Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos Humanos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos Humanos. Amosar todas as publicacións

luns, 9 de febreiro de 2026

MEMORIA DEMOCRÁTICA

 A Biblioteca acolleu unha formación de Memoria democrática para o alumnado de 4º ESO, organizada polo Departamento de Historia. O obradoiro, impartido por Roi de Agareso, foi moi interesante e deulle a coñecer ao alumnado as vivenzas dalgunhas mulleres na época franquista. Unha delas foi Syra Alonso que nos Diarios relata a súa angustia nos días nos que o seu home foi detido polos franquistas e excutado. Ademais, puidemos recomendar este libro que forma parte da nosa biblioteca.

xoves, 5 de febreiro de 2026

MÚSICA POLA PAZ

 O 30 de xaneiro a biblioteca participou en "Música pola Paz" unha iniciativa promovida polo departamento de Música. O coro, dirixido polo profesor Ismael, cantou na biblio We are the world.

Recomendamos para toda a comunidade educativa lecturas das que podemos aprender moito.

Expuxemos fotografías cedidas polo xornalista Antonio Pampliega.

Demos a coñecer a activistas pola paz.
E Normalización Lingüística expuxo unhas estampas de Castelao dos "Álbumes de Guerra", Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos.

luns, 23 de xuño de 2025

NÓS DE CASTELAO, HOXE

A profesora Marisa quere cerrar o curso recordando a Castelao cun álbum de estampas e palabras, Nós, con fotos actuais "que berran as mesmas inxustizas que el denunciou". 

luns, 2 de xuño de 2025

CONTRA A LGTBIFOBIA

     O 17 de maio é un día importante para loitar contra a LGTBIfobia e nada mellor para facelo que concienciar ao alumnado. Utilizando as novas tecnoloxías, o alumnado tivo que facer unha búsqueda de información para coñecer a situación legal das persoas dos diferentes colectivos e reflexionar sobre ela. Os resultados quedaron plasmados nunha exposición.


venres, 21 de febreiro de 2025

DÍA DE ROSALÍA

 O día 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía. Este día sairá á luz o documental dirixido pola profesora Marisa Moreda, Adeus vista dos meus ollos, porque "se Rosalía vivise no 2025 plasmaría coas súas letras as vivencias destas crianzas, e das súas familias, que cando "vén, vén como rosas" en busca dun futuro mellor".

En palabras da directora do documental, "Os discursos da rapazada protagonista, contados desde o eu máis íntimo, pretenden contrarrestrar os discursos de odio que, por veces, afloran nas aulas sobre a poboación migrante, fomentando a construción da empatía e o empoderamento comunitario.

Este traballo documental esperemos que vaia crecendo e alimentándose dos ollos  e das voces que o visualicen, desde as perspectivas particulares ata as colectivas, co fin de construírmos un discurso transformador e dialogante".

domingo, 22 de decembro de 2024

ALBERTO AMARO

Alberto Amaro, xornalista mexicano, compartiu co alumnado de 4º ESO a súa historia. Unha historia que non deixou indiferente a ninguén. Como el mesmo dixo, a realidade é moito peor que as películas. Referíase a súa propia vivenza como xornalista ameazado por querer contar a verdade sobre a corrupción ou os crimes do seu país. Falounos, tamén, da importancia da liberdade de expresión.  
Hai dous meses que vive en Asturias. Deixou México, axudado por Amnistía Internacional, para protexer a súa familia e, por suposto, a el mesmo. Escoitamos un relato moi duro, terrible, que nos deu que pensar e reflexionar. Seguro que, agora, o noso alumnado vlaora máis a liberdade da que goza.
alberto Amaro de Biblioteca Castro Alobre

OJOS DE PALESTINA

 Para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Biblioteca organizou un encontro con Anan Abdalah, palestino afincado en Vilagarcía desde hai anos. Anan fixo un percorrido histórico para que o alumnado  de 1º de bacharelato puidese comprender o conflito actual entre Israel e Palestina e achegoulles a realidade que vive na actualidade o pobo palestino.

Queremos agradecer a Anan a súa boa disposición cando lle propuxemos este encontro. Ademais, agasallou á biblioteca co seu libro Ojos de Palestina, unha boa lectura.


mércores, 18 de decembro de 2024

ADEUS VISTA DOS MEUS OLLOS

Para conmemorar o Día Internacional das Persoas Migrantes, o Equipo de Correspondentes organiza no espazo Xove de Vilagarcía unha serie de actividades para festexar a riqueza cultural e lingüística que cada día está máis presente na sociedade e, tamén, na escola.   Desenvolveranse obradoiros de banda deseñada e baile.


