mércores, 31 de marzo de 2021

ARTUR PASTORIZA CO NIÑO DA CURUXA

Pechamos trimestre cunha xornada moi especial no Club de lectura O niño da curuxa que, ademais, nos serviu para conmemorar o Día da poesía. Artur Pastoriza, un gran coñecedor da cultura tradicional galega, explicounos a relación entre música e poesía tradicional e animounos a crear coplas populares que acabamos interpretando.

Máis info nesta ligazón http://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2021/03/artur-pastoriza.html

venres, 12 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO

 O alumnado de 1º ESO B e E deu a súa visión das personaxes femininas dos libros que lle gustan. Estes son algúns exemplos das portadas que crearon.

xoves, 11 de marzo de 2021

ENTREGA DE PREMIOS

Hoxe entregamos os premios do concurso A través do espello. Unha vez máis, quixemos axudar ao comercio local e, por iso, entregamos bonos para mercar en calquera tenda de Zona Aberta.

Parabéns ao alumnado premiado!!

                        

MULLERES DE LIBRO: MERCEDES E LAURA

 Laura Crussat ou Laura Mulish é a protagonista de Laura no deserto de Antón Riveiro Coello. Hai uns anos esta foi unha das obras seleccionadas para ler no club de lectura, A curuxa sabia. Puidemos seguir a traxectoria vital de Laura, pero tamén de Mercedes Núñez, unha muller excepcional que estivo presa no cárcere de Ventas e, logo, nun campo de concentración nazi. Foi en Mercedes en quen Riveiro Coello se inspirou para crear a personaxe de Laura.

mércores, 10 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: IRMINA

Irmina chega a Londres nos anos 30 en busca de traballo, pero as cousas non lle van ben e decide regresar a Alemaña. Alí, buscando o seu benestar, vai aceptando os comportamentos brutais do réxime nazi.

Barbara Yelin, inspirándose na vida  da súa avoa, intenta explicar, nesta novela gráfica, como tantas persoas, que viviron na Alemaña nazi, foron quen de mirar para outro lado e ignorar os crímenes nazis.

Unha lectura para reflexionar.

martes, 9 de marzo de 2021

PREMIOS "A TRAVÉS DO ESPELLO"

Xa temos os premios do concurso A través de espello. O xoves, no recreo, faremos a entrega dos bonos na biblioteca.

1º premio. As dúas Marías, Yaiza Domínguez Abilleira (2º de bac. C) e Laura Quintáns Doval (2º de bac. B)   .

2º premio. A moza da perla (Vermeer), Iván Pereira Nieto (4º ESO A).

3º premio. Amelia Earhart, Eirin Rey Ageitos (1º ESO A). 

4º premio. Betty, a fea, Virginia Cespón Mondragón (1º ESO B).


5º premio. Hedy Lamarr, Natalia Rey Loroño (1º de bacharelato A).

MULLERES DE LIBRO: LOXANDRA

 Makrojori, un barrio de Constantinopla (como lle seguen a chamar os gregos que viven en Estambul), e Loxandra, unha muller chea de grandeza, de optimismo, unha auténtica loitadora e supervivinte. Os sabores e olores, como non podía ser doutro xeito tratándose de Estambul, mestúranse cunha vida sinxela e cargada de emotividade.

María Iordanidu (Constantinopla, 1897-Atenas, 1989) publicou esta primeira novela aos sesenta e cinco anos. Un tributo a súa avoa. A súa lectura paga a pena.

MULLERES NO DEPORTE: KATHERINE SWITZER

O alumnado do IES Castro Alobre correu, esta mañá, pola igualdade. A proposta do departamento de Educación Física, os alumnos e alumnas (e tamén o profesorado) participou nunha carreira simbólica en homenaxe a esta muller pola súa achega á igualdade de xénero no deporte e empoderamento da muller.

Katherine Switzer foi a primeira muller en correr un maratón, de maneira oficial, en Boston, no ano 1967, aínda que estaba prohibido para as mulleres. Utilizou o dorsal 261, o mesmo número co que se correu no instituto.


luns, 8 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: MULLERES OBREIRAS

Matilde, Antonia, Marta, Paca son os nomes de muller que loitan por sobrevivir no Madrid dos anos 30. A maioría acepta a súa situación sen facerse preguntas, pero a protagonista, Matilde, é un espíritu rebelde que quere acadar os dereitos que lle corresponden e emanciparse. Un salón de té distinguido é o marco no que Luisa Carnés nos achega o mundo obreiro feminino e as súas miserias. 

