No Club de Lectura Intercultural e Interxeracional, o Equipo de Correspondentes e Voluntariado reúnese na Cruz vermella de Vilagarcía con estudantes de español de diferentes nacionalidades. O obxectivo destes encontros é compartir para coñecer e nesta ocasión o tema foi "O Entroido". O alumnado voluntario fixo un vídeo no que recolleu o que máis lle chamou a atención.
mércores, 3 de xuño de 2026
ERASMUS+ NAS AçORES
xoves, 28 de maio de 2026
Con Pancho Lapeña
Hoxe tivemos unha xuntanza moi especial no Club de lectura. Pancho Lapeña, profesor de Filosofía, escritor, deseñador gráfico e, sobre todo, un gran amante dos paxaros, falounos de como publicar un libro e de como deseñar unha capa. Foi unha charla moi interesante e esperamos que haxa unha segunda parte.
Os Sneetches
Na xuntanza deste mes do Club E ti que contas? lemos Os Sneetches, unha historia tradicional inglesa cuns gansos moi divertidos. Aprenddemos que o importante non é que sexamos todos iguais, porque a diferenza nos fai persoas únicas. Esta vez tocounos ler na biblioteca do Colexio de Educación Especial.
mércores, 27 de maio de 2026
martes, 26 de maio de 2026
HEROES GREGOS
O alumnado de Grego de 1º de bacharelato elaborou unhas preguntas sobre Hércules e Aquiles para unha actividade da biblioteca escolar pensada para 1º ESO. O alumnado debía buscar na sección de Mitoloxía (CDU 29) os libros seleccionados na bibliografía e atopar a información que se lles pedía.
Esta actividade tamén quería amosar esta atractiva sección ao alumnado.
luns, 25 de maio de 2026
I'M OBÉLIX
Antón, Joel, Manuel e Dani déronlle vida neste podcast aos personaxes de I'm Obélix de Raquel Fernández.
martes, 19 de maio de 2026
DIARIO CULTURAL
O luns celebramos o Día das Letras Galegas con actividades variadas nas que participou o alumnado dos diferentes cursos. Organizado por Normalización Lingüística, unha olimpiada cultural sobre Begoña Caamaño puxo a proba os coñecementos que sobre esta escritora tiñan alumnas e alumnos.
Un grupiño de estudantes de 2º ESO interpretou a obra de teatro "Asamblea xeral". Despois, o Diario cultural con Xián Pais achegou as inquietudes musicais deste rapero de Muros á rapazada de 3º, 4º ESO e de bacharelato. Esta entrevista gravouse para a radio escolar. Para iso, tivemos que trasladar a radio ao Salón de actos que, momentáneamente, se convertiu nun estudo de gravación.
luns, 18 de maio de 2026
LETRAS GALEGAS 2026
MAPA DA ESTRÍA
Mapa da estría é o libro de Andrea Nunes Brións que vén de recibir o Premio Follas Novas ao libro de poesía. Queremos felicitar a Andrea por este premio. Ela foi, o curso pasado, un membro moi activo da nosa biblioteca. Grazas a ela, puidemos achegar ao noso alumnado moitas voces da literatura galega actual. Ela tiña que presentarnos o seu libro xusto un día antes dos premios, pero unha nube negra impediu a súa presenza. Sabemos que poderemos contar con ela e, entón, tamén nos falará de Begoña Caamaño, quen lle deu voz a Circe e a Penélope, esas mulleres invisibles pero que, sen palabras, o din todo na literatura grega.
"A Begonha Caamaño, a nosa valente", adícalle un poema en Mapa da estría, "De Circe a Penélope (ou viceversa)". Con permiso de Andrea, citarei dous versos dese poema, que recomendamos como todos os demais que configuran o libro premiado:
como sería que un día, ebrias de saudade,
saísemos destas liñas e bailásemos?
Parabéns, Andrea. Seguro que seguirás recollendo moitos froitos desa paixón túa, que é a poesía.
luns, 11 de maio de 2026
BRAIS DE MOMBOI
A RADIO EN GALICIA
O alumnado de 4º ESO sumouse ao PDI na materia de Lingua e Literatura galega investigando sobre diferentes temas como "Fitos da historia da radio", pero tamén sobre a radio en Galicia. Despois de traballar coa información, tiveron que presentala na clase a través dunha infografía. Algúns dos temas tratados sobre a radio en Galicia foron:
- A primeira emisión radiofónica de Galicia (19 de dedcembro de 1932).
- Unión Radio Galicia no convento de San Domingos de Bonaval (1933).
- O vello dos contos, Xosé Mosquera Pérez, primeira estrela mediática galega.
