martes, 28 de maio de 2024

EN CANS

 Despois de ter lido Cans de Carlos Meixide nada mellor que trasladarse a este espazo de cine para facer un roteiro co propio autor. O alumnado de 3º ESO tivo o privilexio de compartir estes momentos inolvidables. Todo un luxo!



xoves, 23 de maio de 2024

QUEN É QUEN NO PAÍS DOS ESPELLOS?

 Novo concurso que nos servirá, tamén, para dar a coñecer a grandes escritoras e escritores que xa están un pouco esquecidos entre a rapazada. 

Seguide as pistas que podedes atopar no título dos libros e averiguade, coa axuda das fotografías, os nomes deses autores e autoras. Cubride a ficha que atoparedes na biblioteca e nos espazos lectores. A data límitepara participar é o 7 de xuño.

Ademais, seguro que hai caras que vos soan, non? Pero isto xa non forma parte do concurso😃

LEMOS FILOSOFÍA

 Novas lecturas filosóficas para o noso alumnado para espertar a capacidade crítica e dar a coñecer o mundo da filosofía entre a mocidade. Libros, moitos deles, de fácil lectura. 

A FORZA DOS BICOS NA NATUREZA

 O Departamento de Bioloxía tamén contribuíu ao PDI con A forza dos bicos na natureza, un traballo realizado polo alumnado de 1º ESO e 1º de bacharelato. Unha preciosidade de investigación. Parabéns!!


Biblioteca Castro Alobre

luns, 20 de maio de 2024

LUÍSA VILLALTA

 Este ano o Día das Letras Galegas homenaxeou a Luísa Villalta, escritora, docente e violinista. Ademais de expoñer os libros da biblioteca esta escritora, o alumnado e 3º PDC leu aspectos relevantes da súa biografía.

EL BESO

No departamento de Lingua castelá, o alumnado de 2º ESO tivo que ir á Biblioteca para buscar unha obra literaria onde aparecese un bico. A partir dese bico, tiñan que elaborar un traballo no que se explicase por que os personaxes se bicaban, quen escribiu a obra (cunhas pinceladas da súa autobiografía) e afondar na historia e nos personaxes. Ademais, tiñan que desenvolver unha breve historia. Finalmente, expuxeron na clase as súas pescudas.

mércores, 15 de maio de 2024

CONTRA A LGTBIFOBIA

O día 17 de maio é o Día Internacional contra a LGTBIfobia. O Grupo de Diversidades Afectivo-sexuais pide a colaboración de todo o profesorado para a lectura dun manifesto, baseado nun texto da nosa compañeira Carme Moure. 

A Biblioteca apoia a lectura deste texto e quere facelo público neste blog, porque...

"Somos un centro inclusivo e igualitario 

e traballamos para mantelo cada día"  

MENTIRA DE CARE SANTOS

 E seguen as xuntanzas do Club. Curuxaina reuniuse para falar de Mentira de Care Santos, un libro que gustou moito, tanto que temos que mercar os outros dous libros para completar a triloxía.

Máis info na ligazón do blog do Club.

https://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2024/05/o-club-curuxaina-reuniuse-para-falar-de.html

MOITO MÁIS QUE XESTOS

  Na xuntanza do club E ti que contas? falamos de xestos. Tras a lectura de Pequeños Grandes Gestos en el deporte, falamos da importancia dalgúns deportistas xa non por ter acadado vitorias deportivas, senón por defender os dereitos humanos, a igualdade e rexeitar determinadas imposicións nada democráticas. Tamén falamos deses pequenos grandes xestos que, cada día, facemos nós por mellorar a convivencia e que nos fan sentir mellor persoas.
Máis info e máis fotos no blog do club 

domingo, 5 de maio de 2024

CONTRA O ACOSO ESCOLAR

 O 2 de maio celebrouse o Día Internacional contra o Acoso Escolar. Un grupiño de alumnas e alumnos gravaron un vídeo para concienciarnos de que hai que loitar contra os estereotipos que, ademais, son motivo de acoso escolar.

Felicitamos a este alumnado pola súa valentía porque, lonxe do que poidamos crer, aínda hai xente que se sente co dereito ao insulto. 

Todo o noso apoio para calquera persoa que por diferentes motivos (culturais, relixiosos, de orientación sexual...) se sinta perseguida e acosada.

Loitemos contra o acoso escolar!!!

venres, 3 de maio de 2024

TEREI OU NON TEREI?

 O Dia do Libro foi realmente especial. O profesorado sumouse a nosa proposta e ninguén quedou sen libro, así que o curso que vén xa teremos que buscar outro nome para esta celebración, porque "Imos ter!!"😀

Compartimos libros e doces e uns momentos moi agradables. E agora, a ler e a volver pola biblioteca!

Agardámoste cos libros abertos

xoves, 2 de maio de 2024

LECTURAS VIVAS POLIFÓNICAS II

 Para celebrar o Día do Libro, promovemos, de novo, Lecturas Vivas Polifónicas.  Todo o alumnado de ESO fixo unha lectura compartida en voz alta dun relato escollido polo departamento de galego e castelán.



EN AGOSTO NOS VEMOS

 En agosto nos vemos, obra que os fillos de Gabriel García Márquez decidiron publicar, foi a lectura compartida nesta xuntanza do club. En xeral, gustou, sobre todo, o primeiro capítulo. Comentouse que algunhas secuencias parecen estar pouco desenvolvidas (como a da filla monxa), atopáronselle semellanzas con Memoria de mis putas tristes e abriuse un debate interesante sobre a decisión de publicar un libro en contra da vontade do escritor (neste caso). tamén falamos da importancia da persoa editora na publicación dun libro.

Despois do intenso debate, xa escollemos a próxima lectura. Nada menos que unha traxedia grega, Medea de Eurípides.

II FEIRA PORTUGALEGA

 O 25 de abril celebrouse a II Feira Portugalega organizada polo alumnado correspondente. Coma sempre, aí estivo a profe Marisa, que non para de traballar, coordinando a mozos e mozas na irmandade da cultura portugalega. Recordaron os 50 anos da Revolución dos Caraveis e escoitamos a canción "Grandôla, vila morena", que se convertiu no himno do derrocamento do réxime ditatorial salazarista.


II Feira Portugalega de Biblioteca Castro Alobre

A XENTE NON CAMBIA

"A xente non cambia, quita a máscara" é a proposta artística do alumnado de plástica. Estes días expóñense os seus traballos na cafetería, uns deseños dignos do Entroido.