Para finalizar a xornada, presentarase a primeira parte do documental "Adeus vista dos meus ollos", protagonizado por alumnos e alumnas do noso centro e dirixido pola profesora Marisa Moreda. Este traballo nace co obxectivo de dar voz e visibilizar as historias e vivencias das crianzas que migran, que traen nas súas retinas esa viaxe que un día tan ben retratou Rosalía, eses "adeus" ás amigas, familiares, profesoras... eses "non sei cando nos veremos" que as manteñen coa ilusión de voltar.

Non podemos máis que admirar este grande traballo realizado por Marisa e felicitar a ese alumnado que tan ben acolleu a iniciativa e nos contou esas vivencias tan íntimas. Despois de ver o documental, seguro que reflexionaremos e comprenderemos moito mellor que urxe traballar por unha integración plena. Valoraremos tamén a importancia do acollemento na escola, no instituto, como lugar para fomentar a igualdade e facer amizade. 

De novo, parabéns!!!

mércores, 11 de decembro de 2024

QUILOS DE ORGULLO

 "Quilos de orgullo" é unha iniciativa do equipo de Correspondentes do Castro Alobre. O obxectivo é recoller quilos de alimentos ou produtos de hixiene desde o orgullo de axudar e de promover a cooperación social e a solidariedade entre o alumnado.

A recollida será durante os días 16, 17 e 18. Podedes depositar as vosas doazóns na entrada do instituto. O destino será o Banco de Alimentos.

O Equipo de Correspondentes vos convida a participar y a encher o Castro Alobre de orgullo.

Como sempre, agradecemos á profe Marisa a implicación en actividades tan importantes como esta. Sempre fomentando a solidariedade e o respecto.

Tamén, parabéns a o alumnado Correspondente por esta iniciativa.

venres, 29 de novembro de 2024

SOLIDARIEDADE CON PALESTINA

 No Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino o Equipo de Correspondentes do noso centro, dirixido pola profe Marisa, quixo darlle voz a algunhas historias de crianzas, mulleres e homes de Gaza asasinados no último ano. Estas historias forman parte da exposición que podedes ver no instituto xusto á entrada. É esta unha iniciativa da Asamblea da UVigo con Palestina que contou co apoio de Dina T., unha moza palestina que logrou fuxir de Gaza.

Na Biblioteca podedes ler estas historias recollidas nun dossier.

Tamén podedes ler Palestina de Joe Sacco e dous libros agasallo do seu escritor, Anan Abdalah que, por certo, estará na biblioteca o 19 de decembro nun encontro co alumnado de Historia de 1º de bacharelato.

venres, 15 de novembro de 2024

luns, 22 de abril de 2024

MULLERES EN LOITA

Mulleres en loita é unha exposición promovida por Amnistía Internacional que podemos ver no noso centro. Ademais, tamén temos material didáctico para traballar na aula, aínda que a lectura dos paneis xa é máis que suficiente para promover a reflexión.


venres, 5 de xaneiro de 2024

E TI QUE CONTAS?

 No Día Internacional das Persoas con Discapacidad quixemos dar a coñecer a toda a comunidade educativa o club de lectura E ti que contas?, unha experiencia moi enriquecedora na que o alumnado aprende a compartir experiencias cos compañeiros e compañeiras do Colexio de Educación Especial.

luns, 18 de decembro de 2023

DEREITOS HUMANOS

Para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos Humanos, o alumnado de 3º PDC elaborou un mural para dar a coñecer o traballo da Unión Europea en prol dos dereitos das persoas.
Parabéns polo voso traballo!

mércores, 19 de outubro de 2022

E, POR FIN, CHEGOU BEA

Despois da contextualización que fixo onte María Lobo, hoxe foi a quenda de Bea. Acompañada de Carolina (da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento), esta muller activista nun país, O Salvador, no que resulta moi difícil selo, relatou as discriminacións que sofre a muller e contou os problemas aos que se ven sometidas as mulleres de calquera rango de idade, cando sofren un aborto natural ou a súa vida corre perigo de seguir co embarazo. Non teñen opción, se son denunciadas por abortar, serán xulgadas e condenadas por homicidio a uns trinta anos de prisión ou máis. Terrible. Falounos, tamén, de moitas nenas de 9 a 12 anos violadas, a maioría das veces, por homes coñecidos. Unha vida interrumpida, a das menores, que deben deixar os estudos para coidar da criatura no caso de que queden embarazadas. As desigualdades sociais do país tamén se deixan notar neste ámbito, o da educación.

A vida de Bea está repleta de experiencias e de loita por visibilizar as inxustizas das mulleres de O Salvador. Estes días está percorrendo diferentes vilas e cidades de Galicia para dar a coñecer estas historias que, non por lonxanas, deben quedar esquecidas. Un grande privilexio escoitala. Seguro que a rapazada presente recolleu a súa mensaxe.

