mércores, 24 de febreiro de 2021

FESTEXAMOS O DÍA DE ROSALÍA

Hoxe foi a estrea do vídeo adicado a Rosalía de Castro. O Salón de actos recibiu a parte do alumnado participante, para ver o resultado do seu traballo; por certo, un traballo magnífico.

Recomendamos velo, porque é unha mostra de que é posible traballar en grupo, mantendo as medidas de seguridade e fomentando a inclusión. 

Esperamos que esta actividade nos dea un pouco de pulo para implicar a alumnos e alumnas nas propostas que se poidan facer desde os distintos departamentos.

Grazas ao profesorado de Lingua galega por dar a coñecer os versos de Rosalía dun xeito integrador.


martes, 23 de febreiro de 2021

DÍA DE ROSALÍA

                                                                              24 de febreiro do 2021

                                                                    “Mais ó que ben quixo un día,

                                                                                              si a queres ten afición,

                                                                                             sempre lle queda unha mágoa

                                                                                              dentro do seu corasón”.

No Día de Rosalía queremos homenaxear a nosa poeta máis ilustre, ela conta con discursos innovadores e actuais, que se depregan en obras que contestan, que toman partido.

Rosaalía é feminismo, ecoloxía, xustiza social, denuncia política e reivindicación da dignidade do pobo galego.

Os alumnos e alumnas do Castro Alobre queren darlle VOZ á nosa poeta a través do seguinte vídeo. Grazas a tod@s pola vosa participación e especialmente a Nouhaila Hallioui, alumna de 1º BACH-A pola edición e montaxe deste.

 Departamento de Lingua Galega

Para ver o vídeo, clica aquí 👈

luns, 22 de febreiro de 2021

NOVIDADES MATEMÁTICAS

Recomendamos que botedes unha ollada a este boletín "matemático", elaborado por Bea Alfonsín, no que nos presenta algúns dos títulos mercados pola biblioteca o curso pasado. É unha mágoa que non poidamos expor libros este curso e que non poidades ir á biblioteca. Temos moitas novidades que seguro que vos apetecería ler. Preguntádenos!

LECTURAS MATEMÁTICAS

O Departamento de Matemáticas fixo unha recompilación de libros que tiñamos xa hai tempo na biblioteca. Aquí vos deixamos as lecturas propostas.

Agradecemos a Bea Alfonsín esta selección.  

   

                               

venres, 19 de febreiro de 2021

UNHA SESIÓN POÉTICA

Nova xuntanza do Club O niño da Curuxa acompañado, esta vez, pola nosa poetisa Marina Montenegro. Un luxazo!

Ademais, Raquel entregoulles un agasallo moi especial, pensando xa no Día de Rosalía.

En quince días novas lecturas.

Para ler a información completa, clicade nesta ligazón do blog do Club: http://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2021/02/unha-sesion-poetica.html



AS CIENCIAS NA BIBLIO: A CÉLULA EUCARIOTA

Na entrada de hoxe abrimos a porta ás ciencias da man do alumnado de 4º ESO F. Nos vídeos que podedes ver, fálannos das células eucariotas, uns bos traballos e unhas magníficas recreacións. Agradecemos a Irene Munín que os animase a mandarnos estes vídeos.

O blog da biblio é de todos e todas. Grazas!


venres, 12 de febreiro de 2021

ANTROIDO LITERARIO

Venres de Antroido e de disfraces, ¡con máscara incluida!

E que mellor que disfrazarse de personaxes de libros? 

Divertímonos un pouco e, ao mesmo tempo, falamos de libros na clase de Lingua castelá. Unha proposta á que se sumou inmediatamente o alumnado de 1º ESO B e E. Realmente, é unha marabilla traballar con esta rapazada. A participación está asegurada, ademais da creatividade, a orixinalidade e o bo humor.