- As emisións galegas en América: Recordando a Galicia, Sempre en Galicia, A hora de Galicia, La Voz de Galicia ou Galicia emigrante.
- O Galician Programme da BBC a partir de 1947.
- Elektra Sonne: as antenas de Hitler en Lugo.
- Da terra e dos tempos, programa da agrupación cultural O Facho (A Coruña).
- Radio As Mariñas: a primeira emisora municipal en galego (Oleiros, 25 de xullo de 1980).
- As retransmisións do fútbol en galego: primeira retransmisión do celta en 1983.
- O inicio da Radio Galega (24 de febreiro de 1985).
- As radios comunitarias en Galicia: radio Filispim, Radio Piratona, Radio Kalimera, radio Clavi, Radio Roncudo ou Cuac FM.
domingo, 10 de maio de 2026
MOCIDADE E VOLUNTARIADO
No Día da Cruz Vermella compartimos o podcast "Mocidade vermella" realizado por voluntarias do Castro Alobre. Nel entrevistan a Siara, unha traballadora da Cruz Vermella de Pontevedra e animan á mocidade a realizar voluntariado.
MENTIRA
A reunión desta semana do Club foi para falar de Mentira de Care Santos. Foi todo un éxito, gustou moitísimo😍. Na xuntanza tratáronse distintos temas como as redes sociais, as mentiras das segundas oportunidades e, por suposto, falouse de namorarse.
A próxima e última lectura deste curso será El último trabajo del señor Luna de César Mallorquí, unha historia de misterio que seguro lles vai gustar.
mércores, 6 de maio de 2026
ROTEIRO LITERARIO
O alumnado de 4º ESO acompañado polo profesorado de Lingua e literatura
galega visitaron a Casa Museo de Manoel Antonio. Ademais, fixeron unha xincana por grupos na que tiveron que amosar os seus coñecementos de cultura, literatura e historia da vial. Para rematar, cantaron a Rianxeira e recitaron poemas.
LENDO NA BIBLIOTECA
Tamén o alumnado compartiu lecturas na Biblioteca para celebrar o Día do Libro. O alumnado de ESO leu textos dos diferentes xéneros literarios e, de paso, houbo quen aproveitou a ocasión para levar en préstamo algún libro.
COMPARTINDO LECTURAS
O Equipo de Biblioteca promove no Día do Libro unha xuntanza do profesorado e persoal non docente arredor dos libros. Durante a semana previa a Compartindo lecturas, profesoras e profesores acoden á Biblioteca para buscar ese libro que lle queren "regalar" ao compañeiro ou compañeira que lle tocou en sorte. Acompañamos o reparto dos libros cuns petiscos doces e salgados e, por suposto, promovemos a lectura.
POEMAS PREMIADOS
Parabéns a Aldara, Uxía, Martín, Vega, Fernando e Alejandra polas súas poesías. Agradecemos tamén a participación ao alumnado neste concurso no que puideron amosar o seu talento poético. Foron moitos os poemas e moi bos, pero, finalmente estes seis son os que resultaron gañadores.
xoves, 23 de abril de 2026
CREADORES DO CASTRO ALOBRE
Neste Encontro puidemos escoitar as experiencias de Noa e Fernando (profes do noso centro), Dânia e Uxía (alumnas de 1º de bacharelato e 2º ESO, respectivamente) e Vero Luna (nai de Isabella, alumna de 2º ESO), que compartiron con nós o seu proceso de creación. Moderada a conversa por Concha, profe xubilada, que segue a inspirar dentro e fóra das aulas e tamén escribe, fomos descubrindo que o proceso creativo non é lineal: está cheo de dúbidas, probas, emocións e tamén moita ilusión.
Falouse de escribir, de crear, e de atreverse e de equivocarse. Pero, sobre todo, falouse de sentir.
Un encontro que nos lembra a importancia de dar voz á creatividade e de aprender unhas das outras.
DÍA DO LIBRO
Para celebrar o Día do Libro e fomentar a lectura entre o noso alumnado, poñemos a disposición dos estudantes unha serie de libros donados polo profesorado e as familias. Esperamos que voen dos nosos andeis!
FREDERICK
Onte tivemos unha nova reunión do Club de lectura E ti que contas? Desta vez tocounos recibir na nosa biblioteca ao alumnado do Colexio de Educación Especial. Lemos a historia de Frederick, un rato de campo mi poeta. Despois falamos desta historia, fixemos uns xogos e inventamos mil e unha historias que pasan nas granxas.
Vémonos o próximo mes con novas historias de animais.













