domingo, 24 de decembro de 2017
"CONTA A LENDA..."
Xa temos gañadora do primeiro concurso da biblioteca. Patricia Cobo Torrado, baixo o pseudónimo Invivo, conseguiu o premio de 70€ que poderá canxear na libraría de Vilagarcía que ela elixa.
Parabéns, Patricia!
venres, 22 de decembro de 2017
UN PERCORRIDO POLA AMAZONIA
Esta última semana antes do Nadal, o alumnado de 4º ESO puido escoitar as experiencias vividas por Gabriel, profesor de Física do noso centro, na Amazonia. O seu relato, interesante e ameno, deunos a coñecer aspectos da vida dalgún destes pobos e os problemas que deben afrontar.
luns, 11 de decembro de 2017
IV CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS: DESCUBRIMENTOS E INVENTOS
A Biblioteca vén de gañar un dos premios do IV Concurso de Traballos por Proxectos convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na modalidade Proxectos Documentais Integrados coordinados desde a Biblioteca escolar. A resolución da convocatoria aparece hoxe publicada no DOG.
Como coordinadora, quero agradecer ao equipo da biblioteca (Sonia Omil, Mila Torrado, Mariola Rodríguez e Carlos Cid) o seu traballo, o seu esforzo e o seu ánimo para que este proxecto saíra adiante. Son moitas as horas de adicación que merecen ser recoñecidas.
Tamén debo agradecer ao profesorado a boa predisposición para implicarse nos proxectos que, desde a biblioteca, propoñemos. Somos conscientes de que, ás veces, supón un grande esforzo pero, aínda así, deciden adicarlle algunhas sesións a ver algún dos contidos curriculares enlazados coas nosas propostas. O certo é que a implicación do profesorado é indispensable para facerlle chegar o proxecto ao alumnado.
Comparto con todos e todas vós o proxecto que presentamos e o blog no que está aloxado.
E, de novo, grazas pola vosa colaboración.
Comparto con todos e todas vós o proxecto que presentamos e o blog no que está aloxado.
E, de novo, grazas pola vosa colaboración.
DEREITOS DOS POBOS INDÍXENAS
O 10 de decembro conmemórase o Día Internacional dos Dereitos Humanos. O alumnado de 3º PMAR quixo recordar este día, lembrando aos pobos indíxenas. Segundo datos de Nacións Unidas, existen polo menos 5000 pobos indíxenas compostos por uns 370 millóns de persoas en máis de 90 países dos distintos continentes.
O 13 de setembro deste ano celebrouse o 10º Aniversario da Declaración da ONU sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas. Esta Declaración "é o instrumento internacional máis completo que existe sobre os dereitos dos pobos indíxenas. Nel establécese un marco universal de normas mínimas para a supervivencia, a dignidade e o benestar dos pobos indíxenas e tamén se profundiza nos instrumentos dos dereitos humanos existentes e se clarexa como estes se aplican á situación particular dos pobos indíxenas" (Nacións Unidas).
Deixámosvos a selección feita polo alumnado dalgúns dos artigos desta Declaración. Este traballo elaborouse dentro do Proxecto Documental Integrado "Rescatando Culturas"
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)