venres, 29 de novembro de 2024

SOLIDARIEDADE CON PALESTINA

 No Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino o Equipo de Correspondentes do noso centro, dirixido pola profe Marisa, quixo darlle voz a algunhas historias de crianzas, mulleres e homes de Gaza asasinados no último ano. Estas historias forman parte da exposición que podedes ver no instituto xusto á entrada. É esta unha iniciativa da Asamblea da UVigo con Palestina que contou co apoio de Dina T., unha moza palestina que logrou fuxir de Gaza.

Na Biblioteca podedes ler estas historias recollidas nun dossier.

Tamén podedes ler Palestina de Joe Sacco e dous libros agasallo do seu escritor, Anan Abdalah que, por certo, estará na biblioteca o 19 de decembro nun encontro co alumnado de Historia de 1º de bacharelato.

luns, 25 de novembro de 2024

LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

 

Que a violencia cambie de bando de Biblioteca Castro Alobre

QUE A VIOLENCIA CAMBIE DE BANDO

Que a violencia cambie de bando
é o lema escollido este ano para recordar ás mulleres vítimas da violencia machista. A Bibliteca sumouse a esta iniciativa recomendando libros nos seus expositores e en boletíns. Tamén colaborou coa Dinamización de igualdade na adquisición de chapas e aportando os premios para o concurso convocado.

AS MULLERES, VÍTIMAS DA GUERRA

 O alumnado de Cultura clásica de 4º ESO e o de Grego de 1º de bacharelato fixeron uns marabillosos murais para visibilizar a violencia machista na mitoloxía.

As mulleres, vítimas da guerra reflicte a situación das mulleres na Guerra de Troia, convidando á lectura da Ilíada e da Odisea desde unha perspectiva diferente, a de elas.
Por que sempre elas? reflexiona sobre o papel da muller na mitoloxía: sacrificios, violencia vicaria, abandono ou agresións sexuais son tipos de violencia sofridos por Ifixenia, Medusa, Rea, Xea, Perséfone ou Ariadna.

ILLAS PEREGRINAS

Xa temos a recompilación das Illas peregrinas. Esta é unha selección da aportación do alumnado de 1º ESO ao Proxecto Documental Integrado deste curso. Despois da formación como usuarios e usuarias tiñan que buscar libros relacionados con illas e debuxar algunhas das que lle propoñíamos. Tamén tiñan que inventar un título. Este foi o resultado.

venres, 22 de novembro de 2024

O MAGOSTO

 Nova xuntanza do Club "E ti que contas?". Desprazámonos á biblioteca do cole. Esta vez tocounos ler sobre o magosto, esa festa tan arraigada entre nós. Despois de ler e falar de castañas, castiñeiros e soutos, pintamos e coloreamos estes froitos para facer un mural. Encántanos pintar!!

Ademais, tiñan preparada unha sorpresa. Agasalláronnos cun doce de castañas feito polos compañeiros e compañeiras. Estaba riquísimo! Tamén nos explicaron con fotos como elaboraran esta tarta. Seguro que alguén se animará a facela na súa casa.

Como sempre, unha reunión moi agradable. 

LE CIENCIA EN GALEGO

 Cada vez son máis as lecturas científicas que forman parte da nosa biblioteca. Como sabedes, novembro é o mes da ciencia en galego e, por iso, podedes ver moitos libros expostos desta temática. Tamén queremos contribuír a dar a coñecer os Obxectivos do Desenvolvenmento Sostible (ODS). 

Elaboramos un boletín informativo con lecturas divulgativas sobre o cambio climático, a contaminación dos mares polos plásticos, a degradación do solo.. E tamén algunhas solucións e medidas que podemos tomar nas nosas casas. Este é un exemplo dalgúns libros que podedes atopar, pero hai moitos máis!!

Agardámoste cos libros abertos!

le ciencia de Biblioteca Castro Alobre

luns, 18 de novembro de 2024

A NOITE DA LOBISMULLER

 Parabéns ao alumnado do agrupamento de Lingua galega por este vídeo "A noite da Lobismuller". Gañaron o premio do concurso de terro!!!!👏👏👏

venres, 8 de novembro de 2024

LADYDI

 Tamén se reuniu o Club de 3º, 4º e 1º de bacharelato. Lerán Ladydi de Jennifer Clement, unha obra sobre a que haberá un debate moi enriquecedor.

Máis info nesta ligazón https://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2024/11/ladydi.html

mércores, 6 de novembro de 2024

O MISTERIO DE PORTOMARÍN

O misterio de Portomarín de Antía Yáñez é a lectura escollida para este mes de novembro. Ademais, o alumnado de 1º e 2º da ESO compartirá esta experiencia lectora co IES Chano Piñeiro de Forcarei. 

Máis info nesta ligazón do blog do Club de lectura:

https://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2024/11/o-misterio-de-portomarin.html

ORQUESTA

Orquesta de Miqui Otero foi a lectura coa que iniciamos as xuntanzas do Club do profesorado. Recordos de tempos pasados que algunhas das asistentes viviron acompañados coa música das verbenas.

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Nada mellor que festexar o Día das Bibliotecas que convidando ao alumnado á nosa. Así que decidimos facer a formación de usuarios e usuarias de 1º ESO. O equipo de biblioteca informou das normas, dos préstamos e, sobre todo, promocionamos as lecturas que lle poderían gustar. Ademais, falamos dos concursos e actividades. Finalmente, centrámonos no PDI deste curso "Illas peregrinas", tema que está a desenvolver o Erasmus+. O alumnado debía debuxar unha das illas que lle propoñiamos e inventar o título dun libro relacionado con este tema. 

mércores, 23 de outubro de 2024

MOVIDA, ATLANTISMO...

