luns, 23 de decembro de 2019
DEBUXANDO A GULLIVER
Rematamos trimestre e rematamos libro no Club O Labirinto. O alumnado de 3º PMAR ensínavos as láminas debuxadas da primeira parte do libro de Gulliver. Cando todos os membros do club rematen a súa particular visión deste libro, o alumnado do Colexio de Educación Especial fará a encuadernación. Seguro que quedará xenial!
xoves, 19 de decembro de 2019
DE PASEO POLAS BIBLIOTECAS
Rematamos o trimestre visitando as bibliotecas de aula. Atopamos un pouco de todo: algunhas deben mellorar e outras están espectaculares: libros variados, ben ordenados e, ademais, con ambientación do Nadal.
Convidámosvos a participar neste blog recomendando algún dos libros que ledes na Hora de Ler. A vosa opinión pode axudar a fomentar a lectura entre os compañeiros e as compañeiras.
Por último, darlle os parabéns a 2º ESO A e a súa titora Solange por animalos a ler e a ser unhas persoas creativas.
ENTREGA DE PREMIOS
domingo, 15 de decembro de 2019
O CLUB SEGUE A SÚA VIAXE
Chegamos ao final do trimestre e o Club de Lectura inclusiva reuniuse de novo para seguir viaxando con Gulliver. Foi un xoves moi intenso xa que, despois de amosar a súa faceta creativa, os lectores e lectoras que comparten viaxe co alumnado de 3º PMAR volveron, esta vez á biblioteca, para recordar as aventuras do noso protagonista no país dos xigantes.
Pasamos uns bos momentos e puxémonos tarefas para a nova xuntanza do vindeiro ano. Remataremos de ler o libro, seguiremos ilustrando "o noso libro" desas marabillosas viaxes e, xa no 2020, veremos a película. E, por suposto, pensaremos a nova lectura.
Moita felicidade e moito agarimo para esas personiñas lectoras que xa forman parte dos nosos mellores momentos.
TODOS E TODAS PINTAMOS MOITO
Este ano no noso centro temos unha árbore de Nadal especialmente bonita. Foi pintada e decorada nunha sesión realmente emotiva, na que o alumnado de Técnicas gráfico-plásticas se implicou de verdade. Da súa man alumnos e alumnas do Colexio de Educación Especial e persoas do Centro con Eles pintaron a decoración que despois colocaron na nosa árbore.
Foi un día para recordar e, desde logo, para repetir. Un exemplo máis de que todos e todas pintamos moito nesta sociedade. Que sirva de exemplo!
luns, 9 de decembro de 2019
SE EU FOSE...
Xa temos as gañadoras do concurso de relatos Se eu fose... Queremos felicitar a todo o alumnado participante polos bos textos presentados e, especialmente, parabéns para Alba Rodríguez Doval de 2º ESO A e para Alba Ríos García de 1º de bacharelato C. Compartimos con todos e todas vós eses textos gañadores e os debuxos que os ilustraban.
venres, 6 de decembro de 2019
ABRINDO PORTAS
O 3 de decembro conmemórase o Día das Persoas con Discapacidade e, desde a Biblioteca, queremos mandar unha mensaxe esperanzadora e Abrir as portas á tolerancia, ao respecto, á convivencia, á inclusión; en definitiva, a considerar a todas as persoas iguais a nós e a valorar os seus esforzos por verse integradas na sociedade.
O alumnado de 2º de bacharelato de Técnicas gráfico-plásticas, dirixido por Sonia Omil, colaborou nesta actividade debuxando portas de distintos modelos como distintas somos, tamén, as persoas. Estas imaxes colocáronse nas portas das aulas do noso centro, para fomentar a lectura de libros que tratasen o tema das capacidades diversas e convidar, sobre todo ao alumnado, a abrir esas portas e a ler o mundo desde unha perspectiva integradora.
Finalmente, como mostra do que se fai no Centro con Eles ( que participa no Club de lectura) e no Centro Ocupacional O Saiar puxéronse á venda algúns dos seus produtos. Aínda estades a tempo de comprar, así que animádevos. Son uns bos agasallos para o Nadal.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)