O libro, Tea Rooms: mujeres obreras. Altamente recomendable.

Día Internacional da Muller Traballadora

PARABÉNS, SIRA

Hoxe, recibimos unha grata noticia. Sira Vidal, profesora de Lingua galega hai uns anos no noso centro, foi a gañadora do XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, convocado polo Concello de Bueu. O seu relato "O espertar do teu nome" aborda a emigración  vivida polas mulleres en Galicia.

Este premio, recibido pola nosa compañeira, lévanos a lembrar, tamén, o seu magnífico labor á fronte do Club de lectura A curuxaina. Lecturas diversas, xuntanzas con escritores e escritoras, roteiros literarios foron algunhas das súas incansables propostas, para reunir ao alumnado nun faladoiro de libros e, tamén, ao profesorado arredor dunha boa mesa ou dun café. Momentos agradables de lembranzas lectoras.

Parabéns, Sira, e quen sabe se algún día estaremos a comentar a túa obra?

venres, 5 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: GABRIELA

Gabriela é a protagonista do libro de Josefina Aldecoa que queremos propor, Historia de una maestra, unha homenaxe a súa nai e aos maestros e maestras da República que chegaban a pobos lonxanos, nos que a lectura e a escritura non formaban parte das prioridades para as crianzas.

No prólogo do libro escribe a autora: " La historia es ficticia, pero todo lo que ocurre en ella es real, es un testimonio histórico que sirve, además, para conocer las durísimas condiciones de trabajo de los profesores rurales y el papel tan importante que desempeñaron haciendo gala de una constante vocación".

LECTURA E REIVINDICACIÓN

Unha nova xuntanza de O niño da curuxa para repartir as novas lecturas: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas e 22 segundos de Eva Mejuto. Despois O Club sumouse a un acto reivindicativo promovido polo grupo de diversidades afectivo-sexuais a favor das mulleres trans baixo o lema, As "mulleres trans" non son "mulleres trans", son mulleres. Unha boa maneira de empatizar coa temáyica dunha das lecturas propostas.

En quince días, haberá unha sorpresa.


 

xoves, 4 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: LAS REINAS DE ÁFRICA

 A xornalista, Cristina Morató viaxou a África igual que o fixeron as protagonistas do seu libro. 

Aventureiras e valentes, estas once mulleres recorreron o continente africano entre o século XIX e XX. Estes son os seus nomes: Mary Livingstone, Mary Slessor, Lady Juana Smith, Isabel de Urquiola, Alexine Tinne, Florence Baker, Mary Kingsley, Karen Blixen, Beryl Markham, Delia Akeley e Osa Johnson.


mércores, 3 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: ROSA PARKS

A muller que hoxe propoñemos, para quen a descoñeza ou para quen queira achegarse de novo a ela, é Rosa Parks, unha muller negra que amosou a súa valentía e determinación, ao non ceder o seu asento a un home branco, nun autobús. Un xesto que impulsou un aluvión de protestas e manifestacións que acabarían coa segregación racial nos espazos públicos, en EEUU.
Podedes atopar estes dous libros na biblioteca, se queredes coñecer mellor a esta muller. A edición de Vicens Vives, para o alumnado dos cursos inferiores, e a novela gráfica para calquera idade. Unha lectura para recomendar desde distintas materias.



martes, 2 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: MARÍA BARBEITO

María Barbeito (1880-1970) defendeu os dereitos das mulleres e traballou pola súa emancipación social, cultural e profesional. Recoñecida socióloga, pedagoga, escritora e profesora, implantou, por primeira vez, en Galicia o método Montessori.

Podedes afondar na vida desta gran muller no libro de Ana Romero, "María Barbeito, unha vida ao servizo da escola e dos escolares".

luns, 1 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: MARÍA VINYALS

María Vinyals (Soutomaior, 1875), coñecida como a "marquesa vermella", foi unha das primeiras feministas de Pontevedra. Interesouse pola arte, pola literatura, pola política. Ademais, foi nomeada académica da Real Academia Galega (1906). 

Fixo amizade con Emilia Pardo Bazán e María Barbeito.

Se vos interesa coñecer máis a fondo a esta muller, podedes atopar na biblioteca un libro coa súa biografía.