mércores, 25 de novembro de 2015

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Hoxe lembramos o Día Internacional contra a violencia de xénero. Agradecemos a colaboración de todo o alumnado e profesorado que nos axudou, un ano máis, a denunciar a dura situación que sofren moitas mulleres en silencio .



luns, 23 de novembro de 2015

"BURBULLA CULTURAL": A MAXIA DE CHRISTIAN

Hoxe, na Biblioteca, poidemos disfrutar coa excelente actuación do "Mago Christian".


Todas e todos os presentes pasamos uns momentos moi agradables coa maxia deste alumno de 1º bacharelato C, que conseguiu sorprendernos coa súa profesionalidade.


Esperamos a vosa colaboración para poder disfrutar, todos os luns, das vosas habilidades.

Grazas, Christian, por inaugurar este "recuncho de expresión" e parabéns.

xoves, 19 de novembro de 2015

BURBULLA CULTURAL

Comezamos a nosa andaina no "recuncho de expresión" da Biblioteca.

Hoxe, no recreo, o alumnado puido asistir á lectura de El gato negro de E. Allan Poe, por parte dun grupo de profesoras do equipo de Dinamización da Biblioteca. Con música de terror de fondo e unha lectura compartida, seguro que máis de un se sorprendeu do que estaba a acontecer. 

Isto só era unha mostra do que queremos que o alumnado e, por que non, o profesorado que o desexe, faga os luns no primeiro recreo.

Comezamos este luns 23 de novembro coa maxia de Christian Fernández, alumno de 1º bac. C.

CONVIDÁMOSVOS A TODOS E TODAS A ESTE GRAN ESPECTÁCULO!




venres, 13 de novembro de 2015

TERROR NA BIBLIOTECA


O luns, no primeiro recreo, estades todos e todas convidad@s a unha "Biblio de medo".

Queredes participar?

Pois, amósanos as túas habilidades culturais.

A Biblioteca será o teu "recuncho de expresión". Podes lernos unha historia escrita por ti ou algún fragmento dunha obra literaria que che gustase especialmente, podes recitar, podes cantar ou tocar algún instrumento, podes actuar,...

Se é de medo, MELLOR!
Se non, da igual.

Comezaremos o luns 23 de novembro. Anótate na Biblio.

CONTAMOS CONTIGO!

venres, 6 de novembro de 2015

CREACIÓN DO LOGOTIPO DA BIBLIOTECA

Presentamos o concurso deste trimestre para buscar un logotipo que identifique a nosa Biblioteca. Pode participar o alumnado de todos os niveis e sabemos que, entre vós, hai auténticos artistas.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!



luns, 2 de novembro de 2015

O LIBRO DAS AMIGAS


No estrondo da dor do iceberg que se desprende emerxe un géiser a quentar os corazóns.

Portada do libro
Quero partir destas palabras coas que comeza o limiar de O libro das amigas para falar desta obra que hoxe recomendo. Trátase dunha homenaxe á escritora Begoña Caamaño, cando hai un ano que nos deixou, mais é tamén unha  xuntanza de mulleres, de amizades que nas palabras atopan conforto, apertas , arrolos… a calor no frío, o géiser no iceberg.

Isto é o que pedira Begoña na carta á súa amiga, a cantante Uxía (incluída na obra), unha despedida que emociona profundamente pola valentía, pola aceptación e pola xenerosidade: “… que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando eu xa teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo”.

A obra presentouse no acto de homenaxe Begoñísima que se celebrou o pasado sábado 24 de outubro no Teatro Principal de Santiago e no que compañeiras da Radio Galega, na que ela traballaba, escritoras, cantautoras e amigas ofreceron poemas, cancións, unha representación teatral, unha presentación con fotos… Foi un espectáculo poético-musical no que se respiraba compañeirismo, solidariedade e sororidade, mais tamén alegría. Alegría para celebrar a vida, como lle tería gustado a Begoña, e que nos emocionou a todas e todos as que tivemos a sorte de asistir.

Cadro de Leandro Lamas
A obra O libro das amigas, como o acto Begoñísima, ten moito de especial, de agasallo. Desde a capa, as fotos, os gravados á edición: “Editan: As amigas” podemos ler na páxina final. Ten moito de esforzo colectivo e deixa ver o coidado , o cariño co que se fixo. Nela non podía faltar o cadro de Leandro Lamas que fora un agasallo a Begoña, e no que ela aparece retratada cun gran sorriso e rodeada de amigas e seres queridos, cadro que serviu tamén de pano de fondo no espéctaculo. A el fai tamén referencia a escritora na carta a Uxía: “Gostaríame morrer como no fermoso cadro de Leandro Lamas co que me agasallastes… facer unha festiña tranquila, poder vervos a todas e todos, despedirme de cada unha de vós, partillar un brinde pola vida, escoitarte por última vez cantar o Alalá das Mariñas e logo adormecer…”

 Nótase que o libro está feito desde o corazón, desde a dor, mais tamén desde o amor máis profundo. Poemas, cartas, desafogos… palabras para lembrar a amiga, a escritora, a muller comprometida coa liberdade, coa xustiza, co feminismo. Tan xenerosa e solidaria como enérxica denunciando a desigualdade, defendendo os dereitos de todas e todos. Son moitas as referencias á ausencia que proe, ao difícil de afacerse a ela : Cando marchaches,/ ficou un animal ferido no meu padal,” di a poeta Andrea Nunes Brións.

O lamento da perda vai tamén para a Begoña escritora, porque con dúas obras: Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, revelouse como unha voz imprescindible no noso panorama literario. Na literatura como na vida, transformando, liberando, practicando a tan necesaria sororidade, a unión, o apoio, a solidariedade entre mulleres, dándolles a volta aos mitos, facendo protagonistas ás que sempre estiveron nun segundo plano, invisibilizadas.


O libro das amigas é a homenaxe, o recoñecemento, a admiración e o agradecemento  a través das palabras para amortecer a dor, para non esquecer: “ é , pois, un geiser. Un libro líquido para nos quecer” (Limiar do Libro das amigas).

Sira Vidal, Departamento de Galego