martes, 27 de outubro de 2020

UNHA OLLADA VIOLETA

    A biblioteca convoca o concurso fotográfico Unha ollada violeta. Poderá participar todo o alumnado do centro. Entre as fotos que enviedes ao correo da biblio bibliocastroalobre@gmail.com, seleccionaremos as tres mellores. O premio consistirá en vales para mercar en calquera dos comercios de Vilagarcía adscritos a Zona Aberta:

                        1º premio: 100€

                            2º premio: 80€

                                3º premio: 50€

     Tedes de prazo ata o 22 de novembro. Podedes ver aquí o cartel anunciador e as bases. 




domingo, 25 de outubro de 2020

Día das Bibliotecas

    O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas. Este curso preséntase realmente difícil, pero non por iso nos imos desanimar. Trataremos de levar á comunidade educativa propostas de lecturas, utilizando este blog como canle de comunicación; tamén, intentaremos achegarvos as creacións do noso alumnado, un xeito diferente de participar nas actividades da biblioteca.

    Botamos de menos a eses mozos e mozas que viñan buscar libros, que viñan a ler, a estudar ou a participar nos nosos concursos. 

    Tiñamos unha biblioteca con vida, con moita vida, e é iso o que queremos lembrar neste Día das Bibliotecas. 

    Porque non deixaremos que este virus faga esquecer a Biblio Castro Alobre, esta é A nosa biblioteca: así era e así seguirá sendo.





domingo, 18 de outubro de 2020

A LOITA COTIÁ DAS MULLERES POR ESTAREN AÍ

O 19 de outubro celébrase o Día das Escritoras. Como en anos anteriores sumámonos á iniciativa da Biblioteca Nacional de España, que organiza en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. O seu obxectivo é "reivindicar la labor y el legado de las escritoras a lo largo de la historia".

Este ano a comisaria Elvira Lindo selecciona textos que nos van falar do esforzo cotiá das mulleres. Intentaremos transmitir ao noso alumnado os pensamentos e sentimentos destas escritoras. 

Ademais, este ano, temos unha colaboración moi especial para conmemorar este día. Queremos agradecer ao profesorado do Departamento de Galego do noso centro a escolla de textos de escritoras en lingua galega e portuguesa, para achegarllos ao noso alumnado. Unha Hora de Ler interesante e variada.

Escritoras en lingua galega👉https://www.canva.com/design/DAEKVd_vsaE/jvpgTY4-N83xZQK2-eXBDA/view?presentation

Escritoras en lingua portuguesa 👉 https://www.canva.com/design/DAEKB94M3qY/ViiBKGoRENfalMUZLIl7YA/view?presentation#5