xoves, 27 de outubro de 2022

DÍA DAS BIBLIOTECAS

O 24 de outubro é o Día das Bibliotecas, así que aproveitamos para que a rapazada de 1º ESO veña á Biblioteca. Estes días seguiremos facendo a formación de usuarios e usuarias. Informaremos do funcionamento, das normas, dos préstamos, das actividades que realizamos..., de todas esas cousiñas que debe coñecer o alumnado que, por primeira vez, chega ao noso centro.

O alumnado de 1º ESO B foi o primeiro en "formarse" e pasar un rato agradable, facendo un acróstico. Tiñan que buscar títulos de libros e nomes de personaxes para averiguar o tema do PDI deste curso. E conseguírono!!!



HAMNET

Hamnet de Maggie O'Farrell foi a primeira lectura do Club do profesorado. Gustou a prosa descritiva desta escritora e engaiolounos Agnes, personaxe moi potente, máxico e "moi galego". Sentimentos como tenrura e tristura apareceron ao longo de toda a xuntanza. Sen dúbida, unha lectura moi recomendable.
Polo demais, foi un momento moi agradable na casa dun Curuxaino, que tivo a amabilidade de deixarnos compartir esta lectura nun espazo moi acolledor. Tivemos, tamén, sorpresa final e musical.
Grazas a Sabarís e a Ángeles pola súa hospitalidade.

E xa temos as próximas lecturas. Pura pasión de Annie Ernaux e Así fala Penélope de Marta Dacosta, unha proposta poética.

mércores, 19 de outubro de 2022

E, POR FIN, CHEGOU BEA

Despois da contextualización que fixo onte María Lobo, hoxe foi a quenda de Bea. Acompañada de Carolina (da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento), esta muller activista nun país, O Salvador, no que resulta moi difícil selo, relatou as discriminacións que sofre a muller e contou os problemas aos que se ven sometidas as mulleres de calquera rango de idade, cando sofren un aborto natural ou a súa vida corre perigo de seguir co embarazo. Non teñen opción, se son denunciadas por abortar, serán xulgadas e condenadas por homicidio a uns trinta anos de prisión ou máis. Terrible. Falounos, tamén, de moitas nenas de 9 a 12 anos violadas, a maioría das veces, por homes coñecidos. Unha vida interrumpida, a das menores, que deben deixar os estudos para coidar da criatura no caso de que queden embarazadas. As desigualdades sociais do país tamén se deixan notar neste ámbito, o da educación.

A vida de Bea está repleta de experiencias e de loita por visibilizar as inxustizas das mulleres de O Salvador. Estes días está percorrendo diferentes vilas e cidades de Galicia para dar a coñecer estas historias que, non por lonxanas, deben quedar esquecidas. Un grande privilexio escoitala. Seguro que a rapazada presente recolleu a súa mensaxe.

Grazas por estar entre nós.



martes, 18 de outubro de 2022

BEA, Á PROCURA DA LUZ

Hai uns días a Coordinadora Galega de ONGD fíxonos unha proposta que non dubidamos en aceptar, un obradoiro para sensibilizar e traballar a igualdade de xénero e o feminismo desde unha perspectiva global e intercultural. Hoxe veu María Lobo de Agareso para dar a coñecer a realidade de O Salvador e facer reflexionar ao alumnado sobre a importancia do activismo. Alumnas e alumnos de 3º ESO B e D do Proxecto Competencial sobre Voluntariado lingüístico, impartido por Marisa, escoitaron con atención o que María lles contaba. Este obradoiro dará paso mañán a Bea Salazar, quen falará en primeira persoa das súas experiencias e da súa loita na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos. Non cabe dúbida de que o seu testemuño será do máis interesante.

luns, 17 de outubro de 2022

DÍA DAS ESCRITORAS

 "Antes, durante y después de las guerras" é o tema escollido este ano para celebrar o Día das Escritoras. A biblioteca quere rendir unha homenaxe ás Loitadoras de hoxe, Loitadoras de sempre. Por iso, propón como lectura na Hora de Ler os textos seleccionados pola comisaria Carmen Domingo e que a Biblioteca Nacional nos envía desde hai uns anos.

Podedes ver máis información deste día na páxina da Biblioteca Nacional https://diadelasescritoras.bne.es/edicion-2022/


domingo, 16 de outubro de 2022

VOLVE O NIÑO DA CURUXA

Despois dun final de curso con bastantes percances, iníciase este novo curso de igual maneira o que nos mantén alonxados do blog ata agora. Esperamos retomalo con forza e continuidade como vén sendo habitual ao longo destes anos.

Imos botar moitísimo en falta a Sonia, unha grande compañeira que daba forma e visibilidade a todas as propostas do equipo. Un luxo ter contado con ela estes anos! Desexámoslle moi boa sorte no seu actual destino.

Tamén marchou Ana, que deu vida ao Club do alumnado. Outra mágoa para nós. Así que foron dúas as baixas importantes no equipo das que nos acordaremos moitísimo. A quen lle temos que dar a benvida é a Antonio, profe de galego, que se incorpora a este proxecto. Sempre necesitamos novas ideas para seguir adiante. Por certo, xunto con Teresa encargarase do Club. E de O niño da Curuxa queremos falar. Primeiro, porque vos deixamos un vídeo resumo do curso pasado e, segundo, porque xa tivemos unha reunión co alumnado. A primeira lectura será O segredo da casa de Formoso de Héctor Cajaraville. Podedes ver máis información no blog Curuxaina

 http://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2022/10/o-club-curuxaina-esta-de-volta.html