luns, 30 de novembro de 2020

CREA O TEU FAN ART

Gústache a banda deseñada? Tes un personaxe favorito? Pois este é o teu CONCURSO. Danos a túa visión dun personaxe de cómic que che guste con ese debuxo tan especial que moitas veces tes imaxinado.

O prazo remata o 13 de decembro. Podes entregalo na biblioteca dentro dun sobre co teu nome, apelidos e curso ou envialo ao correo bibliocastroalobre@gmail.com, tamén indicando os teus datos.

Os premios a repartir son estes:

  • Un lote de cómics para o mellor debuxo.
  • Tres lotes de láminas de temática manga.
  • Un par de grapados de X-Men e Spiderman.
  • Dúas láminas de Batman. 
Seleccionaranse varios debuxos para repartir os agasallos que cede a Librería Metrópolis.



O NIÑO DA CURUXA COMEZA A VOAR

Este venres foi a primeira reunión do Club de lectura. Falouse de cómics: Engurras e A mansión dos Pampín. Podedes ver a entrada no blog do Club.

http://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2020/11/o-nino-da-curuxa-comeza-voar.html







mércores, 25 de novembro de 2020

UNHA OLLADA VIOLETA

 Hoxe entregamos os premios ao alumnado gañador do concurso "Unha ollada violeta".  Realmente tivemos fotos moi boas e queremos agradecer a vosa  participación. Especialmente os nosos parabéns a Natalia, Felipe e Eduardo. Co seu premio de 100, 80 e 50 euros poderán mercar en calquera dos comercios asociados a Zona Aberta.

Felipe (2º premio) e Natalia (1º premio)

Eduardo (3º premio)

As fotos gañadoras son estas:

1º Premio. Natalia Rey Loroño 1º bach. A


2º Premio. Felipe Sbiha 1º ESO E


3º Premio. Eduardo Hope 2º bac. A

E estas son algunhas das fotos presentadas a concurso. Para ver todas as fotos fai clic.


O ALUMNADO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Hoxe o alumnado do noso instituto manifestou o seu rexeitamento á violencia machista coa lectura dun manifesto e debuxos contra a violencia. Esta é unha pequena mostra da súa visión.

Tiago Vence 1º ESO E
Tiago Vence 1º ESO E
Laura Lago 1º ESO E
Nerea Dos Anjos 1º ESO E

Irene García 1º ESO E
Elif Aydeniz 1º ESO E
 

E este é o manifesto que se leu nas clases despois de gardar un minuto de silencio en recordo de todas as vítimas.

No ano 1999 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da eliminación da violencia machista contra a muller, considerada esta como “todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo femenino que teña ou poda ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública ou privada”.

 No que levamos de ano, 38 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas homes, máis de 700 sufriron acoso sexual, máis de 6600 sufriron agresións sexuais e  7350 sufriron abusos sexuais. Desde o 2003, 1073 mulleres foron asasinadas, só polo simple feito de ser muller e porque un home creuse superior a elas.

A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos dereitos humanos. Non respecta fronteiras, culturas, niveis económicos ou idades. Está presente en épocas de conflito e en tempos de paz, no fogar, no traballo e na rúa.

O 25 de novembro é un día no que a sociedade, a nivel mundial, manifesta a dor causada pola violencia. Non só a física, a visible, tamén a invisible e silenciosa, a que é vertixinosamente común.

 Pensade que querer non é controlar o móbil, non é dicir o que ten que poñerse a túa moza, non é xulgar nin rir dos seus sentimentos, non é ter celos porque fale con alguén, non é obrigala a manter relacións sexuais senón quere, porque “non é non”. Non é desprezar, insultar, faltar ao respecto, pegar. Iso non te identifica como home. Non hai nada máis perigoso que un home cruel, finxindo ser boa persoa.

 Pensade que ser muller non é sinónimo de ter medo, non é sinónimo de chamar ás túas amigas de camiño a casa polo que podería pasar, non é sinónimo de sentirte observada se levas unha saia curta, non é ser fráxil, dócil, recatada...

 É sinónimo de ser forte, intelixente, valente, líder, independente, de ser unha mesma e de poder traballar no que queiras, de ter as mesmas oportunidades que un home. Ten que ser sinónimo de ser feliz porque non tes medo.

 A violencia machista desaparecerá cando maltratadores, violadores e asasinos sexan xulgados e castigados polos seus feitos.  Desaparecerá cando teñamos unha verdadeira educación non sexista e as nenas e nenos teñan un presente e un futuro coas mesmas posibilidades. Desaparecerá cando entendamos que isto non é unha guerra entre homes e mulleres, isto é unha cuestión de respecto, de concienciarse de que a liberdade das mulleres é un dereito, non unha opción.

