venres, 25 de febreiro de 2022

CHEGOU O ENTROIDO...

E con el, o noso concurso de máscaras con título de libros, expostas no vestíbulo e nos corredores. Seguimos promocionando a lectura de xeito lúdico. Así quedaron os premios:
    1º premio: Un ollo de vidro
    2º premio: Kitsune
    3º premio: Frida Kahlo
    4º premio: O lapis do carpinteiro
    5º premio: La mente del samurai, Dragón, Animales Fantásticos
Tamén demos tres premios especiais TEI (Titoría entre iguais):
    - Thanos
    - Alicia en el País de las Maravillas (a máscara coas cartas e un reloxo)
    - Caperucita roja
Parabéns ao alumnado vencedor e participante. Houbo traballos realmente fermosos.


Estas son algunhas mostras do traballo compartido do alumnado TEI.


O Equipo de Normalización Linguística amosounos nun mural o Entroido en Galicia

xoves, 24 de febreiro de 2022

SEGUIMOS A VIAXE NO CLUB DE LECTURA

Nova xuntanza, antes do Entroido, do Niño da Curuxa. As lecturas están gustando e o alumnado comparte con entusiasmo as súas impresións sobre Las lágrimas de Shiva e Jules Verne e a vida das mulleres planta.

Para marzo queda a nova lectura, que vai sobre peixes... Xa veremos. Esperamos sorprender aos curuxainos e ás curuxainas.

Coma sempre, tedes máis información no blog do Club. Clicade aquí.

mércores, 23 de febreiro de 2022

#SementadePensamentos

#SementadePensamentos é o lema escollido pola AELG para celebrar o Día de Rosalía. O alumnado de 2º ESO colaborou cun fermoso mural cheo de versos e pensamentos, as flores preferidas da escritora.



Ademais, alumnado de 1º e 2º da ESO recitaron un manifesto de reivindicación do Día de Rosalía.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2022

                                                              PENSAR[TE]LIBRE

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Rosalía de Castro

Estes versos de Rosalía reivindican unha vez máis a liberdade do noso pensamento, sempre clamando dende a voz de muller.

venres, 11 de febreiro de 2022

A CIENCIA TAMÉN É COUSA DE MULLERES

Para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, recomendamos lecturas e damos a coñecer a algunhas científicas que o alumnado, que se achegue ata a biblioteca, poderá ver nuns cartaces sobre as mesas.



Ademais, achegamos a ligazón da entrada do blog de Comunidad Baratz, na que se nos fala de sete científicas que traballaron como bibliotecarias. A que non o sabías?
Estas mulleres son: a astrónoma Maria Mitchell, a matemática Mary Everest Boole, a botánica Anna Murray Vail, a lexicógrafa María Moliner, a astrónoma Ruby Violet Payne-Scott, a programadora Henriette Avram e a geógrafa Selma Huxley.
Máis info aquí.
Foto publicada no blog Comunidad Baratz

DI NON AOS MENORES SOLDADO!

Como cada 12 de febreiro, o alumnado de 3º PMAR quere dar a coñecer a existencia dos menores soldado. Despois de tratar en profundidade o tema na clase e recomendalo, tamén, ao resto do profesorado, recolleron nun mural os aspectos básicos desta grande inxustiza e violación dos dereitos dos menores. Outro tema sobre o que reflexionar e do que a biblioteca sempre proporciona material recompilado neste blog ao longo dos anos.

día internacional contra o uso de menores soldado de Biblioteca Castro Alobre

domingo, 6 de febreiro de 2022

#TOLERANCIA CERO

Un ano máis debemos rexeitar rotundamente a mutilación xenital feminina, unha práctica que aínda seguen sufrindo moitísimas mulleres e que supón unha violación dos dereitos humanos. Este 6 de febreiro, Día Internacional da Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina debe servir para sensibilizar á xente moza, xa que na súa man está a posibilidade de cambiar as cousas.

#TOLERANCIA CERO coa MXF.

En Uncut, la lucha de las mujeres contra la mutilación genital femenina tendes moita información. E, se queredes coñecer as historias de Asha, Sulekha, Koumba ou Stella, clicade aquí.

E, por suposto, recomendamos ver as entradas de anos anteriores do noso blog en Tolerancia cero.