sábado, 25 de novembro de 2017

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O venres 24 de novembro tivemos un acto moi especial. O Equipo da biblioteca elaborou unha presentación sobre a violencia que sofren as mulleres no Congo e sobre a mutilación xenital feminina. Relatos en primeira persoa realmente estremecedores. Mila Torrado, membro do equipo, leu de xeito maxistral e emotivo dúas desas historias, tan brutais como reais. 
Tamén o alumnado tivo o seu protagonismo. Alberto Lago e Rebeca Pérez abriron o acto, compartindo con nós as súas mensaxes contra a violencia machista; e o alumnado de Igualdade, de 1º de bacharelato, cedeunos os vídeos realizados para esta materia.
Asistiron os alumnos e alumnas de 1º e 2º de bacharelato. Esperamos que compartisen con nós ese sentimento de rabia e impotencia ante esta dura realidade e fagan súas as palabras de Bernarda López Ramírez, defensora Xinca dos dereitos indíxenas en Guatemala:

La lucha no termina
la lucha continúa
no hay peor lucha
que la que no se hace.


Para ver o vídeo clica aquí



LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

PAPIROFLEXIA CON LAIA

Agradecemos a Laia a sesión de papiroflexia que compartiu co alumnado habitual da nosa biblioteca.


                                                                          





venres, 17 de novembro de 2017

DOCUMENTAL SOBRE HEDY LAMARR

O curso pasado celebramos o Día do Inventor e da Inventora dentro do proxecto "Descubrimentos e Inventos". Recordaredes que, ese día, tamén comezamos o concurso Descubre as mulleres, no que tiñades que averiguar quen era a muller da foto e a que se adicaba.
Esta foi a primeira foto: Hedy Lamarr, actriz, pero tamén inventora do que se chamou "espectro ensanchado por salto de frecuencia", un sistema de comunicación que é a base de tecnoloxías como a Wifi ou o Bluetooth.
Hoxe lembrámola porque un documental, Bombshell: The Hedy Lamarr Story, dirixido por Alexandra Dean e producido por Susan Sarandon, recupera a faceta investigadora desta muller extraordinaria. Estréase o 24 de novembro.
Déixovos un enlace por se queredes ampliar a información: ¿Aún no conoces a Hedy Lamarr?



xoves, 16 de novembro de 2017

BURBULLA CULTURAL: PAPIROFLEXIA

Por fin comezamos a Burbulla Cultural e nada mellor para a inauguración que unha sesión de papiroflexia. Laia Galcerán ensinará a todos e todas, as que queirades participar, a facer figuriñas de papel.
Contamos con vós!


domingo, 5 de novembro de 2017

MES DA CIENCIA EN GALEGO: CHARLA SOBRE A BIOPSIA LÍQUIDA

O venres pasado tivemos a sorte de recibir a visita dos investigadores do grupo Oncomet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Alexandre De La Fuente e Laura Muinelos informáronnos sobre a investigación que están levando a cabo. Trátase de detectar o cancro cunha técnica non invasiva similar a unha análise de sangue, a Biopsia Líquida.
A súa exposición clara e precisa deunos a coñecer o seu traballo e as vantaxes da aplicación desta técnica.
Asistiu o alumnado do Ciclo de Enfermaría, de 1º de bacharelato científico e 3º PMAR. Todos e todas elas disfrutaron das interesantes explicacións sobre as investigacións que este grupo está a desenvolver. Participaron, tamén, da ilusión dos proxectos que están a realizar; tal foi a empatía cos ponentes. 
Neste Mes da Ciencia en Galego, este é un exemplo máis de que a ciencia está ao alcance de todas as persoas e unha mostra máis do que se está a facer en Galicia.
Grazas Laura, grazas Alexandre por achegarnos un pouco máis o mundo da investigación.