xoves, 23 de novembro de 2023

ICEBERG CONTRA A VIOLENCIA

 Seguimos a recordar o 25 N para dicir BASTA. A biblioteca ofrece lecturas para reflexionar sobre os distintos tipos de violencia: a visible e a invisible. Só se somos plenamente conscientes desta situación, poderemos alzar a nosa voz para acabar con este tipo de violencia.

 Asasinatos, feminicidio, violación, insultos, berros, linguaxe sexista, desprezo, micromachismos..., todo ben visible no iceberg contra a violencia machista da biblioteca.

                                         

mércores, 22 de novembro de 2023

E TI QUE CONTAS?

O luns xuntouse o Club de lectura E ti que contas?, na biblioteca do Colexio de Educación Especial. Tocounos falar de Muhammad Ali. Fixemos un percorrido pola súa vida, atendendo especialmente ao empeño que puxo en conseguir os seus soños; tamén, nos gustou a súa loita pola igualdade.

Chegamos á conclusión de que, se realmente queremos conseguir algo, debemos loitar con todas as nosas forzas por conseguilo.

Rematamos a xuntanza coa elaboración dun mural que adornou a biblioteca. Que momentos máis fermosos e especiais vivimos neste Club. E agora a pensar na seguinte lectura. Tamén do mundo do deporte.

CIENCIA EN GALEGO

A Biblioteca quere promover as lecturas científicas. Que temos moitas!!! E, por suposto, tamén en galego. A profe de Física, Cristina, que tamén forma parte do equipo da biblioteca, propúxolle ao seu alumnado de 4º ESO a recreación dalgúns momentos científicos e literarios no laboratorio. 
Esta é algunha mostra que nos serve, tamén, para recomendar libros neste mes da ciencia.
Grazas ao alumnado colaborador e parabéns. Fixestes un traballo precioso.😍😍😍

LIBROXOGO TERRORÍFICO

Busca as pistas e atopa os libros que te recomendamos para ler, se che gusta o terror. Ademais deses, atoparás moitos máis.


venres, 17 de novembro de 2023

LENDO MEDO

 Chegado o Samaín, quixemos recomendar lecturas de medo e nada mellor que ofrecer uns fragmentos acompañados de exposicións dos libros que temos na biblioteca. 

Tamén estes fragmentos se puideron ler na Hora de ler e..., quen sabe... Ao mellor alguén se animou e o escolleu como lectura para pasar momentos terroríficos.

Historias De medo de Biblioteca Castro Alobre

venres, 10 de novembro de 2023

SAMAÍN NO ALOBRE

 Vivimos unha xornada de medo no Castro Alobre que tivo como protagonista ao alumnado do Proxecto Competencial. Visitamos un cemiterio literario, no que puidemos ver as tumbas de Vicente Risco, Eduardo Pondal, María Victoria Moreno, Valentín Paz Andrade, Rosalía de Castro ou Xela Arias entre outros. Tamén, viaxamos a diferentes universos literarios terroríficos. Houbo maquillaxe, un escape room, busca do premio e un photocall no que participou o equipo da biblioteca. 
Todo isto presidido pola Santa
Compaña
.
Ademais, queremos recomendar a visualización do vídeo A morte a tod@s iguala nesta ligazón https://youtu.be/vfiso95vcdA?si=gidUVFLvGebLgepn. O alumnado correspondente de 4º ESO cóntanos como se celebra a morte nos seus países de orixe. Realmente interesante.
Parabéns!!!

CLUB DE LECTURA

 Xa tivemos as primeiras xuntanzas do Club de lectura. Repartíronse os libros entre os distintos grupos que temos este ano. Xa comezamos a ler , fixemos unha introdución a Amigos robots, contamos historias de medo , reunímonos co Colexio de educación especial para que o alumnado se coñecese e o profesorado falou de Vémonos mañá de Xosé Monteagudo. 

Clicade nas ligazóns que vos levarán ao blog do Club de lectura. Mentres esperamos as seguintes xuntanzas, invitámosvos a formar parte desta gran comunidade lectora.