 Necesitamos que este sexa un mundo seguro para todas as persoas independentemente do seu sexo. Necesitamos que as presentes e futuras xeracións sexan educadas en igualdade, respecto e valores para conseguir que a sociedade mellore. Necesitamos que o reparto de deberes e obrigas, así como de dereitos sexa igualitario en todos os eidos da vida.  Necesitamos que se conseguimos chegar a cumprir estas esixencias, estean vixentes todo o ano, non só este 25 N.

 Este ano, probablemente as mulleres que saian á rúa a reivindicarse non serán tantas coma nos anos pasados, pero iso non quere dicir que a nosa voz non se vaia escoitar. Agora que non nos podemos xuntar, temos que permanecer máis unidas e unidos que nunca nesta loita. Debemos ser inflexibles nesta batalla, o compromiso con esta causa non pode desaparecer ata a súa total eliminación. Temos que loitar por cada unha das mulleres que asasinaron, para que ningunha de nós quede calada por culpa dun home que lle quite a voz.

 Hoxe, 25 de novembro, defendemos a nosa  esperanza e mantemos o noso compromiso durante cada día do ano. Desde o IES Castro Alobre queremos dicir, ben alto, que loitaremos pola igualdade até que todas, todos, todes sexamos libres!

 -----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Texto:

Mario Arufe, Daniel Berdullas, Andrea Cortés, Miguel Diz, Diego Gómez, Nouhaila Halliou, Marta Martínez, Noelia Molares, Natalia Mouriño, Aroa Muras, Natalia Rey, José Romero, Uxía dos Santos e Clara Senín.

A BIBLIOTECA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

 


O 25 de novembro non queremos esquecernos de todas as mulleres que sofren a violencia machista. Variadas son as actividades que se realizarán no noso centro como variadas son as formas de violencia contra as mulleres. Rexeitamos todo tipo de violencia e animamos a seguir adiante con esta loita.

Como mostra, as palabras do alumnado de 4º F que, en forma de rap, condean a violencia machista. Grazas aos alumnos e alumnas por este traballo e, como non, a Leo, o seu titor.


mércores, 18 de novembro de 2020

CIENCIA EN GALEGO

O mes de novembro está adicado nas bibliotecas á ciencia; por iso queremos destacar algúns dos científicos e científicas galegas. Tamén, como non, recomendar algunhas lecturas e dar a coñecer os nomes normalizados das constelacións que, non hai moitos días, aprobou a Real Academia Galega.


Podedes acceder á presentación en pdf nesta ligazón https://drive.google.com/file/d/1dMxz8TvZ-lH1OY8p7IsW3rcWdwT0AS5J/view?usp=sharing

luns, 16 de novembro de 2020

CLUB DE LECTURA

Iniciamos a viaxe lectora cun grupiño de alumnado de 1º e 2º da ESO. Este curso é moi diferente a todo o que levamos vivido e, por iso, tamén o Club vai ser distinto. Tivemos que renunciar ao entrañable Club de Lectura inclusiva, xa que a situación sanitaria non nos permite as reunións presenciais, xusto o que necesitan as persoas integrantes do mesmo. Esperaremos ao vindeiro curso para darlle continuidade. Mentras tanto, Raquel, a coordinadora do Club e profe do Departamento de galego, xa se reuniu este venres con alumnos e alumnas para comentarlles as primeiras lecturas e pór data para a seguinte reunión. 

Agradecemos a Raquel a súa boa disposición para levar adiante este proxecto nuns momentos tan complicados.

Desde a biblioteca escolar seguimos fomentando a lectura.




MAPA PROXECTOS "SELLO CCB"

A Comisión Permanente do CCB publicou na súa web un mapa interactivo dos gañadores e finalistas do Selo CCB. A nosa biblioteca aparece como gañadora do ano 2018 co seu proxecto Rescatando culturas (podedes consultado aquí).

Máis info: https://www.ccbiblio.es/mapa-interactivo-para-el-sello-ccb/



venres, 13 de novembro de 2020

DÍA DAS LIBRERÍAS

Hoxe, 13 de novembro é o Día das Librerías. Esta data, que se celebrou por primeira vez no 2011, promovida por CEGAL e a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte, conta co apoio da Federación de Librarías de Galicia.

Este ano, máis que nunca, necesitan o apoio de todos e todas nós; por iso, desde a biblioteca, queremos reivindicar a necesidade de mercar no comercio local. 

As librerías son espazos absolutamente imprescindibles para fomentar a lectura, para estimular a creatividade e a imaxinación, para darnos a coñecer o mundo, para promover a cultura, para atoparnos con escritores e escritoras; en definitiva, espazos para compartir lecturas desde a proximidade e o coñecemento.

Axudemos a que continúen abertas. Axudemos as nosas librerías. Merquemos en Vilagarcía.

