O 24 de outubro é o Día das Bibliotecas, así que aproveitamos para que a rapazada de 1º ESO veña á Biblioteca. Estes días seguiremos facendo a formación de usuarios e usuarias. Informaremos do funcionamento, das normas, dos préstamos, das actividades que realizamos..., de todas esas cousiñas que debe coñecer o alumnado que, por primeira vez, chega ao noso centro.
O alumnado de 1º ESO B foi o primeiro en "formarse" e pasar un rato agradable, facendo un acróstico. Tiñan que buscar títulos de libros e nomes de personaxes para averiguar o tema do PDI deste curso. E conseguírono!!!
Hamnet de Maggie O'Farrell foi a primeira lectura do Club do profesorado. Gustou a prosa descritiva desta escritora e engaiolounos Agnes, personaxe moi potente, máxico e "moi galego". Sentimentos como tenrura e tristura apareceron ao longo de toda a xuntanza. Sen dúbida, unha lectura moi recomendable.
Polo demais, foi un momento moi agradable na casa dun Curuxaino, que tivo a amabilidade de deixarnos compartir esta lectura nun espazo moi acolledor. Tivemos, tamén, sorpresa final e musical.
Grazas a Sabarís e a Ángeles pola súa hospitalidade.
E xa temos as próximas lecturas. Pura pasión de Annie Ernaux e Así fala Penélope de Marta Dacosta, unha proposta poética.
Despois da contextualización que fixo onte María Lobo, hoxe foi a quenda de Bea. Acompañada de Carolina (da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento), esta muller activista nun país, O Salvador, no que resulta moi difícil selo, relatou as discriminacións que sofre a muller e contou os problemas aos que se ven sometidas as mulleres de calquera rango de idade, cando sofren un aborto natural ou a súa vida corre perigo de seguir co embarazo. Non teñen opción, se son denunciadas por abortar, serán xulgadas e condenadas por homicidio a uns trinta anos de prisión ou máis. Terrible. Falounos, tamén, de moitas nenas de 9 a 12 anos violadas, a maioría das veces, por homes coñecidos. Unha vida interrumpida, a das menores, que deben deixar os estudos para coidar da criatura no caso de que queden embarazadas. As desigualdades sociais do país tamén se deixan notar neste ámbito, o da educación.
A vida de Bea está repleta de experiencias e de loita por visibilizar as inxustizas das mulleres de O Salvador. Estes días está percorrendo diferentes vilas e cidades de Galicia para dar a coñecer estas historias que, non por lonxanas, deben quedar esquecidas. Un grande privilexio escoitala. Seguro que a rapazada presente recolleu a súa mensaxe.
Hai uns días a Coordinadora Galega de ONGD fíxonos unha proposta que non dubidamos en aceptar, un obradoiro para sensibilizar e traballar a igualdade de xénero e o feminismo desde unha perspectiva global e intercultural. Hoxe veu María Lobo de Agareso para dar a coñecer a realidade de O Salvador e facer reflexionar ao alumnado sobre a importancia do activismo. Alumnas e alumnos de 3º ESO B e D do Proxecto Competencial sobre Voluntariado lingüístico, impartido por Marisa, escoitaron con atención o que María lles contaba. Este obradoiro dará paso mañán a Bea Salazar, quen falará en primeira persoa das súas experiencias e da súa loita na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos. Non cabe dúbida de que o seu testemuño será do máis interesante.
"Antes, durante y después de las guerras" é o tema escollido este ano para celebrar o Día das Escritoras. A biblioteca quere rendir unha homenaxe ás Loitadoras de hoxe, Loitadoras de sempre. Por iso, propón como lectura na Hora de Ler os textos seleccionados pola comisaria Carmen Domingo e que a Biblioteca Nacional nos envía desde hai uns anos.