Amosando publicacións coa etiqueta EpDLAB. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EpDLAB. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de xullo de 2019

EPDLAB: APRENDENDO A SER MELLOR

Rematado o curso, chegan as valoracións e nada mellor que este vídeo resumo dos obradoiros nos que participou o alumnado de 3º PMAR, para comprender a importancia deste proxecto.
Podedes consultar todos os obradoiros realizados nesta ligazón
https://epdlab.gal/institutos/ies-castro-alobre/.

Grazas, Agareso, por darnos a oportunidade de participar nel.

xoves, 17 de xaneiro de 2019

BULOS OU FAKE NEWS

Novo ano e nova sesión do EpDLab. A importancia de non quedarnos só co titular das noticias, buscar información o máis obxectiva posible e non deixarnos manipular son algunhas das conclusións que o alumnado puido sacar desta actividade. Ao final, como sempre, a parte práctica, a edición dun vídeo para rexeitar as falsas noticias.









Se queredes saber como descubrir un bulo, este é o vídeo que puidemos ver.


Tamén podedes visitar Stop rumores, Stop bulos.

xoves, 27 de decembro de 2018

A LINGUAXE IMPORTA?

A última sesión deste ano no EpdLab resultou, como sempre, moi enriquecedora. Esta vez, María foi a encargada de facer reflexionar ao alumnado acerca da linguaxe empregada polos medios de comunicación. Déixovos a lizazón ao blog do Epdlab, por se vos apetece ler a entrada do noso instituto e, tamén, a dos demais participantes no proxecto.




xoves, 22 de novembro de 2018

SEXISMO NOS MEDIOS

Volve, de novo, EpDLab cun tema realmente interesante, o sexismo nos medios de comunicación. O alumnado de 3º PMAR debatiu intensamente sobre a imaxe da muller na publicidade, nas series de televisión, nalgúns libros... Momentos de debate pero, tamén, de reflexión.
Como conclusión desta segunda sesión, a convicción de que aínda queda moito por facer.


martes, 30 de outubro de 2018

ARRINCA UNHA NOVA EDICIÓN DO EpDLab

No post anterior falabamos do primeiro obradoiro no que 3º PMAR iniciaba a súa andaina en EpDLab, un proxecto, como diciamos, moi interesante, motivador e formativo.

Agora Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) publica na súa web os inicios desta nova etapa. "A nosa idea inicial foi traballar na reflexión sobre a desigualdade social dende unha perspectiva mediática... A partir de metodoloxías de acción-investigación, desenvolvemos esta tarefa usando apps, ferramentas de creación dixital e contidos dos medios de comunicación; en paralelo, traballamos a alfabetización mediática, o pensamento crítico, a comunicación inclusiva e a creatividade, co obxectivo principal de formar á cidadanía do futuro na denuncia da desigualdade, na loita pola xustiza social e na participación activa."

Invitámosvos a coñecer esta proposta e o traballo do alumnado nas súas webs.


venres, 26 de outubro de 2018

AVANZANDO CARA A IGUALDADE COAS NOVAS TECNOLOXÍAS


Hoxe comezamos a andaina no EpDLAB. Un proxecto novo, non para o instituto (que xa participou o curso pasado) , pero si para nós. EpDLAB é un proxecto de Educación para o Desenvolvemento promovido por Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) no que están implicados 5 IES de Galicia. O seu obxectivo é "promover a reflexión colectiva sobre a desigualdade social dende unha perspectiva mediática, así como fomentar o pensamento crítico e motivar a expresividade e a responsabilidade no uso das redes sociais."

Van ser once os alumnos e alumnas, de 3º PMAR, que se van beneficiar deste proxecto. Hoxe coñeceron a Roi e participaron nas tarefas que lles ía presentando. Faloulles de sexismo e roles de xénero nos medios. Tema moi interesante e necesario para a formación da nosa rapazada, no que o noso centro, como sabedes, ten xa un longo camiño percorrido. Esta actividade non vén máis que a reforzar o noso traballo e o noso compromiso coa igualdade e os colectivos sociais máis desfavorecidos.

O alumnado comezou a traballar, primeiro, timidamente e, logo, con máis desenvoltura. Son uns rapaces e rapazas moi especiais que aproveitarán moitísimo estes obradoiros.

Sexismo, machismo, identidade, roles de xénero… Palabras todas elas que invitan ao debate e á reflexión. E, para finalizar, o resumo da sesión nunha imaxe (coa App Phonto) e unha frase.




Desde a biblioteca escolar intentaremos promover esta actividade de cara ao 25 de novembro, ligándoa ao noso proxecto Bibliomedia: unha invitación á comunicación.

E, para rematar, quero compartir a frase dun alumno: “Debemos ver o mundo cunha mirada crítica”.


Grazas EpDLAB.
Grazas Roi.