Agradecementos a Follas Novas, Librería Nobel, Metrópolis e Librería Vidal por aceptar a proposta de achegar as súas librerías a este blog.

A BIBLIOTECA COA LIBRERÍA VIDAL

O Día das Librerías é un bo momento para que sexan precisamente estes espazos, os que nos axuden a fomentar a lectura. Grazas á Librería Vidal por colaborar con nós nesta iniciativa e, por suposto, pola súa amabilidade e atención.

Desde a biblioteca lembramos a importancia de mercar no comercio local.



A BIBLIOTECA CON FOLLAS NOVAS

 No Día das Librerías todo o noso apoio ao comercio local. Que mellor que deixarse asesorar polas  libreiras e libreiros cando dubidamos na elección dun libro?


O noso agradecemento a Follas Novas por aceptar a proposta de fomentar a lectura e animar a comprar libros na nosa vila desde este blog. Deixamos as palabras que nos achegaron e que comezan así:

"Tentemos que non pechen para que non anoiteza antes de tempo...A mellor maneira de axudar a que non suceda é ler, mercar e compartir libros".






A BIBLIOTECA CON METRÓPOLIS COMICS

Unha oferta diferente é a que nos ofrece Metrópolis Comics. Para as persoas amantes da banda deseñada todo un luxo.

Nuns días teredes algunha sorpresiña da que vos iremos informando.

Grazas a Metrópolis por fomentar a lectura nun formato diferente e pasade por alí para ver estes extraordinarios libros.

Gustaravos!!!



xoves, 12 de novembro de 2020

A BIBLIOTECA COA LIBRERÍA NOBEL

Apoiando ao comercio local, hoxe nos acordamos das librerías, uns espazos que nos axudan a pensar, a ler, a imaxinar...

Desde a Librería Nobel nos achegan esta proposta:

"Mañá venres día 13 de novembro, festexa con nós o Día das Librerías. É tempo de agradecer o teu compromiso co pequeno comercio, así que poderás beneficiarte dun 5% de desconto en todas as túas compras de libros (agás os libros de texto).

E, ademais, estate atent@ as nosas redes sociais porque haberá máis sorpresas...

https://es-la.facebook.com/librerianobelarousa/

Agardámoste!!




A BIBLIOTECA E A IMAXINACIÓN

Presentamos, aínda que con un pouco de retraso (esta entrada deberíase ter publicado o Día das Bibliotecas), unha pequena selección de relatos e debuxos do alumnado de 1º ESO B e E. O tema, A Biblioteca víctima da COVID-19. 

Estas historias forman parte dun traballo realizado na materia de Lingua Castelá e Literatura. Alumnas e alumnos demostraron as súas dotes creativas e, por iso, debemos felicitalos.

Parabéns!


La Biblioteca víctima de la COVID-19 de Biblioteca Castro Alobre

domingo, 8 de novembro de 2020

AS MATEMÁTICAS TAMÉN "SUMAN"

    O Departamento de Matemáticas vén de enviarnos un vídeo coa recompilación dos traballos feitos polo seu alumnado o curso pasado dentro do PDI Tod@s sumamos. Como xa sabemos, a vida académica paralizouse por mor da COVID-19 e tantas e tan boas creacións dos nosos mozos e mozas quedaron ser expoñer.

    Agradecemos ao Departamento de Matemáticas a súa implicación nas propostas da biblioteca e, por suposto, este magnífico traballo que estamos encantadas de compartir neste blog.

    Parabéns a todo o alumnado participante!


luns, 2 de novembro de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

O 17 de maio debía celebrarse coma todos os anos o Día das Letras Galegas, adicado a Ricardo Carvalho Calero. Por mor da COVID-19, adiouse a súa celebración ao 31 de outubro. 

Tras coñecerse o peche perimetral das sete cidades galegas polo agravamento da situación sanitaria, a RAG decidiu non celebrar, por segunda vez, o pleno extraordinario no que sería evocado o legado do escritor.

Non obstante, a biblioteca si que debe e quere lembrar de novo a Carvalho Calero e, para iso, ofrecemos as seguintes ligazóns a recursos online para homenaxealo como se merece:

Carvalho Calero 2020, impulsada por Agal en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística
carballocaleroenlugo.org, feita polo Colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e do Colexio de Fingoi


Ademais, clicando aquí, podedes atopar unha serie de caricaturas de Carvalho Calero elaboradas por Siro.



MELLORES BLOGSPOT DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

    Queremos agradecer a Eva Vilches, administradora de  sooluciona.com, a inclusión do blog da nosa biblioteca na selección que fixo dos mellores Blogspot de bibliotecas escolares 2020.

    Podedes consultar a súa listaxe nesta ligazón https://sooluciona.com/los-mejores-blogspot-de-bibliotecas-escolares-de-2020/.