Grazas por estar entre nós.



martes, 18 de outubro de 2022

BEA, Á PROCURA DA LUZ

Hai uns días a Coordinadora Galega de ONGD fíxonos unha proposta que non dubidamos en aceptar, un obradoiro para sensibilizar e traballar a igualdade de xénero e o feminismo desde unha perspectiva global e intercultural. Hoxe veu María Lobo de Agareso para dar a coñecer a realidade de O Salvador e facer reflexionar ao alumnado sobre a importancia do activismo. Alumnas e alumnos de 3º ESO B e D do Proxecto Competencial sobre Voluntariado lingüístico, impartido por Marisa, escoitaron con atención o que María lles contaba. Este obradoiro dará paso mañán a Bea Salazar, quen falará en primeira persoa das súas experiencias e da súa loita na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos. Non cabe dúbida de que o seu testemuño será do máis interesante.

mércores, 25 de maio de 2022

MARCAPÁXINAS POLA SOLIDARIEDADE

O xoves 26 de maio celebramos o Día das Letras no Alobre. A biblioteca recadará fondos para os menores do Corno de África, en colaboración coa ONG Save the Children. Poderase doar a cantidade que se estime oportuna a cambio dun marcapáxinas que deseñará o alumnado de 1º ESO, unha das actividades que se celebrarán ao longo de toda a mañá. Os marcapáxinas estarán no posto de préstamo de libros que poremos no patio.

Esperamos a vosa axuda!!







xoves, 23 de decembro de 2021

VIDAS MINADAS

Aínda que con un pouco de retraso, non queremos deixar de divulgar a proposta da biblioteca para conmemorar o Día das Persoas con Discapacidade (3 de decembro) e o Día dos Dereitos Humanos (10 de decembro).

Vidas Minadas é un libro de Gervasio Sánchez. A través da fotografía e de pequenos textos, este xornalista de conflitos de guerra dá a coñecer a persoas de Afganistán, Camboya, Angola... vítimas das minas antipersoas. Un libro realmente recomendable para traballar non só nas titorías, senón tamén en calquera materia. 


Entre todas "as vidas minadas" destacamos a Sofia Elface de Mozambique. A súa historia é unha magnifica lectura que nos achega Henning Mankell en El secreto del fuego.

xoves, 4 de novembro de 2021

DEFENSORAS DE DEREITOS

A biblioteca volve á súa actividade e hoxe acolleu un obradoiro impartido por Sofía, membro de Agareso e colaboradora coa Coordinadora Galega de ONG. Compartiu co alumnado de 3º ESO D unha lectura, Miriam de Suazo y la digna rabia, e convidou á reflexionar sobre a necesidade de defender os dereitos das mulleres (ou diferentes colectivos) que sofren discriminación, cuestións actuais e moi interesantes. Tamén puxo o obxectivo sobre un país, Honduras, do que, coma moitos, non se fala a cotío e, cando se fai, é para destacar aspectos negativos. Como explicou a rapazada, asocian Honduras a "asasinatos, pobreza, machismo, violacións, corrupción". 

Comentouse o impacto das catástrofes naturais en países menos desenvolvidos, nos que é máis complicada a reconstrución das perdas e as axudas pola pobreza e falta de recursos. Defendeu, Sofía, a utilización de termos como Norte global e Sur global en lugar de países do primeiro ou terceiro mundo, máis utilizados polo alumnado.

Reflexionaron, a continuación, sobre os sentimentos que se podían experimentar polas "desaparicións" de persoas en Honduras e en outros países que sofriron ditaduras, e falouse das migracións e de como se tratan nos medios de comunicación con esas "oleadas masivas" que chegan a España e, como comentou Sofía, deshumanizan estas situacións.

Outras cuestións que se trataron a medida que iamos avanzando na lectura do libro foron as poboacións indíxenas, as diferentes discriminacións ou o significado do termo sororidade.

O alumnado, timidamente, foi reflexionando sobre os puntos que Sofía lle ía salientando e, aínda que non se atreveron a un grande debate, foron aportando algunha opinión.

As conclusións ás que chegaron ao final do obradoiro foron que se debía tratar a todas as persoas por igual; que, se a xente se une, pódese chegar máis lonxe; que hai que loitar polos soños e que Honduras é un país que atravesa unha mala situación.

Por último, pensan que o obradoiro serve para concianciar ao alumnado sobre temas importantes na nosa vida.

Grazas, Sofía, por achegarlle a Miriam de Suazo a través da lectura e por facerlles chegar un pouquiño máis alá. Seguro que nas súas cabezas levaron ideas para reflexionar.