Contos clásicos como Brancaneves ou a Cincenta, libros de aventuras como Los Cinco ou Piratas do Caribe, "máxicos" como Harry Potter, para todas as idades como O Principiño, baseados en películas como Star Wars e, como non, mangas.

Esta é a reportaxe fotográfica deste venres de Antroido.





MENORES SOLDADO, VÍTIMAS OU CULPABLES?

O 12 de febreiro conmemórase o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado, día que debemos recordar porque supón unha violación extrema dos dereitos humanos dos nenos e nenas. É un tema do que pouco se fala e que deberiamos ter presente cada un dos nosos días.

Unha infancia perdida, cruel e unha vida condicionada polos terribles actos que se viron obrigados a cometer. Aínda hai debate sobre como considerar a estes menores,

         vítimas ou culpables? 

Pero, antes de respostar, deberiamos facernos outra pregunta, 

        tiveron elección?

Urxen os programas de reinserción e a implicación seria da comunidade internacional. Mentres, desde o blg da nosa biblioteca, denunciamos esta práctica e facemos o que está na nosa man para sensibilizar ao noso alumnado ante este tema.

Para ver os vídeos clica aquí.

xoves, 11 de febreiro de 2021

#NoMoreMatildas

    O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e, por iso, hoxe, queremos dar a coñecer #NoMoreMatildas, unha iniciativa da Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas que pretende visibilizar a mulleres científicas que servan de referentes para as nenas e adolescentes. 

    Foi a historiadora científica, Margaret W. Rossiter quen, co nome de efecto Matilda, quixo poñer de relevo o feito de que o traballo das mulleres científicas fose menos valorado que o dos seus compañeiros. Este nome, Matilda, fai referencia a Matilda J. Gage, activista que reivindicou o papel das mulleres na ciencia.

    Parécenos interesante amosar o material que inclúe esta iniciativa na súa web, porque pode ser útil para as nosas clases. Ademais deste vídeo, atoparedes o manifesto, a proposta dun anexo para os libros de texto (descarga gratuita) e contos ilustrados nos que imaxinan como tería sido a vida de científicos como Einstein, Fleming ou Schrodinger de ter nacido mulleres (descarga gratuita).

 Podedes consultar toda a información nesta ligazón https://www.nomorematildas.com/.

domingo, 7 de febreiro de 2021

TOLERANCIA CERO

UNICEF/Holt Fátima (Etiopía). Sometida a MXF cando tiña 1 ano
En palabras do Secretario Xeral da ONU, António Guterres, "A mutilación xenital feminina é unha terrible violación dos dereitos humanos que afecta á saúde e ao benestar de millóns de mulleres e nenas en todo o mundo". Por iso urxe, un ano máis, lembrar, este 6 de febreiro, o Día Internacional contra a Mutilación Xenital Feminina

Levamos anos, desde a biblioteca, proporcionando información desde este blog que podedes ver na entrada "Tolerancia cero", pero unha vez máis queremos amosar o noso rexeitamento ante esta cruel práctica. É absolutamente necesario dar a coñecer entre o noso alumnado este terrible sufrimento, que padecen moitas nenas e mulleres en distintas partes do mundo, e que se pode ver agravado pola actual pandemia. 


Recomendamos estes vídeos de "Unha parte de min" (https://www.unfpa.org/es/una-parte-de-mi), na que tres mulleres contan a súa historia (+ info https://news.un.org/es/story/2021/02/1487712).

UNFPA. Abuda Dawud (Etiopía) unha das mulleres que relata a súa vivencia.


mércores, 3 de febreiro de 2021

A TRAVÉS DO ESPELLO

    Convocamos un novo concurso e relacionámolo co Día da Muller Traballadora, para visibilizar a mulleres das artes, das ciencias e, tamén, a personaxes femininos de libros, cómics, cine, cadros... 

    Se vos gusta a fotografía e queredes amosarnos a esas mulleres que podedes imitar, participade!

    Haberá 5 premios. Máis info, no vídeo.