está de xira e explicounos cousas moi interesnates da música popular arxentina. Tamén non interpretou diferentes pezas polulares, e mesmo ensinou unha peza ao alumnado para que cantase con el.

Esta actividade está enmarcada dentro da colaboración que a Biblioteca está a levar co Departamento de Música e, coma sempre, agasallámolo con produtos da zona.

xoves, 2 de outubro de 2025

CONCERTO DIDÁCTICO

O pasado luns 29 de setembro tivemos un concerto didáctico realizado polo oboísta internacional Nicolás Cabaleiro, que actualmente reside en Alemaña.

Explicounos o funcionamento dunha orquestra sinfónica profesional e interpretounos algúns dos fragmentos máis representativos do oboe nesa formación.

luns, 31 de marzo de 2025

ENCONTRO CON...

 Carlos Callón foi invitado pola Biblioteca para que lle falase ao alumnado de 2º de bacharelato do seu libro, recentemente publicado, Vidas e historias LGBT da Idade Media

Despois desta interesante charla, dedicounos o libro e deixou a súa pegada no libro de sinaturas da biblioteca.



mércores, 22 de xaneiro de 2025

SECHU SENDE

 Sechu Sende estivo co alumnado de 3º ESO por mor do seu libro Made in Galiza. Despois desta lectura, na que o alumnado puido ver reflectida a situación do galego tratada con moito humor, pareceunos unha boa idea un encontro do autor do libro coa rapazada. Foi unha idea estupenda, porque Sechu xa contaba cun club de fans e foi moi ben recibido. O certo é que a súa visita creou moita expectación.

Alumnos e alumnas cantáronlle unha regueifas preparadas coa profe Andrea e Sechu tivo a ben contestarlle. Que momento máis divertido!! 

Realmente, divertido foi todo o   encontro, previsto para unha sesión de clase e, finalmente, durou dúas. O nunca visto!!

A conexión entre o escritor e os mozos e mozas foi total. Falou da situación da lingua, contou como chegou a falar galego, transmitiu emoción e diversión. Tamén nos contou como elixiu a portada para o libro e puidemos escoitar ao autor da ilustración, Pancho Lapeña, profesor de Filosofía do noso instituto!! Canto talento!!

Sechu ata fixo un xogo de adiviñas que nos deixou coa boca aberta.

Finalmente, recibiu agasallos que algunha clase lle tiña preparados e, como non, asinou no libro da biblioteca.

Moitas grazas, Sechu, por saber chegar á rapazada.  

REGUEIFANDO

 Con regueifas foi recibido Sechu Sende polo alumnado de 3º ESO. Coa profe Andrea como directora deste gran coro, sorprendemos a Sechu antes de transmitir a alumnas e alumnos o seu amor pola lingua. Iso si, tamén tiveron a regueifa do escritor.

domingo, 22 de decembro de 2024

ALBERTO AMARO

Alberto Amaro, xornalista mexicano, compartiu co alumnado de 4º ESO a súa historia. Unha historia que non deixou indiferente a ninguén. Como el mesmo dixo, a realidade é moito peor que as películas. Referíase a súa propia vivenza como xornalista ameazado por querer contar a verdade sobre a corrupción ou os crimes do seu país. Falounos, tamén, da importancia da liberdade de expresión.  
Hai dous meses que vive en Asturias. Deixou México, axudado por Amnistía Internacional, para protexer a súa familia e, por suposto, a el mesmo. Escoitamos un relato moi duro, terrible, que nos deu que pensar e reflexionar. Seguro que, agora, o noso alumnado vlaora máis a liberdade da que goza.
alberto Amaro de Biblioteca Castro Alobre

luns, 16 de decembro de 2024

MEMORIA DO SILENCIO

   Hoxe tivemos unha visita excepcional. O alumnado de 4º ESO compartiu con Eva Mejuto unha conversa literaria. O tema, o seu libro Memoria do silencio. Contounos a poca información que temos das irmás Touza e da súa contribución á fuxida de moitas persoas xudías desde a súa Ribadavia natal.

    Foi un pracer escoitar como foi construíndo esta historia e como foi perfilando os personaxes. Tamén nos explicou as distintas voces narrativas e a súa importancia na perspectiva que lle quería dar ao relato.

    Uns momentos literarios que aportaron unha visión diferente do nazismo e, sobre todo, moi descoñecida para o alumnado.


martes, 28 de maio de 2024

EN CANS

 Despois de ter lido Cans de Carlos Meixide nada mellor que trasladarse a este espazo de cine para facer un roteiro co propio autor. O alumnado de 3º ESO tivo o privilexio de compartir estes momentos inolvidables. Todo un luxo!