xoves, 21 de marzo de 2024

DÍA DA POESÍA

 No Día da Poesía recordamos poetas e libros.



Escoitamos as voces poéticas das alumnas de 3º ESO.

Día da poesía 21 de marzo de 2024 de Cristina Ferreira
Día de poesía de Alisha Sheraz
DÍA DA POESÍA de Sara Montoya

mércores, 20 de marzo de 2024

HOXE FALAMOS DE BANDA DESEÑADA

 Interesante encontro con Xaime Lis, libreiro e experto en cómics. Esta foi a maneira de celebrar desde a biblioteca o Día do Cómic e do Tebeo.

Comezou Xaime coas diferentes palabras que se utilizan para falar de cómics: banda deseñada, novela gráfica, manga, quadrinhos, tebeo, historieta, fumetto... Todas elas designan o mesmo, debuxos acompañados de texto.

A continuación, fixo un percorrido polos precedentes do cómic como as pinturas rupestres ou a columna de Traxano que xa contaban historias. Falounos da importancia do descubrimento da imprenta en 1453, das primeiras litografías en 1798 e dos primeiros cómics en 1830. Todo un luxo escoitalo e ver a selección de imaxes que, ao mesmo tempo, comentaba.

Finalmente, falou do cómic europeo, dos fanzines (feitos por persoas afeccionadas que non teñen outros medios de publicar), das historietas de tema social ou de creadores de cómic como Osamu Tezuka, Moebius, Joe Sacco, Enma Ríos ou Miguelanxo Prado.

Por suposto, o cómic en galego tamén ocupou parte da súa intervención, así como o aumento de autoras femininas.

Destacamos a súa reivindicación para que os autores e autoras de banda deseñada sexan máis valorados, porque son grandes artistas.

Agradecemos a Xaime que estivese con nós  e compartise os seus coñecementos coa rapazada do Club de lectura. Pronto teremos na biblioteca as súas recomendacións.


martes, 19 de marzo de 2024

A FORZA DAS MULLERES NAS ARTES

A forza das mulleres nas artes é a proposta da biblioteca para o Día da Muller. Queremos dar a coñecer a grandes mulleres descoñecidas e facémolo mediante un concurso. Ademais do alumnado, poderá participar o profesorado. Convidamos a profesores e profesoras que animen á rapazada. É unha maneira máis de implicarse neste día. Podemos falar delas e seguro que de moitas máis.

A forza das mulleres nas artes de Biblioteca Castro Alobre

MOMENTOS COMPARTIDOS

 Nova xuntanza do club E ti que contas? Esta vez tocounos ir ao cole a ler sobre Rafa Nadal, xa que este curso están a traballar as Olimpiadas e nós sumámonos ao proxecto. Coma sempre, pasamos un momento moi agradable. Falamos de tenis, viaxamos con Rafa a EEUU, París, Londres, Roma, Australia..., Claudia e Alberto explicáronnos o mural que fixeran na clase e as nosas alumnas mostráronlles unha selección de 10 tenistas (cinco mulleres e cinco homes) con algúns datos que quixeron destacar.

Rematamos a sesión cun xogo no que tiñamos que agrupar pictogramas segundo o deporte que representaban. Agora no cole van facer un mural cos debuxos de Lidia, Alisha, Emily, Sara, Cristina, Emanuella e Nuria.


luns, 18 de marzo de 2024

VELLOUCAS & MINCHAS

 Que interesante xuntanza !! O alumnado do club de lectura puido falar con Lorena de Velloucas & Minchas. Todo un luxo poder compartir opinións e, tamén, poder facerlle preguntas sobre o seu labor como escritora.

FALANDO DE LIBROS

 Xuntanza interesante do Club de lectura para falar de La biblioteca de las lectoras valientes. Sorprendeunos a historia real na que se basea o libro por descoñecida, pero non nos atrapou a lectura do libro. Pensamos que podía dar máis de si. A voz narradora non nos gustou, atopamos algunha incoherencia e algunha escena realmente incrible. Un libro entretido, pero sen máis. De todos modos, alegrounos saber que, en tempos de guerra, existía unha biblioteca subterránea que trataba de entreter cos seus préstamos a moitas persoas nuns momentos tan terribles.

OS BICOS

O alumnado de 3º ESO participou no PDI "A forza dos bicos" en Valores cívicos e éticos. Traballaron en grupos sobre Os bicos nas diferentes culturas, Bicos e consentimento, Bicos e educación sexo-afectiva, Bicos e dereitos LGBTQ, Bicos e amor romántico ou Bicos na arte ou na historia. Finalmente, expuxeron na clase toda a súa aprendizaxe que, seguro, foi moita.

Grazas Adela (xefa do departamento de Filosofía) por participar noa proxecto a parabéns ao alumnado.

BICOS FORZADOS

 Bicos forzados é a contribución do departamento de Grego ao PDI deste curso "A forza dos bicos". O alumnado de Cultura clásica de 4º ESO tivo que informarse sobre mitos nos que se contaban violacións, raptos ou persecucións. Despois de ter comprendida a información, debían seleccionar a parte da historia na que estivese presente a violencia machista. Finalmente, elaboraron un mural para expoñer nos corredores  o 25 N. 

xoves, 7 de marzo de 2024

GRANDES ARTISTAS

 Os cómics son libros moi solicitados na nosa biblioteca. As ilustracións acompañadas (ou non) de texto marabillan á rapazada. Nós tamén temos Grandes Artistas aos que lles gusta debuxar e quen sabe se, algún día, ilustrarán eses libros que tanto len.

Happy wedding anniversary ! de Biblioteca Castro Alobre