Iniciamos a semana adicada á
muller con As grandes esquecidas.
Chegaron as tres mulleres participantes na mesa redonda dispostas a dar a súa
visión sobre o papel das mulleres nas súas profesións e, tamén, para recordar ás
esquecidas, aquelas mulleres que no seu momento non tiveron o recoñecemento
debido e, incluso, se enfrontaron a problemas para poder estudar, sendo obxecto
de discriminación por parte dos homes.
Primeiro, unha intervención en
solitario.
Eva Cabanelas, licenciada
en veterinaria, fixo un percorrido desde as pioneiras ata a actualidade,
comentando como cambiou a situación das mulleres nos últimos tempos. De ser
considerada unha carreira masculina, “A
veterinaria non é para mulleres”, pasou a feminizarse contándose xa cun 60%
de mulleres na investigación; iso si, con menos proxección mediática que os
homes. Rematou Eva con dous magníficos monólogos científicos: un adicado ao
doutoramento e o outro aos gandeiros, que nos fixeron sorrir.
Isabel
Rei,
profesora de guitarra no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de
Compostela e investigadora, tamén deu a coñecer guitarristas esquecidas, entre
elas Rosalía de Castro, e deleitou ao alumnado asistente coa súa música.
Mentres María Canosa, enxeñeira,
escritora e presentadora da TVG, visitaba a exposición TraballadorAs, con
fotografías realizadas polo alumnado,
inauguraba a sala de titoría co seu nome e aproveitaba para asinarnos o
seu último libro, Muriel.
Despois dun descanso, Paloma, a
profe de música, moderou unha charla ben interesante, pero moi curta. As nosas
convidadas tiñan moito que dicir e transmitir en prol da igualdade. Destacamos o nome das grandes esquecidas que
elas quixeron “rescatar”: María Cerrato Rodríguez (1897-1981), Justina González
Morilla (1903-1997) ou Luz Zalduegui Gabilondo (1914-2003) son tres pioneiras
no mundo da veterinaria destacadas por Eva Cabanelas. Henrietta Leavitt e
Olimpia Valencia son as destacadas por María Canosa e Isabel Rei lembrounos os
nomes de Christine de Pizan, como precursora do feminismo, ou de guitarristas
como Rosalía de Castro e Avelina Valladares.
Queremos agradecer a todas elas a súa boa disposición para asistir a este acto e a Paloma a súa colaboración e implicación. Por suposto, non esquecemos ao alumnado que, unha vez máis, fixo gala do seu saber estar. Parabéns!
Xa ao remate, Eva Cabanelas
agasallounos con dous libros escritos por ela para a nosa biblioteca e, por
suposto, deixou a súa pegada no libro de sinaturas da biblioteca.
|
Eva Cabanelas |
|
María Canosa |
|
Isabel Rei |