 O noso compañeiro, membro do equipo de biblioteca e profesor de Física acaba de publicar un libro e non pensedes que é dalgún tema científico, porque non. É de música e non é o primeiro. Sabiades que Fernando controlaba moitísimo de música? Pois xa vedes. 

Agradecémoslle a doazón do seu libro á biblioteca e, proximamente, teremos algunha que outra sorpresa.

Moitas grazas, Fernando e parabéns!

BIG VAN CIENCIA

 Este martes visitounos Big Van Ciencia, unha maneira divertida de comprender, por exemplo, o cambio climático. O alumnado de 3º e 4º de ESO desfrutou moito con esta parella científica. Helena e Oriol tamén nos deixaron unhas palabras no libro de sinaturas da biblioteca.

LOBISHOME

 Xa temos o primeiro concurso da biblioteca. Un concurso de medo, LOBISHOME.

Participade!!!


O RATO DA BIBLIO

 Reuniuse o Club de lectura do alumnado de 1º e 2º da ESO para "buscar" un rato oculto nos andeis. Ese rato é Frederick de Leo Lionni. Unha lectura en voz alta que gustou e animou á lectura do poema. Podedes ver e escoitar o poema no blog do club https://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2024/10/tivemos-primeira-reunion-do-club-coa.html

mércores, 9 de outubro de 2024

RAÍCES DA LINGUA

Raíces da lingua quere visibilizar as escritoras galegas que son premios nacionais. Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Pilar Pallarés, Olga Novo, Yolanda Castaño, Chus Pato, Alba Cid, Marilar Aleixandre, Paula Carballeira, Ana Romaní e Bea Lema.

Algunhas delas mandaron un vídeo para o noso alumnado. Queremos agradecer a Andrea (profe de galego) que nos achegase estas importantes voces da nosa literatura, as nosas voces.

Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía 2019. Moitas grazas por achegarnos este fermoso poema.


Ana Romaní, Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2018. Que marabilla escoitala!!!
Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024 cun poema de Sonora.

Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa  2022 por As malas mulleres.

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 por Escarlatina e a cociñeira defunta. Tantas veces lida no instituto, escoitade con atención a súa mensaxe.

Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023 polo seu libro Materia. Grazas por dedicarlle uns minutos ao noso alumnado neste día.
Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Joven "Miguel Hernández" (2020) polo seu libro Atlas
Un Día das Escritoras marabilloso, un auténtico luxazo. 
Grazas a todas por compartir os vosos poemas co noso alumnado.

DÍA DAS ESCRITORAS

 O 14 de outubro celébrase o Día das Escritoras. Un ano máis sumámonos á iniciativa da Biblioteca Nacional de España en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. O tema desta IX edición é "La periferia de la periferia: mujeres que miraron al mundo rural". 

Esperamos que, este luns, na Hora de Ler o profesorado lea algún texto dos seleccionados pola comisaria Ana Iris Simón, que xa están na Aula Virtual.

Tamén recomendamos a lectura de Fisteus era un mundo de Lupe Gómez.

Ademais, desde a Biblioteca promovemos Raíces da lingua para difundir e visibilizar as escritoras galegas que son premios nacionais en narrativa, poesía, teatro, cómic ou xornalismo. 

Diseño de Biblioteca Castro Alobre

OS LIBROS TAMÉN SAEN DO ARMARIO

O 11 de outubro conmemórase o Día Internacional da Saída do Armario. A Biblioteca apoia ao colectivo LGTBI+ e, por iso, tamén sacamos do armario moitas lecturas diversas que podedes ver, estes días, nos expositores.

luns, 7 de outubro de 2024

venres, 4 de outubro de 2024

DE FESTA EN FESTA

 De festa en festa é o libro que leremos no Club de lectura E ti que contas?, un libro que convida á diversión e, por suposto, a un percorrido por esas festas tradicionais galegas.

Hoxe xuntámonos na nosa biblioteca e presentámonos. Ampliamos o club e hai moitas caras novas!!! Do insti o alumnado de 3º e 4º PDC e do cole a aula azul, gris e branca. Tamén temos unha nova incorporación de profe. Ademais de Encarna, Isa e Lupe, súmase a profe Silvia.

Para a nova xuntanza, leremos a vendima e xa temos algunha que outra canción popular.

martes, 1 de outubro de 2024

AGARDÁMOSTE COS LIBROS ABERTOS

 Recuperamos esta campaña publicitaria de hai xa uns cantos anos,

               porque vos queremos ver na biblioteca

                porque temos novidades que esperan por vós, lectores e lectoras,

                    porque unha biblioteca sen libros abertos non podería existir pero...

                     unha biblioteca sen lectores e lectoras non tería vida, aínda que tivese libros.


Por iso, temos libros abertos, para ler, para mirar, para compartir e para pensar

                                                     para imaxinar e para crear

En definitiva, para disfrutar. Agardámosvos cos libros abertos!!!

Agardámoste cos libros abertos de Biblioteca Castro Alobre

AGASALLOS PARA UN DÍA ESPECIAL

 Un día especial a despedida do Club E ti que contas? Agasallos e foto de familia.😊