mércores, 24 de febreiro de 2016

THE REVENANT: Unha lanza a favor de Di Caprio!

Unha lanza a favor de Di Caprio! Unha vez máis González Iñárritu consegue abraiar no mesmo grao a espectadores e crítica. Coa súa nova película, The Revenant, non só volveu convencer, senón que tamén ten acadado xa varios premios nas categorías importantes nos Bafta británicos e nos Golden Globe Awards americanos, ademais de obter 12 nominacións aos Oscar, cos cales o director xa foi recoñecido na edición anterior por Birdman (que conseguiu o galardón a mellor película e mellor director). 

The Revenant ten todos os elementos das superproducións: unhas imaxes espectaculares rodadas nunha natureza salvaxe e, en moitas ocasións, tremendamente hostil; un argumento moi completo, cargado de angustia e superación e que, a pesares de non sorprender (porque o título xa non o permite), suscita o interese dos espectadores e espectadoras desde o primeiro minuto e o mantén até o final; un reparto excepcional, coas magníficas interpretacións de Leonardo Di Caprio e Tom Hardy e unha coidadosa selección de vestiario e maquillaxe. A estes ingredientes hai que sumarlle o peculiar enfoque de Iñárritu, quen converteu en propia unha trama extraída dunha novela baseada nunha historia real. Así, volve atrapar cos seus característicos xogos de perspectivas e coa capacidade de mergullir ao público na percepción do protagonista a través dos planos da cámara, que mesmo era salpicada polo seu sangue ou empañada polo seu bafo nos momentos máis intensos.

É Iñárritu capaz incluso de conseguir dos seus actores e actrices a mellor interpretación. Quen podería imaxinar hai uns anos que Michael Keaton, cunha traxectoria pouco significativa para a crítica, acadase unha nominación ao papel protagonista nos Oscar pola súa interpretación en Birdman? É, por tanto, esperable e desexable que un actor como Di Caprio, xa nominado en catro ocasións anteriores e cunha traxectoria brillante, consiga, por fin, tan cobizado premio.

Finalizamos esta crónica cinematográfica, por unha parte, coa recomendación do visionado do filme (iso si, non apto para persoas demasiado aprensivas pola rudeza das súas escenas), e, por outra parte, cunha lanza a favor de Leonardo Di Caprio, non só en nome de quen asina esta reseña, senón de toda a clase de 2º de Bacharelato C, amantes do cine de calidade. 

Mariola Rodríguez González.



E por suposto, deixamos o trailer  para que vos animedes a vela.


xoves, 18 de febreiro de 2016

BIBLIOLIMPIADAS: "ADIVIÑA QUEN SON"

Xa tedes aquí a segunda proba. A carreira non fixo máis que empezar e estades a facelo moi ben. Quen será o atleta ou a atleta máis rápido/a esta vez? O tempo empeza a contar xa. Non vos despistedes e non esquezades poñer o alcume olímpico e todos os vosos datos na folla de entrega da proba. 
Moitas grazas pola vosa participación e lembrade: AS PUNTUACIÓNS PUBLICARANSE O LUNS NA META SITUADA NA PAREDE ENFRONTE Á BIBLIOTECA.
Boa sorte a todos e todas.

mércores, 17 de febreiro de 2016

BURBULLA CULTURAL: O MALABARISTA ANXO DOCAMPO

Tras unha pequena paréntese, retomamos a Burbulla Cultural da man dun alumno de 1º ESO E, Anxo Docampo, que nos fará pasar un momento agradable cos seus malabares.

O luns 22 de febreiro, ás 11,00 h. na Biblioteca.
ESPERÁMOSVOS!






xoves, 11 de febreiro de 2016

BIBLIOLIMPIADAS: SOPA DE LETRAS

Comezamos a carreira coa proba nº 1, unha "Sopa de letras olímpica". O último día de entrega é o xoves 18 de febreiro. As puntuacións dos participantes publicaranse o luns 22 no taboleiro situado na meta (enfronte á Biblioteca).

Situádevos na liña de saída e participade.

luns, 8 de febreiro de 2016

AS BIBLIOLIMPIADAS

Presentamos o concurso BIBLIOLIMPIADAS. Na pista de atletismo, que empeza no vestíbulo do edificio da ESO, dará comezo esta competición olímpica á que todos e todas estades invitados a participar. Todos os venres anunciaremos as probas nesta pista, mentres os participantes van avanzando cara a meta.
Aquí vos deixamos as bases e, para calquera dúbida, acudide á Biblioteca, lugar de recollida e entrega de cada unha das probas.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!